A Xunta de Galicia vén de dar a coñecer os grupos gañadores da especialidade de teatro do certame Xuventude Crea 2024, despois das representacións que tiveron lugar durante a pasada fin de semana no Salón Teatro de Santiago. Na fase final desta categoría o xurado outorgou o primeiro premio na modalidade Pro a Coidadobastón!, de Redondela (Pontevedra), coa peza Recordari, e na categoría Amador a Ska-Rnio Escénico, de Rianxo (A Coruña), coa obra Fraktal.
Ademais, na sección Amador recoñeceuse co segundo premio a LaBarata producións, de Santiago de Compostela, que representou Ingobernábeis (Apto/non apto), e co terceiro a O Cadro, de Taboadela (Ourense), coa peza A puta namorada. Así mesmo, conseguiron o segundo e terceiro posto na modalidade Pro a compañía t.E.T.a, de Ourense, co espectáculo Que importante é e que pouco se fala, e Nauta Teatro, de Teo (A Coruña), con Ephímeros, respectivamente. Nesta última tamén recibiu unha mención de honra o grupo Ancoraxe, de Narón (A Coruña), coa peza Novecento.
Novos apartados
A división nestes dous apartados da categoría de teatro (Pro e Amador) é unha das novidades que incorporou o Xuventude Crea 2024 con respecto ás súas 14 edicións anteriores. Así, os grupos xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros, puideron participar na modalidade Amador, mentres que as compañías de nova creación, profesionais emerxentes ou grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia fixérono na de Pro.
Premios
Os primeiros premios de cada unha das seccións están dotados de 2000€, os segundos supoñen 1500€ e os terceiros 1.00€. Ademais do incentivo económico, o certame ofrece a oportunidade de visibilización dos traballos presentados, ao que se suma a colaboración do Centro Dramático Galego, que poderá apoiar as persoas ou compañías gañadoras no apartado Pro impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.
Os galardoados e galardoadas recibirán as distincións xunto co resto dos premiados nas distintas especialidades do certame, 16 en total, nunha gala final que terá lugar a mediados de decembro.