O Teatro Colón da Coruña acolle hoxe, venres 24 de xaneiro a estrea de Beltenebros, a nova peza do coreógrafo Javier Martín. Será ás 20.00 horas, nunha función que conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. A entrada é gratuíta, a través de convite, que se pode reservar en liña.
O traballo
Beltenebros é un espectáculo do coreógrafo Javier Martín coa pianista Haruna Takebe e a camarógrafa e performer Masako Hattori, con coreografía, concerto e imaxe en directo.
“Beltenebros expón a reinterpretación dos síntomas do corpo disfórico, propio do tempo que compartimos, a través da práctica con exvotos anatómicos –representacións de órganos en cera, madeira e metal– e a instalación no artefacto teatral dun particular xogo do aforcado, como marco da acción e as súas mesetas. Cada exvoto organiza co son un achegamento ao corpo, unha situación cinética. Un baile macabro. A palabra beltenebros significa belo e tenebroso. Refírese a un arquetipo de personaxe cuxa característica é a de transformar o contexto e ás persoas ao seu redor, coa súa mera presenza: alguén que aínda sen querelo, serve como un espello deformante. Preguntámonos como nos relacionamos coa beleza hoxe en día: máis aló dos patróns establecidos, podemos recuperar unha
relación baseada no seu misterio? Beltenebros afonda na necesidade e o desexo de bailar a través de diferentes espistemes”, recolle a información sobre o traballo.
Ficha artística
Creación, dirección e movemento: Javier Martín
Dirección musical e piano: Haruna Takebe
Cámara e performance: Masako Hattori
Iluminación: Octavio Mas
Vestiario de Javier Martín: Ferdy
Asistencia á dirección e produción: Sabela Mendoza
Asesoría musical: David Durán
Acompañamento teórico: Raissa Pomposo
Distribución internacional: Polina Bulat
Co apoio de: A Casa Vella – L’animal a l’esquena – residencias PICE de AC/E, Agadic – Xunta de Galicia, balleteatro – Porto, Deputación da Coruña
Actividade previa
O Museo de Belas Artes da Coruña xa acolleu o xoves da semana pasada, día 15, ás 19.30 horas, a conferencia Oximórica, como actividade previa á estrea do novo espectáculo; “un parlamento arredor de distintas investigacións no eido da arte, a ciencia e a filosofía do movemento que conforman o proceso de traballo do coreógrafo galego Javier Martín. Texturas, topoloxías, percepción, fluxos, carne e complexidade son algúns dos asuntos que, extraídos da práctica, relaciónanse co performativo, a creación e a memoria. A intención é comunicar diversos mapas físicos e conceptuais acerca do corpo, que potencien a evolución individual, social e política. Arguméntanse os contidos postos en xogo co corpo, a palabra e apoio multimedia (fragmentos de películas, danzas de orixe e vangarda, imaxes anatómicas…)”.