A 35ª Muestra de Teatro Joven de Donostia, na que participaron un total de 180 mozas e mozos, divididos en 18 grupos, vén de resolver os seus premios. O xurado, composto pola actriz Maria Blanco e os actores Luix Mitxelena e Omar Somai, decidiu a pasada fin de semana outorgar o premio á mellor obra á peza Deixando a pel, da Compañía de teatro universitario da USC- Lugo.
An González, coordinadora da Aula de Teatro da USC – Lugo dende 2022, é a directora da compañía, que traballa teatro físico dende o adestramento dos view points. Esta está formada por sete mulleres, todas elas universitarias de entre 18 e 30 anos, “que tentan expresar a través da arte as problemáticas da actualidade co desexo de construír unha arte mobilizadora e transformadora da sociedade”.
A peza premiada, Deixando a pel, danza entre varios mundos, varias personaxes presas da mesma historia que tratarán de sobrevivir nunha sociedade deshumanizada. “Cal é o límite dunha persoa? Non é a sociedade a que está mal? Canto podemos oprimir un ser humano ata que faga o innomeable?” Esas son algunhas das preguntas que expón a peza, cuxa temática xira arredor de da xuventude, o amor, o suicidio adolescente, a disforia de xénero e a crítica social.
A obra foi estreada o 16 de Abril no 30º Festival de Teatro Universitario de Lugo, posteriormente foi representada en Santiago de Compostela (na Mostra de Teatro Universitario de Galicia), en Pamplona (na Mostra de Teatro, UPNA), en Ourense (na MITEU, Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense), en Lisboa (no Festival Anual de Teatro Académico de Lisboa, FATAL) e en Donosti (XXXV Mostra de Teatro Joven), onde resultou premiada.
Ficha artística e técnica
Dirección, dramaturxia e espazo escénico: An González
Integrantes da Compañía universitaria de teatro da USC – LUGO: Aitana López, Alba Giráldez, Anna Aycoberry, Andrea Maseda, Mohja Bouferma, Camila Besuschio e Ana Páez.
Técnica: Zoe Vixion
Fotografía: Laura Pose