Teatro do Noroeste ofrecerá esta fin de semana dúas funcións no Teatro Principal de Santiago de Compostela de estrea absoluta do seu novo espectáculo, Guerra: unha hoxe, venres, día 17, e outra mañá, sábado, 18 de xaneiro, ás 20.30 horas. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, é a peza encargada de abrir a programación de artes escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre de 2025. Trala representación de mañá, sábado, o público poderá gozar tamén dunha conversa posfunción co equipo artístico de Teatro do Noroeste.
O espectáculo está producido pola compañía e conta co apoio dos Concellos de Santiago de Compostela e de Ames, ademais da subvención da Axencia Galega de Industrias Culturais tanto á creación escénica como á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto do que forma parte.
Onte tivo lugar a presentación do espectáculo no Teatro Principal. No acto participaron Xaquín López, director xerente do Auditorio de Galicia; Eduardo Alonso, autor e director da obra; Eva Alonso, produtora executiva de Teatro do Noroeste; e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, que estiveron acompañados polo elenco ao completo: Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez.
O director e dramaturgo Eduardo Alonso quixo agradecer o apoio das institucións (Agadic, Concello de Santiago de Compostela e Concello de Ames) para poder sacar adiante un proxecto como Guerra, que é un espectáculo de gran formato con seis actrices e actores en escena. Ademais, destacou que, para el, “o teatro debe estar comprometido coa realidade”. Segundo explicou, o punto de partida deste texto foi o bombardeo do Teatro de Mariupol en Ucrania por parte das tropas rusas. “Sentín que esa podería ser a nosa casa, que estaba a ser bombardeada. Isto levounos a montar Guerra, para falar de todas as guerras que nos asolan”, expresou.
Nun edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa comezan a aparecer as personaxes das obras do teatro universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas por dous actores e catro actrices. Tal é a premisa de Guerra, onde as innumerables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución. O espectáculo está protagonizado por Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez, con música de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso.
Foco en Compostela Cultura
Compostela Cultura dedícalle un dos seus tres focos temáticos deste 2025 á lonxeva compañía galega Teatro do Noroeste, non só coa estrea de Guerra, senón tamén coa representación de ‘Gloria Nacional’ o sábado 24 de maio, tamén no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
O espectáculo
“A guerra é a expresión cruel do fracaso total, por iso nunha é unha solución, senón o máis grande dos erros. Guerra é un espectáculo que trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta “guerra” de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca. O teatro debe tratar tamén os temas que atinxen á realidade e, nestes momentos, as guerras reais, crueis, ilóxicas e desoladoras sempre, nos rodean e mesmo se instalan no corazón de Europa. O ser humano ten que reflexionar sobre isto e o teatro é a mellor palestra para facelo. Desde logo que debe entreter, pero tamén concienciar, desde a maior humildade, pero, tamén, desde a ambición máis saudable. E iso é o que pretende esta obra: entreter concienciando”, explicou Eduardo Alonso.
A compañía
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse dende textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.
Próximas funcións
Tras a súa estrea, Guerra porá rumbo cara a Ribadeo, A Coruña e Narón, onde poderá verse o 2, 14 e 15 de febreiro, respectivamente, tamén como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.