in ,

Xerar comunidade arredor da escena

Crónica e conclusións das Xornadas Profesionais de Escena Galega 2024, celebradas no marco do 33º FIOT de Carballo

Xornadas Escena Galega 2024 3
Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

En tempos cada vez máis acelerados é doado acabar activando, sen querer, o piloto automático, e custa poder deterse para ver o que se está a facer e o que están a facer outras persoas e colectivos, poñelo en común e reflexionar sobre os retos e dificultades e tamén sobre o conseguido, establecendo novas liñas de acción de cara ao futuro. É por iso que os espazos que favorecen a parada e o intercambio cobran cada vez máis relevancia, como portos nos que deternos para tomar perspectiva da travesía e deseñar novas follas de ruta. As xornadas profesionais de Escena Galega levan unha década consolidándose como un deses importantes puntos de encontro estable para abranguer diferentes cuestións de interese para o sector, escollendo cada ano unha temática concreta arredor da cal compartir experiencias e reflexionar.

Este ano xiraron arredor da relación entre as artes escénicas profesionais e os seus públicos, abordando o paso do concepto de espectador ao de comunidade arredor da escena. Celebráronse o 22 de outubro no que vén sendo o seu marco nos últimos anos, dentro da programación do Festival Internacional de Outono, FIOT, de Carballo, no Pazo de Cultura da localidade, e incluíron cinco mesas de debate: unha primeira sobre mediación como vía para expandir as relacións entre o público e a escena profesional; unha segunda que tratou a relación entre a escena amadora e a profesional na xeración de públicos para a práctica artística; unha terceira sobre o traballo da escena dende e para a poboación rural; unha cuarta sobre a comunicación cultural e os públicos; e unha quinta sobre o ámbito educativo e a escena; aínda que os temas se conectaban entre unhas mesas e outras xerando unha fluidez e interconexión.

Xornadas Profesionais Escena Galega 14
Inauguración das xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

Despois da inauguración das xornadas, que correu a cargo da produtora teatral Eva Alonso, membro da Xunta Directiva de Escena Galega; Alberto Sueiro, director do FIOT de Carballo, e Maruxa Suárez, concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, comezaron xa as presentacións e debates arredor dos temas propostos.

Mediación

Esta mesa, presentada e moderada tamén por Eva Alonso, desenvolveuse a partir da exposición de tres proxectos e as experiencias vinculadas con eles. Paloma Leal falou do proxecto de mediación que desenvolve coa compañía Baychimo Teatro en Zamora. Explicou  que son un grupo con máis dunha década de traxectoria especializado en público infantil e xuvenil que sempre tivera a inquedanza de “profundar no contacto” co seu público e “expandir a relación” con el, e que no ano 2016 lles xurdiu a idea de acompañar as exhibicións dos seus espectáculos cunhas actividades previas. Primeiro comezaron enfocándoas ás familias pero axiña viron que o que lles resultaba máis interesante era traballar cos centros escolares, e no ano 2017 conseguiron ter apoio local e autonómico para poñelas en marcha co alumnado de educación primaria.

Xornadas Escena Galega 2024 2
Mesa arredor mediación. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Fotos de Miguel Lamas Fotografía.

“Comezamos a facer este programa de mediación cando nin sequera estabamos familiarizados co termo mediación; non sabiamos que a estabamos a facer. Nós o que queriamos era que os nenos e nenas, cando fosen ver os nosos espectáculos, fosen coa curiosidade acesa”, explicou Leal. De aí o nome que lle puxeron ao programa: Cultivando Miradas, enfocado en ofrecer actividades de preparación para a obra que se vai ir ver. Non se centran tanto nos contidos específicos da peza, senón nas ferramentas e recursos escénicos do espectáculo que se trate: monicreques, danza, linguaxe xestual…, que as nenas e nenos poidan experimentar tamén de xeito práctico. Porén, os recursos non os imparten só para o alumnado, senón tamén para as e os docentes que os acompañan, que poden empregalos logo para afondar nos contidos nas súas clases. Despois da exhibición fan unha segunda actividade: unha charla ou coloquio posfunción, que detectan que se enriquece moito grazas á actividade previa.

O proxecto comezou coas propias pezas da compañía pero axiña medrou e se abriu tamén ás doutros grupos, zamoranos ou mesmo doutras comunidades autónomas; ademais, agora non só se fai en Zamora, senón tamén noutros municipios da provincia. Leal concluíu a súa exposición expresando que non lles gusta falar do que fan baixo o concepto de creación de público, xa que teñen os nenos e nenas en conta no presente, como o público que son xa agora.

Caterina Varela interveu a continuación para compartir a experiencia do proxecto Residencias Paraíso, impulsado polo colectivo RPM dende hai oito anos; un programa de residencias para a danza e artes vivas que creou unha rede de espazos co principal obxectivo de “apoiar a creación artística e a investigación”. Por iso, non só van á procura “dun proxecto que acabe cristalizando en obra”, senón que buscan tamén apoiar proxectos de artistas que queiran “perderse, no mellor sentido da palabra, nunha investigación, ou nun interese que queiran resolver”.

Varela quixo referirse tamén a unha das particularidades do proxecto, que é que normalmente as residencias rematan abríndose aos públicos, “amosándolles algo que non é unha peza pechada”. Iso débese á súa defensa da idea de que a apertura ao público se pode facer en calquera momento do proceso de creación. “Vemos que, cando eses procesos se amosan, se abren a un espazo de transmisión de coñecemento co outro que non se dá igualmente nunha peza pechada, e de proba, que abre moitos debates e que dá moitas pistas ao artista da cantidade de formatos posibles nos que unha obra ou unha investigación en proceso se poden despregar”, explica. Tamén compartiu a experiencia do encontro final que celebran cada ano con todas as artistas participantes na edición e con outras persoas convidadas pola organización, e lanzou a suxestión de que os festivais, como espazos de exhibición, terían que ter formatos menos convencionais nos que puidesen estar obras en proceso, como grandes espazos de relación co público, que considera que non están “suficientemente recoñecidos” tampouco polas propias artistas. Para ela “a mediación é esa tradución entre unha experiencia artística e un outro que convidas; saber contalo de distintas formas”, así que as Residencias Paraíso, “sen seren en si mesmas un proxecto de mediación, abrindo os traballos en proceso, conectan coa mediación”.

A última intervención de presentación da mesa foi a de Victoria Teijeiro, actriz, terapeuta ocupacional e doutora especializada en Teatro para a Inclusión Social, que compartiu a súa experiencia “como actriz con interese na sociedade”, dende a compañía La Quintana Teatro, e de xeito individual. Explicou que, logo de impartir clases de teatro a grupos en risco de exclusión social durante moitos anos, comezou a xuntar os grupos de colectivos determinados con outros xerais, “nun proceso de teatro inclusivo” baseado en proxectos, e que o seu rol como facilitadora de proxectos artísticos a conecta, dalgún xeito, coa figura de “mediadora”.

Xornadas Escena Galega 2024
Caterina Varela, Victoria Teijeiro e Eva Alonso na mesa sobre a mediación. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

Teijeiro quixo defender a importancia de formarse para poder facilitar os procesos dentro dos grupos, especialmente no caso dos máis heteroxéneos, algo que as artes escénicas, xa de por si, “favorecen”, e de ter en conta que xa non son só proxectos artísticos, senón “unha oportunidade para quen participa neles de facer un desenvolvemento persoal e social, xerando tamén un xermolo na sociedade”. Ademais, falou da dificultade para atopar espazos de creación e ensaio, da confusión que percibe aínda arredor da inclusión e da importancia da comunicación entre proxectos, “para non xerar divisións entre colectivos e unir forzas”. Para todo iso puxo como exemplo espectáculos de gran formato impulsados por ela: La gran boda e La gran boda 2.0, para compartir a experiencia dos procesos e para destacar a importancia deste tipo de actividades, ao crearen “oportunidades para participar en algo que van recordar toda a vida, alén do resultado final do espectáculo”.

De seguido, desenvolveuse un pequeno debate entre as tres participantes e o público asistente, no que abordaron cuestións como a inseguridade e a preocupación que teñen cada ano para saber se haberá unha renovación das axudas ao financiamento dos proxectos, que lles adoita vir de varias entidades. Nesa liña, Caterina sinalou que canto máis medra o proxecto e acada un maior volume, máis son as entidades que apoian e tamén é maior “a tensión económica”, se falla algunha das liñas de apoio. As tres explicaron como inflúen os prazos das axudas, se non coinciden cos dos proxectos, sobre todo cando se trata de convocatorias novas, o que leva a ter que decidir se arriscarse a contar coas que aínda non se resolveron cando arranca o proxecto, “lanzándose ao abismo”, como definiu Paloma esa escolla, ou non. Caterina  tamén aproveitou para pedir “a dignificación do traballo das e dos artistas independentes que traballan nesa liña de vontade social, de vocación pública, así como as autorías dos seus proxectos”, e Victoria para visibilizar o problema que supón que se chame as e os profesionais para levar proxectos que xa están definidos con problemas de base, sobre todo no caso daqueles relacionados coa inclusión.

Ámbito profesional e amador

Diego V. Meizoso, xerente de Escena Galega, foi o encargado de introducir e guiar o desenvolvemento da segunda mesa da xornada, enfocada en abordar as relacións entre o ámbito  amador e o profesional, e en como facer teatro ou practicar danza, maxia ou novo circo no ámbito do ocio e do tempo libre pode crear tamén novas comunidades de públicos interesados na escena profesional. A mesa comezou coa intervención de Antonio Vázquez Turnes, secretario da Federación Galega de Teatro Amador (Fegatea), quen falou da historia e evolución da entidade, que pasou de contar con 7 grupos no ano 2000 a aglutinar agora máis de sesenta, así como do seu funcionamento e de como se organizan os circuítos de teatro que desenvolven. De todos os seus obxectivos e actividades, destacou “como levan o teatro amador a todos os sitios onde a xente queira”, e a súa función social, xa que favorecen “que a xente se xunte para ir facer teatro, pero tamén para ir velo”. Tamén quixo facer mención á importancia da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador, PLATTA, da que forma parte a Fegatea, xunto coa Federación de Teatro Afeccionado de Castela e León, a erregueté | Revista Galega de Teatro, e a compañía portuguesa Teatro do Vez, como marco de encontro e convivencia entre persoas e linguas de diferentes contextos arredor do teatro.

Xornadas Escena Galega 2024
Mesa arredor da relación entre a escena amadora e a profesional. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

Deseguido, Dane García Níñez, compañeiro de Antonio na Asociación Cultural Papaventos, de Vedra, compartiu as claves da historia e das liñas de acción desta entidade, que naceu nos anos oitenta do século pasado e logo estivo inactiva durante moitos anos, ata que se retomou a comezos dos anos 2000 a través dunha escola municipal de teatro. Incidiu na importancia destes centros como marco para a creación de públicos, segundo a súa experiencia, e destacou a actividade de Papaventos como impulsora da compañía Andaravía Teatro e da Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia. Desta última explicou como organizan a súa programación, contando cunha función profesional, alén das pezas de teatro amador; e o compromiso que teñen co galego, escollendo as pezas nesta lingua, agás algunha, por proximidade, en portugués ou en asturiano. Ademais, quixo falar da liña formativa da asociación, Xs Papaventiñxs, defendendo que parta de profesionais, tanto nas clases para as nenas e nenos como para as persoas adultas (impartidas todas elas pola actriz Cristina Collazo); algo non só importante para a formación en si mesma senón para que a persoa docente sirva de conexión entre o eido amador e o profesional, e que o alumnado dos grupos tamén coñeza e asista a funcións de teatro profesional. Para el, facer teatro no ámbito amador si que favorece que as persoas se convertan en público do teatro profesional; algo que resumiu coa seguinte frase: “Facer teatro para ser público”.

A terceira persoa convidada da mesa era Anxo Lamelo, “como figura ponte entre o teatro profesional e o teatro amador”, segundo sinalou Diego V. Meizoso. Lamelo compartiu a súa experiencia no teatro dende os seus primeiros contactos coa escena. Explicou que a falta de mediación o botou nun primeiro momento fóra do teatro, cando na súa época escolar o levaron a ver dous espectáculos que conseguiron afastalo das artes escénicas durante moitos anos: “Foron terribles; seguramente os espectáculos estaban ben feitos e terían un valor intrínseco brutal, pero non eran o que necesitabamos aqueles nenos ou adolescentes naquel momento”.

Xa na súa etapa universitaria volveu conectar coa escena a través do teatro amador, ao que chegou dun xeito casual, e isto cambioulle a vida completamente, ao abrirlle a porta a moitas cousas, ata que se decidiu a dar o salto ao mundo profesional. Alegrouse tamén de constatar que agora xa non hai a confrontación que había antes entre o teatro amador e o profesional: “Creo que xa se superou, polo menos no meu ámbito máis próximo”, compartiu.

Aínda que cre que todo “o que orbita arredor do teatro vai axudar”, confesou que non tiña tan claro se o teatro amador estaba xerando público para o teatro profesional. “Pode que si nalgúns casos, e pode que non noutros”, reflexionou dende a súa perspectiva actual levando grupos de teatro amador e tamén como programador cultural en Lugo. “Hai xente que quere facer teatro pero non ver teatro, e aínda así si que fan próximo o teatro; igual non para eles pero si para as súas familias e persoas coñecidas, que, polo menos teñen a palabra teatro ou o feito teatral presentes nas súas vidas” dunha maneira ou doutra”, engadiu. Ademais, Lamelo quixo poñer en valor algo que xa comentara Antonio: “Como o teatro amador leva o teatro a moitos lugares, especialmente a lugares nos que habitualmente non hai teatro”.

Xornadas Escena Galega 2024 5
Mesa sobre as relacións entre o contexto amador e o profesional na escena. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

A mesa pechou cun debate compartido co público sobre os temas abordados. Fíxose referencia a numerosas cuestións e casos, como o das persoas do teatro amador que só consomen teatro amador; o da xente que comezou no amador e pasou ao profesional, tanto as persoas pioneiras do teatro profesional galego, como outras de xeito máis actual, non só na parte de interpretación, senón noutras áreas, mesmo as técnicas… Defendeuse a importancia de procurar que cada ámbito sume na obtención de públicos para o teatro profesional, e non pretender que o teatro amador sexa a única pasarela, cando o teatro amador para moita xente é en si mesmo unha experiencia social, que non ten por que implicar un interese por converterse en espectador ou espectadora de teatro profesional;  así como a do labor de educación de públicos. Dende o público tamén se fixo mención a que as persoas novas que fan danza non consumen danza, e houbo quen sinalou que isto non é sempre así, e quen apuntou tamén que, se son menores, a decisión ou impulso de ir ver espectáculos non é só delas senón tamén das súas familias, que é a quen hai que dirixirse, e que, de calquera xeito, a falta de interese tamén pode ter que ver co feito de que ao mellor os seus estilos de danza non estean representados nas programacións.

Por último, resaltouse o perigo que supón que un Concello tente facer a súa programación anual baseada en circuíto amador, e que compañías amadoras accedan a iso, en vez de procurarse unha convivencia harmónica, e salientouse a importancia de valorar as persoas que si que se volven espectadoras e os modelos que tenden pontes, en vez de poñer o foco nos que non.

Contextos rurais

Despois dunha pequena pausa, arrancou a terceira mesa do día, moderada pola actriz Rocío Salgado, integrante da Xunta Directiva de Escena Galega, que se centrou en abordar o traballo da escena profesional dende e para a poboación rural, a partir de tres casos concretos. O primeiro foi o espazo de creación A Casa Vella, situado en Amiadoso, do que falou a bailarina Nuria Sotelo, impulsora do mesmo con Rubén Vilanova. Sotelo quixo comezar a súa intervención facendo fincapé na importancia de falar de “contextos rurais”, e non “do rural en xeral”, xa que cada contexto rural é diferente e cómpre coñecer e afondar na súas particularidades. Unha das liñas fundamentais que desenvolven no seu proxecto son as residencias artísticas, que procuran que leven sempre aparellada unha actividade de mediación, enfocada como un diálogo entre as e os artistas e o contexto. Ás veces procuran abrir as pezas a outros públicos, que non son os específicos aos que van dirixidas, para xerarlles novos horizontes.

Xornadas Escena Galega 2024 15
Nuria Sotelo na mesa arredor dos contextos rurais e a escena. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía

Establecen proxectos de intercambio e colaboración con outros contextos e proxectos, ou encontros improbables entre artistas; e fan tamén labores de comisariado, formación, arquivo da creación contemporánea (a través do rexistro fotográfico e audiovisual dos traballos que acollen), exposicións e diferentes tipos de xuntanzas. Sotelo explicou tamén que, aínda que é complexo levar adiante un proxecto das características do seu, aí seguen: “Tentando sobrevivir, con moita ilusión, vendo como levar para adiante algo no que cremos”, resumiu.

Deseguido, colleu a palabra Marisa Vázquez, da Asociación Cultural Volta e Dálle, para abordar as claves da iniciativa Teatro das Cortes, que desenvolven no Vicedo, nunha zona de “gran dispersión de poboación”, e ler os textos que escribiran dalgunhas das persoas que integran a asociación e que non puideran asistir ao encontro, como Lucho Penabade ou Carlos Santiago, ademais de introducir un vídeo elaborado por Carlos Santiago que resumía o proceso de reconstrución do espazo, “un espazo reinventado”. Tal e como puxo en valor, o proxecto foi impulsado e desenvolvido por Pepe Penabade, con moito esforzo, e está a ter moi boa acollida, tanto por parte de xente de Galicia como tamén de fóra, e xa vai contando cun “público fiel”, destacando tamén o ambiente que se xera nas funcións.

Vázquez salientou a importancia que teñen proxectos coma este para a súa contorna pola súa “proximidade física”, especialmente para as persoas con problemas de mobilidade, e como xeran un contexto de achegamento ás artes escénicas, ao detectaren como moita xente da zona asistiu alí ao teatro por primeira vez na súa vida. Porén, quixo facer mención a que a ausencia de espazos alternativos de exhibición non só se dá no rural, senón que tamén se está a dar en contextos urbanos. A pesar do orzamento reducido que manexan, explicou que o coidado e a xestión eficiente dos recursos, xunto co vencello da comunidade, fan posible o avance do proxecto, que xa valora acoller e ofrecer residencias teatrais nun futuro, para ampliar as liñas de acción e de apoio.

Pechou a rolda de presentación de iniciativas desta mesa Idoia Ayestaran, que compartiu a súa experiencia nos proxectos Festikale e Bideart Zigoitia, en Zigoitia, Euskadi, dende a compañía Phanta Rei. Relatou a súa chegada a un lugar con 1600 persoas distribuídas en 16 aldeas, pero que contaba cun teatro, e como iniciaron a mediación coas mulleres rurais e a rapazada, a través de todo tipo de iniciativas dirixidas á dinamización. “Tiraba de nós o impulso da arte, que era unha ferramenta, xunto co corazón e a razón”, resumiu. Explicou tamén que viñan de moito percorrido e que se viron “nun lugar cun nivel cultural e económico moi bo pero cunha gran ferida, a Guerra Civil, que xeraba un malestar na comunidade”, así como con xente que non remataba de integrarse porque traballaba na cidade e só volvía á casa para durmir.

Xornadas Escena Galega 2024 8
Marisa Vázquez e Idoia Ayestaran, na mesa arredor dos contextos rurais e a escena. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

Tiñan un proxecto que querían probar coa comunidade e foilles posible facelo grazas a un apoio do Goberno vasco, que lles permitiu comezar a traballar con dous grupos piloto. A partir diso conseguiron que saíse unha normativa que apoiaba ese tipo de proxectos de mediación. O seu formula as seguintes cuestións: “Como xerar comunidade a partir das artes escénicas e das artes en xeral? E como facer que o teatro atraia moitos colectivos, mediante diferentes estratexias de programación de actividades?”.

Nestes anos, segundo compartiu, foron perdendo o apoio municipal e contan con pouco orzamento, pero foron adaptándose aos cambios. Desenvolven o proxecto en diferentes liñas, como a formativa, a de exhibición e a de integración dos públicos, e foron levando a cabo tamén moitas intervencións comunitarias, que orientaron cara a momentos folclóricos e da tradición colectiva, para integrar as diferentes comunidades e tipoloxías de públicos, favorecendo tamén a compoñente interxeracional. Porén, outras preguntas que se fixeron e se seguen a facer son: “Como facer que o público e o privado puidesen intervir da mellor maneira posible sen que tivesen que pagar peaxes, ou venderse, aproveitando tamén os circuítos que xa están establecidos? E como facer que toda a xente que se sente intervindo e celebrando a través dunha ferramenta artística que pode ser o teatro ou a danza sinta que fai algo que é marabilloso?”. Por iso buscan “acompañar que a tradición se revitalice”, adaptándose tamén ao calendario, ás rutinas e aos ritmos das persoas en cada mes do ano á hora de programar as súas actividades.

Na rolda final de diálogo entre as persoas participantes na mesa e o público, destacouse, ao igual que na primeira mesa, a inestabilidade no financiamento dos proxectos que lles supón depender de subvencións. Tamén quixo intervir Pepe Penabade para compartir algunha cuestión máis arredor do Teatro das Cortes, explicando que para el “foi unha terapia construílo e poder seguir facendo un traballo conectado coas artes escénicas”, e destacou a boa acollida que tivo, non só por parte do público, senón tamén das e dos artistas, que se adaptan ás posibilidades do Teatro das Cortes, tanto nas funcións como nas actividades complementarias (proxección de audiovisuais, ofrendas teatralizadas…). Resumiuno como un proxecto sen ánimo de lucro, pensado “para achegar o teatro a sitios impensables e xerar público”.

Xornadas Escena Galega 2024
Pepe Penabade nas Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

Comunicación cultural

A cuarta mesa, que pechou o bloque de contidos da mañá das xornadas, centrouse na abordaxe da comunicación cultural, e, en concreto, dos retos de futuro específicos para as artes escénicas profesionais. Foi a produtora, distribuidora e xestora de proxectos culturais de circo Belém Brandido, e tamén integrante da Xunta Directiva de Escena Galega, quen abriu e dirixiu as intervencións das persoas participantes e o diálogo posterior co público asistente. Quixo facelo sinalando a escaseza de profesionais da comunicación especializadas e especializados no sector, así como de estratexias de comunicación adaptadas aos tempos cambiantes actuais; e lanzando a pregunta de como chegar de xeito máis efectivo e directo aos públicos.


Publicidade

Xornadas Escena Galega 2024 4
Mesa arredor da comunicación cultural. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

As primeiras en intervir foron Luisa Castiñeira e Lucía Martínez, xornalistas na axencia The Office Comunicación, que presentaron o seu equipo de traballo e as particularidades do sector cultural, no que están especializadas, que lles permite traballar con proxectos “cheos de sensibilidade”, como explicou Luisa. Lucía destacou tamén que o que fan é un traballo conxunto coas artistas, e un traballo de estratexia. Por iso, fixeron fincapé na importancia de ver a comunicación como un elemento que se debe ter en conta e incorporar dende o comezo dos proxectos.

A terceira persoa convidada na mesa era Arancha Estévez, escritora e xornalista cultural que, como explicou, conta “con 22 anos de experiencia no eido da comunicación cultural, aínda que non especificamente en artes escénicas, e, antes, cunha década de traxectoria no xornalismo cultural en prensa”. Sinalou que esa bagaxe lle permite ter unha perspectiva de como estiveron e seguen a cambiar as cousas e como é necesario mudar os modelos, e que tamén lle fai ver  a importancia do que xa sinalara Lucía: “Que o traballo de comunicación se ten que integrar moito antes nos proxectos”.

Luisa abordou o problema da perda de públicos dende a pandemia, e como chegar aos diferentes tipos de públicos, non só ao público final, senón tamén ao profesional que actúa como intermediario. “Temos que buscalos, saber relacionarnos con eles, e entender a súa situación. Por exemplo, cos medios de comunicación temos que saber cando lles debemos mandar algo, como llo debemos mandar e que debemos destacar, que materiais…”, apuntou ao respecto. “Non vale o mesmo para todos. É un traballo a medio e longo prazo de establecemento de relacións no que todas as canles contan, e a comunicación debe ir integrada dende o comezo no calendario de produción, coidando o material que se ten e se envía”, engadiu.

Lucía reflexionou arredor do concepto de “novos medios”, que para ela son máis ben “novas linguaxes”, polo que subliñou a importancia de ver que cada público ten unha linguaxe propia,  que funciona dun xeito diferente, e que hai que atender de xeito transversal; e tamén sobre “que se conta cando non hai nada que contar”. Nesa liña, Luisa quixo volver facer fincapé na importancia de asumir a propia responsabilidade na comunicación e adaptar a información que se envía ás particularidades e intereses de cada contexto, vendo que elementos destacar, e lembrou que hai que atender e empregar tamén as canles propias.

Na fase de intercambio co público, houbo quen manifestou, dende a súa experiencia, que facer un traballo de comunicación dirixido ao público final e conseguir que unha función se encha e que mesmo quede xente fóra non ten repercusións económicas na compañía, xa que non supón que se poida contratar, por parte das entidades programadoras, unha nova data de exhibición. Outra persoa sinalou tamén a transcendencia do labor dos medios especializados para que a xente poida acceder a máis información sobre os espectáculos e os procesos de creación, e Luisa reflexionou sobre o valor de que haxa quen escriba ou fale sobre os traballos e lembrou que os medios non só inciden no número de entradas vendidas, senón na marca, na imaxe que se quere proxectar dende a compañía e o proxecto.

Abordouse tamén o problema do envellecemento dos públicos e da importancia non só de chegar ao público propio, senón tamén a novos espectadores e espectadoras, e como establecer contacto coas novas xeracións, sinalándose non só a importancia de poñer en marcha estratexias de comunicación específicas, senón tamén de que os propios espectáculos aborden temas de interese para a mocidade ou estean protagonizados por persoas próximas a eles e elas en idade. Arancha atendeu unha última cuestión moi relevante: a distinción entre ocio e cultura, e como establecer estratexias de comunicación específicas en proxectos máis tendentes ao ocio e nos culturais propiamente ditos.

 O ámbito escolar

Despois dunha pequena pausa para o xantar desenvolveuse a quinta e derradeira mesa da xornada, moderada polo actor e director Tone Martínez, membro tamén da Xunta Directiva de Escena Galega, que se centrou en tratar as relacións entre a escena profesional e o eido educativo, dende primaria ata a formación universitaria, así como aqueles proxectos que traballan para a infancia e a mocidade empregando ferramentas escénicas de xeito pedagóxico.

Interveu en primeiro lugar Patricia Cercas, actriz e presidenta da asociación Te Veo – Artes Escénicas para la Infancia y Juventud, que actualmente integra 73 compañías de todo o Estado. Resumiu a traxectoria da entidade, que naceu no ano 1996, “como todas as iniciativas que se estiveron a ver na xornada, por esforzo e por intereses dunhas cantas compañías que se dedicaban naquel momento ao teatro para a infancia e a xuventude, que vían todas as carencias que había tanto no plano económico como no relativo ás condicións de montaxe, e que decidiron xuntarse”.

Cercas compartiu que atopan aínda moitas máis dificultades coas Administracións cás compañías enfocadas ao público adulto: “Cachés moito máis baixos, menos cartos para subvencións para xiras… Diferenzas que fan que, en xeral, o teatro enfocado á infancia e á xuventude pareza que está tratado dunha maneira inferior, como se tivese unha menor calidade, ou fose para un público de menor importancia, cando non é así”. Traballan moito na mediación e nas campañas escolares, que reivindicaron durante moitos anos, porque, especialmente no eido rural, son a vía de acceso de moitos rapaces e rapazas ao teatro, e, en función de como sexa ese contacto coa escena, quererán volver ou non. Nesta liña, Patricia tamén quixo sinalar que ao teatro se lle adoita dar menos oportunidades que a outros campos culturais, e que se a unha persoa unha obra non lle gusta pode que non queira volver ver outra, por iso está ben que teñan “o feito de ir ao teatro como un costume e non como algo puntual”, e tamén que poidan ver que existen moitas obras diferentes e que se unha non lles gustou pode haber outra que si, “igual que o ven co cinema, coas series de televisión ou cos libros”. Outro problema que apuntou foi aquel que xorde cando a Administración quere axustalas ao ano natural, xa que as campañas escolares encaixan no ano lectivo. Por último, Patricia fixo mención a algo que xa se comentara en mesas anteriores: que está a haber “proxectos marabillosos pero que se fan co propio esforzo, facendo cambalear a propia estrutura das artistas e entidades que os desenvolven”, e laiouse de que o feito teatral “sexa cada vez máis o último elemento, con todas as actividades e materiais que hai que facer polo mesmo prezo”.

Xornadas Escena Galega 2024 11
Patricia Cercas na mesa sobre as relacións entre o ámbito escolar e a escena. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

Seguidamente interveu Estefanía Pena, docente de educación primaria, directora de teatro amador e autora dunha tese sobre a presenza da dramatización e do teatro en materiais didácticos de ensino primario. Contou que ela comezou a facer teatro no instituto e logo na aula de teatro da universidade, “ata facer do teatro non só unha afección senón algo que nun momento incluso tentou chegar a ser algo profesional”, aínda que finalmente se decantou pola docencia. Por iso, como profesora, entendeu que todo o que o teatro lle achegara a ela como estudante e como persoa tiña que ser válido tamén para o seu alumnado. Empezou buscando as orixes desa comuñón entre o teatro e a escola, “en espellos alleos, porque, por desgraza, no noso país había poucas experiencias salientables”, querendo saber por que non había esa presenza que consideraba tan importante nos libros de texto, nun proceso de investigación “moi enriquecedor” para ela no plano persoal por poñer en común as dúas áreas que combina na súa vida: a docencia e o teatro.

A última presentación antes do debate final foi a de Fernando Dacosta, actor, director da Aula de Teatro do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e integrante de Sarabela Teatro, que compartiu as principais liñas do traballo da compañía e o que fan para tentar captar novo público. Comezou falando do intercambio que levou ao nacemento da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) e de como esta foi medrando nos case trinta anos que ten de vida, cunha programación na que dous terzos son compañías de teatro universitario e o terzo restante son compañías profesionais, lembrando tamén as compañías doutros países que foron pasando por ela. Dacosta relatou o proceso de incremento dos niveis de ensino na aula de teatro ata os tres actuais, “que cada ano reciben 50 alumnos e alumnas”, dos cales, neste momento, “a metade son da comunidade universitaria e a outra metade son de fóra”, así comoa traxectoria doutros proxectos como a Aula de Teatro Infantil e a Mostra de Teatro Infantil (Moti), que perdurou 18 anos “enchendo os teatros”, e na que participaban compañías profesionais canda a Aula de Teatro Universitario Infantil. Por último, aludiu á influencia do cambio de goberno local no apoio aos proxectos e tamén na redución da axuda recibida por parte da Universidade de Vigo.

Xornadas Profesionais Escena Galega 13
Estefanía Pena e Fernando Dacosta na mesa sobre as relacións entre o ámbito escolar e a escena. Xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

No peche da mesa, en diálogo coas persoas asistentes, engadíronse algunhas iniciativas desenvolvidas para mellorar a relación cos públicos. Patricia falou do protocolo que elaboraron en Te Veo para a programación de espectáculos para público infantil e que aborda aspectos relacionados co coidado da recepción, como, por exemplo, non facer funcións masivas que afecten á mesma; especialmente no caso da primeira infancia, “onde pode que haxa que facer as funcións no chan, cos nenos e nenas sentados en coxíns, nun espazo cunha capacidade reducida, e non nun auditorio para mil persoas, para que poidan ver e escoitar ben”, ou como manexar o acendido e o apagado de luces; e tamén para a produción, coidando a calidade das montaxes que se fan. Fernando Dacosta, pola súa banda, compartiu os bos resultados que detectaron no achegamento aos públicos co reparto de folletos mediante accións teatrais, así como coa programación de espectáculos de rúa, e tamén fixo mención aos acordos que desenvolven con institutos e colexios, ao traballo con organizacións que habitualmente non irían ao teatro, para promover nelas o hábito de ir ou mesmo para favorecer o acceso a el a persoas que, doutro xeito, non terían os medios para poder acudir, ás insercións en prensa, á inclusión de propostas de danza, música, circo ou maxia para diversificar os públicos, así como a apostar pola diversidade tamén nos espazos. Ademais, remarcou algo que xa se comentara na segunda mesa, e foi que, segundo detectaron dende Sarabela, “as persoas que fan teatro atraen cara a el a familiares e amizades, e convértense tamén en si mesmas en activistas teatrais”.

Por último, Estefanía Pena aproveitou para referirse ao problema do estrés actual da mocidade, con moitos deberes e actividades continuadas, e tamén á diminución da etapa da infancia, para o que propuxo a “recuperación dos espazos e tempos de xogo libre”, así como “revisar e adaptar os xogos, as actividades e os currículos para evitar a sobrecarga, e tamén o exemplo que se lles dá”. Tone pechou a mesa aludindo aos poucos proxectos grandes e de mediano formato que hai actualmente para público familiar, xa que, por cuestións económicas, rematan sendo moito máis pequenos, e ao grande interese que hai polo teatro nas actividades extraescolares, que non se atende con presenza curricular propia dentro da escola.

Conclusións finais

Dende Escena Galega convidáranme a facer, dende a erregueté, unha proposta de primeiras conclusións do abordado nas mesas, que presentei ao remate da xornada. Recólloas e desenvólvoas aquí, como consellos á hora de abordar os proxectos de mediación e o achegamento aos públicos.

A pesar de que en cada mesa se trataron ámbitos diferentes, había unhas relacións entre todos eles, grazas ás particularidades dos proxectos presentados, que se conectaban e facían que xurdisen termos vinculados. Un deles foi o de impulso, que, segundo se viu, debe estar sempre presente. Detrás de todas as iniciativas para achegarse ás espectadoras e espectadores había unha vontade, había amor por facer algo. O consello que se extraía delas é que hai que poñer en marcha un proxecto no que se crea, mesmo sen saber ben cara a onde este vai ir, xa que pouco a pouco se irá nutrindo e enfocando, ao irlle facendo seguimento, analizando e axustando o que está a funcionar e o que non.

O coidado e o agarimo fan que os proxectos medren, pero canto máis orzamento manexan, maior é a dependencia a axudas e subvencións, xerándose unha maior tensión económica (sobre todo se o proxecto comeza antes da resolución das axudas das que depende, ou da renovación dos convenios e contratos), e tamén persoal, polo desgaste que se xera nas persoas ou colectivos que os desenvolven, que adoitan ser profesionais ou entidades independentes. Hai que visibilizar, pois, a importancia de coidar os proxectos, sobre todo aqueles que requiren moitas accións, esforzo e medios que case non inciden economicamente nas estruturas que os organizan pero si en carga de traballo.

Para achegarse aos públicos dun xeito comprometido e sostido no tempo, cómpre abordalos dende o concepto de comunidade, na vontade de ir máis alá de poñer o foco nas espectadoras e espectadores soltos. Non se debe xeneralizar tampouco con quen se traballa, xa que cada colectivo é único e ten as súas particularidades e necesidades, nin respecto ao público, que pode ser moi diverso, tanto de cara á exhibición como á comunicación; nin no referente aos contextos, xa que cada un, por moitos puntos en común que teña con outros, terá as súas particularidades. Cómpre analizar tamén se nas programacións están presentes todos os xéneros escénicos e especialidades, porque ao mellor algún non o está e as persoas que o practican ou están interesadas nel non se ven representadas e non asisten.

O foco debe poñerse no positivo, no que está a funcionar, no público que se está a atraer, e non no que aínda non se conseguiu polarizar, e cada axente ten que asumir a responsabilidade do que pode e está a facer. Ademais, os proxectos nacen e medran a partir de xerar hábitos no público, escoitar as súas dinámicas e adaptarse aos cambios, nun achegamento transversal, que busque espertar a curiosidade.

Tamén é recomendable facer unha reflexión arredor de cando pode xurdir a mediación, se pode xurdir xa antes de que estean rematadas as pezas, e que sexa como un acompañamento; algo que conecta tamén coa comunicación, que debería ser tida en conta dende o comezo do calendario de produción, para non atoparse ao remate do proxecto sen materiais que poder amosar e difundir. A apertura dos procesos ao público en si mesma tamén favorece marcos para ir xerando material documental que sexa válido para a comunicación e publicidade do proxecto.

Os proxectos artísticos deben ser o elemento central dos procesos, especialmente daqueles que xunten colectivos diversos e público xeral, para que se produza unha conexión nas persoas cara ao que están a facer que xere unión no grupo e que non se poña o foco na diferenza. Para iso é importante tamén crear unha experiencia que as persoas vaian lembrar, que vaian levar con elas, e que faga que se poidan converter logo en espectadoras de teatro e que dinamicen a súa contorna en relación coas artes escénicas.

O teatro amador chega moitas veces a lugares aos que ao mellor o profesional non pode, por circunstancias demográficas, políticas, xeográficas ou económicas, facendo un labor sociocultural moi importante, non só nas persoas que o practican senón tamén nos públicos. Porén, hai que coidar que haxa unha convivencia sa entre un tipo de teatro e o outro e que se atenda á cuestión ética de unir forzas e complementarse, evitando aceptar que as programacións dos Concellos se enchan de obras de teatro amador para non ter estes que contratar teatro profesional. Ademais, se as clases impartidas no contexto amador proceden de profesionais, estas persoas poden actuar como unha ponte entre a xente que participan nas aulas e grupos e o contexto profesional, normalizando tamén a asistencia ao teatro no seu ambiente.

É recomendable, así mesmo, reflexionar arredor de como beneficiarse das axudas, apoios e circuítos existentes sen comprometer a identidade e integridade dos proxectos, e de como tecer relacións de apoio, en todos os ámbitos, que vaian máis aló do resultado inmediato. Para iso, é importante pensar que é o que se quere poñer en valor e con que medios se conta para facelo. Na relación cos públicos inflúe tamén a responsabilidade de quen programa, xa que, se non se difunden as convocatorias ou non se coidan as condicións de representación das pezas, afectando á recepción, se estarán a botar a perder uns recursos moi valiosos.

A escola ten unha función compensatoria moi importante para apoiar o acceso á cultura, e en concreto ás artes escénicas, de rapazas e rapaces de familias que non teñen medios para asistir ás funcións, e debería impulsar a presenza de teatro e dramatizacións nas aulas, non só como actividade extraescolar. Ademais, as compañías e proxectos poden estudar como achegarse a outros colectivos que habitualmente non van ao teatro, e adaptarse a outros contextos, para ampliar os seus públicos, ao tempo que fan un importante traballo de dinamización cultural.

De todas as cuestións abordadas saíron, xa que logo, moitos termos que fun recollendo, e que condenso agora aquí. Para xerar comunidade arredor da escena, é preciso ter o impulso de facer algo, dedicarlle tempo e amor, con responsabilidade, sen xeneralizar, coidando cada persoa e contexto, e seguir adiante, a pesar das dificultades, buscando ampliar as axudas, facendo que quen colabore se sinta integrada dentro do proxecto. E é importante contar co apoio de Administracións que teñan o mesmo obxectivo.

Xornadas Escena Galega 2024 12
Presentación das primeiras conclusións das xornadas profesionais de Escena Galega 2024. Foto de Miguel Lamas Fotografía.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Oximórica'. Foto de Miguel Carballo.

O coreógrafo Javier Martín estrea ‘Beltenebros’

Imaxe de Artem Maltsev.

Respecto, grazas