in , ,

Empacho de aninovo

Vilxeforte, emblemática santa barbada de orixe galego-portuguesa (Biblioteca da Universidade de Mánchester, séc. XV).
Vilxeforte, emblemática santa barbada de orixe galego-portuguesa (Biblioteca da Universidade de Mánchester, séc. XV).

Apenas comezou o 2025 e espertamos o novo ano con dúas novas moi preocupantes.

A primeira, a insólita declaración de intencións por parte dos mega-magnates (os moguls como lles din en inglés) das redes sociais e corporacións de internet (Meta, Google, Amazon, Apple e Microsoft) en apoiar directamente o auxe da ultra dereita. Concretamente, nun último episodio de contribucións millonarias ao presidente electo dos EUA, Donald Trump.

Este apoio non fica na contía económica, senón que se traduce tamén nunha aberta postura política que, de resultas, aumentará a discriminación e a desinformación a nivel mundial. Para falar en termos de andar por casa, Instagram, Facebook, WhatsApp, Messenger ou Threads converteranse nos novos vertedoiros de lixo do fascismo de veciño, como xa o é a plataforma X.

Amparado no subxectivo termo “liberdade de expresión”, o presidente de Meta, Mark Zuckerberg, acaba de retractarse do seu mea culpa de 2016, cando aceptou que as súas redes sociais amparaban a desinformación, xustificando así a eliminación do programa de verificación de datos das mesmas. Que quere isto dicir? Que agora cada quen poderá dicir o que lle pete, sen medo a que esas redes defendan os dereitos básicos de información veraz ou o respecto mínimo aos dereitos humanos, por exemplo.

E isto, sabémolo moi ben, é unha porta aberta ao fascismo internauta.

Quen pense que isto non ten que ver con nós é que vive nunha realidade allea, xa que por desgraza estas corporacións inflúen na nosa vida cotiá queiramos ou non, especialmente entre as novas xeracións, que encaran agora un futuro menos protexido a nivel ético e social.

A outra nova preocupante e, por suposto, en nada allea á anterior, é a do agresivo acoso e as ameazas directas sufridas polo escritor ribeirense Carlos Callón, quen vén de publicar o seu último ensaio, Vidas e historias LGBT da Idade Media (ed. Xerais). Parece ser que hai quen non quere ver a nosa historia ampliada e, no seu afán por non recoñecer que a diversidade existe e existiu sempre, pensa que coas ameazas pode evitar a publicación e difusión do pensamento.

Vai dende aquí todo o apoio a Carlos Callón e á súa obra (como o artigo “O “santo atrevimento” trans na Galiza medieval”, de onde recollemos a imaxe que ilustra a nosa columna, e publicado en Nòsdiario o 10/01/25, así como a toda obra que favoreza a visión diversa da realidade e da nosa historia, a prol da liberdade real, que nace da información veraz e contrastada.


Publicidade

No seu artigo “Activismos, (co)responsabilidades e substrato cultural” (publicado na columna de Opinión desta mesma edición web da Erregueté o 19/05/2024), Roberto Pascual reflexionaba sobre a importancia da corresponsabilidade no ámbito escénico, consciente do valor que teñen o teatro e a educación artística para a “consolidación dun mundo máis equitativo, integrador, solidario e saudábel” e, uns meses máis tarde, afondaba na necesidade dun teatro comprometido coa realidade social na súa aula maxistral “As artes escénicas diante do ascenso das ultra-dereitas” no marco do VII Festival Pezas dun Teatro do Porvir. Podemos volver a asistir á mesma grazas á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que a ten subida na súa páxina web, e repensar nas palabras de Pascual:

“Non debemos desprezar o discurso da ultra dereita, ensaiado, adestrado, preparado. Non debemos menosprezalo nin tampouco minusvaloralo: é un discurso perfectamente armado que […] fala de dereitos, fala de dignidade, e é un discurso que se abeira a moitos discursos de esquerdas. Por iso, a penetración transversal a moitas capas sociais da ultra-dereita é un perigo que convén coñecer para intervir.”

Os seres humanos somos seres sociais e parte da nosa saúde ten que ver con vivir nun entorno saudábel. É a nosa responsabilidade común e individual coidar de que o lixo fique onde ten que ficar: no cubo da compostaxe. De outro xeito, o seu poder tóxico acaba corrompendo todo aquilo que toca e nós ficamos por non saber xa se a realidade é tal ou é que os vapores velenosos non nola deixan ver.

O teatro, co seu poder espectacular, é unha ferramenta que nos axuda a chamar a atención sobre a nosa condición humana, precisamente grazas á súa capacidade especular, que nos reflicte a nós mesmes como sociedade e provoca, polo tanto, un impacto emocional e unha reflexión intelectual. No punto oposto, as políticas conscientes que fomentan a sociedade do scroll e a mingua na nosa competencia reflexiva, sabedoras de que unha persoa saturada de estímulos non pode parar a pensar nin no que está a ver.

Encamiñámonos así a un mundo empachado, sen capacidade de dixerir o que está a engulir.

Na nosa man está decidir que é o que queremos facer e como o queremos facer. Unha cousa son as redes sociais e o posíbel beneficio que poden estender á humanidade, e outra ben distinta as persoas que as dirixen.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, ADE Teatro, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bernardino Graña na XII Noite Poética A Pipa de Becerreá 2004 con Afonso Becerra e Marta de Sinllán. Foto: Amparo Becerra Arrojo.

Bernardino Graña e a súa literatura para o teatro

'Oximórica'. Foto de Miguel Carballo.

O coreógrafo Javier Martín estrea ‘Beltenebros’