O Centro Dramático Galego vén de abrir a convocatoria dun novo proceso de selección no que se elixiran 22 intérpretes para configurar os elencos das dúas producións propias da súa temporada 2024-2025. Lorena Conde e Pablo Reboleiro dirixirán estas novas propostas baixo os títulos provisionais de Mesiña, ponte! e Countdown, respectivamente, que iniciarán ensaios en novembro e decembro deste ano cara á súa estrea en 2025.
Fábula arredor dunha familia obreira galega
Das 22 prazas convocadas, 15 corresponden a Mesiña, ponte!, a partir dun texto da propia Lorena Conde, que poderá verse en escena a partir do mes de marzo. Trátase dunha fábula arredor dunha familia obreira galega nos anos noventa do século pasado, a través da que se aborda como, en moitas ocasións, o traballo fabril acabou por invadir as vivendas e mesmo as vidas das familias.
Lorena Conde conta cunha traxectoria de máis de 15 anos como dramaturga e directora teatral, facetas que compaxina coas de actriz, artista plástica, narradora e poeta, entre outras. É cofundadora das compañías galegas Matrioshka e A Feroz, e no eidos das artes aplicadas e a ilustración desenvolve un labor de experimentación no seu taller, A Maranha.
A segunda das producións propias da nova temporada da unidade teatral da Xunta, Countdown, desenvolverase a partir dos textos de Clara Gayo e Pablo Reboleiro, con dirección deste último e sete intérpretes en escena. Neste caso, a estrea está prevista para o mes de setembro do próximo ano.
Circo para a reflexión
A montaxe concibirase como un trepidante espectáculo multidisciplinar, no que o circo levará a batuta, para abordar unha reflexión sobre o momento actual marcado pola emerxencia medioambiental e climática, o esgotamento das reservas enerxéticas, a crise e desaceleración económica e financeira, a tensión internacional ou o auxe dos extremismos.
Cóntase para este proxecto co artista multidisplinar Pablo Reboleiro, cofundador de Pistacatro e creador e director de numerosos espectáculos cos que ten xirado por diferentes países e nos que propón una mestura de circo, danza e teatro, sempre dende a base cómica e humana do pallaso.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de solicitude para participar neste proceso do Centro Dramático Galego dará comezo mañá e permanecerá aberto ata o venres 27 de setembro. En ambos os casos, buscarase a creación coral en escena a partir dos textos propostos e valorarase a versatilidade interpretativa das persoas candidatas. Ademais, o elenco de Mesiña, ponte! debe representar un amplo rango de idades e seleccionaranse tamén algúns perfís transdisciplinares, con coñecemento e experiencia creativa en ámbitos como a música ou a danza. Para Countdown, prestarase especial atención ao traballo xestual, de movemento e nas disciplinas circenses.
Consulta aquí as bases completas do proceso de selección de 22 intérpretes do CDG