Este artigo non é unha opinión, é unha denuncia pública en defensa da dignidade do noso oficio en particular, pero tamén da clase traballadora en xeral. Os abusos e malas praxes empresariais non deben nunca caer en saco roto. Debemos lembrar para poder evitar que suceda de novo.
Podería ser egoísta e simplemente deixar que o tempo borre da memoria o que pasou, pero sinto certa responsabilidade co futuro porque a min ninguén me advertiu e gustaríame ter sabido con que clase de impresentables ía tratar.
Durante todo este inverno fun contratado para formar parte do equipo actoral dun evento que tivo lugar na cidade de Vigo. Un evento supostamente “máxico” a cargo da empresa V.P., que nalgún momento decidiu contratar actores para abusar deles, supoño.
Voume referir especificamente ás circunstancias que teñen que ver coa parte artística de todo este asunto. Pero como dicía ó principio, todo o equipo sufriu un calvario baseado na falta de respecto, maltrato laboral, despidos improcedentes, ameazas e subornos.
Non quero entrar moito en detalles pero fai falta un mínimo de contexto:
Cando o mencionado evento ía camiño do desastre máis absoluto (froito da máis absoluta incompetencia para facer nada), cargaron sobre nós a responsabilidade de sacar o negocio adiante. A responsabilidade de crear, da nada e sen ningún tipo de indicación, un show que entretivese á xente e disimulase a estafa que era todo aquilo. Un show que había que repetir cada 30 minutos sen pausa nin descanso. E se o tiñamos era simplemente porque non había ninguén no toldo aquel. Aínda que, en máis dunha ocasión, se nos insinuou que non podíamos parar para comer algo en ningún momento.
Sufrimos burlas en redes, malas caras, insultos e incluso enfados de persoas que se sentían, con toda razón, estafadas. Aguantamos de todo, incluso traballar a temperaturas tan baixas que era imposible falar; As estufas funcionaron dous días traballando en pleno inverno. Prohibíusenos falar entre nós e intentaron poñernos en contra criticando a uns compañeiros diante doutros. Un gran ambiente laboral en definitiva.
Este artigo é un aviso. Non traballedes nunca para esta empresa, iso o primeiro, pero sobre todo nunca deixedes de esixir e defender o voso traballo. O que nós facemos, soamente podemos facelo nós. E iso ten un valor. E se non o respectan, non o regaledes. Pero sobre todo non perdades nunca a conciencia de clase. Somos traballadores aínda que nos chamen actores. Somos parte do mesmo nivel da pirámide. Soamente facemos un tipo de traballo. Non podemos permitir que empresarios indecentes abusen de nós. Sen o noso traballo non hai negocio posible. Non o esquezamos nunca.
O noso erro foi naturalizar demasiados abusos e faltounos unidade para parar cando a situación non se podía aturar. Supoño que en todas as casas hai ratas que pensan que van herdar a empresa. Pero se algo logramos, se algo nos salvou, foron os pequenos momentos onde todos remamos na mesma dirección. Só os traballadores salvan ós traballadores.
Sei que esta empresa non nos vai recomendar nunca. Un sentimento compartido, supoño. Eles seguirán facendo plans e eventos e seguirán mostrando a máis absoluta falta de respecto pola xente que vaia.
Ía rematar o artigo así pero faltaba algo. Algo que esta empresa nunca mostrou: humanidade.
Porque, a pesar de todo, coñecín xente boa. Xente que lle daba ós días algo de brillo e un pouco de humor. Xente que me regalou un chocolate quentiño e unha galleta o día do meu aniversario. Xente coa que tomar algo, bailar regular e rir. Porque soamente se divirte profundamente quen o merece.
Ya había oído hablar de este “pseudoempresario” y de esta empresa oportunista. Las galeras ya no existen señores.
Ni las plantaciones. Muy mal.