in ,

‘MENÚ-DO-DÍA’ percorre varios concellos da Coruña

A peza do #ColectivoCBV forma parte da programación ‘Liberdade de ser e sentir’ da Deputación

'MENU-DO DÍA', na MITCF de Cangas, Imaxe de Diego Seixo.
'MENÚ-DO-DÍA', na MITCF de Cangas. Imaxe de Diego Seixo.

Neste mes de xaneiro, a peza MENÚ-DO-DÍA, do #ColectivoCBV, xirará por diferentes concellos da provincia da Coruña grazas á programación Liberdade de ser e sentir da Deputación de Coruña. O espectáculo tivo unha función onte, xoves 16 de xaneiro, na Casa da Cultura de Pontedeume ás 19:30, e terá novas funcións hoxe, venres 17 de xaneiro ás 19:30 no Auditorio Municipal de Cedeira; mañá, sábado 18 de xaneiro ás 19:00 na Capela da Madanela de Arzúa; e o venres 24 de xaneiro ás 20:30 no novo auditorio de Ribeira. Despois de cada unha das representacións programadas haberá un faladoiro a cargo da Asociación Alas A coruña.

MENÚ-DO-DÍA é unha obra de teatro performativa do #ColectivoCBV que xira arredor da “pegada inesquecible que deixa a violencia nos corpos”. O proxecto xurdiu “para sandar as feridas provocadas no performer Alberte Bello,  tras recibir unha malleira en 2021, ao berro de ‘maricón de merda'”.

A peza

“Alberte Bello percorre o corredor da vergoña, envolto en fraxilidade. Mentres os discursos de odio contra o colectivo LGTBIQ+ resoan na súa cabeza. En Menú-do-día, técese unha historia que confronta odio e disidencia, escuridade e luz, tristura e aceptación. A creación transita entre as violencias continuadas que sofre o colectivo LGTBIQ+, tentando amosar unha nova realidade posible, dende a disidencia e o activismo, capaz de romper a norma e creando unha sociedade máis avanzada, máis inclusiva e máis real”, recolle o #ColectivoCBV.

O traballo naceu dun convite para a realización dunha performance por parte do Festival de Teatro Mínimo Ambulante que se desenvolveu en decembro de 2021 na Fundación Luís Seoane (A Coruña). Construíuse en formato de creación en proceso e pasou polos certames Metro Cadrado do FIOT de Carballo en 2022 e o 67º Fervescénica do FITO de Ourense 2022, onde conseguiu o Premio do Público ao Mellor Espectáculo de ambos festivais. A peza estreou a súa versión de sala en coprodución coa 40ª Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Ficha artística

Dirección: Alberte Bello e Diego Chamizo

En Escena: Alberte Bello

Espazo Sonoro: #ColectivoCBV

Figurinos e vestiario: Alberte Bello e David Vila

Textos: Alberte Bello, Diego Chamizo e Roy Galán


Publicidade

Audiovisuais| #ColectivoCBV

Fotografías: Carlos Babío, David Vila e Estudio Prolight

Vídeo: Diego Seixo

Colaboran: Miss Beige e Roy Galán

Produción: ALÓproducións e #ColectivoCBV

Coprodución: Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

#COLECTIVOCBV

Este colectivo está formado por Diego Chamizo, Alberte Bello e David Vila. Dentro deste colectivo, non só existen persoas vencelladas ás artes escénicas senón tamén ás artes visuais, ao cinema, o deseño de moda, etc. É por iso, tamén, que a súa forma de crear nace da comunidade tendo uns firmes colaboradores artísticos que traballaban dende outros campos das artes (neste espectáculo colaboran Roy Galán e Ana Esmith-Miss Beige) e uns colaboradores sociais que proceden de asociacións e colectivos especializados no traballo dende as marxes. Un dos seus lemas é “porque ser diferentes é ser existentes”.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Guerra Teatro do Noroeste

Teatro do Noroeste estrea ‘Guerra’

Presentación programación Vigocultura primeiro semestre de 2025

VigoCultura desvela a súa nova programación para este semestre