Hoxe vou comezar esta crítica polo que adoitaría ser a conclusión final: O único que verdadeiramente quixen ser toda a vida é ser delgada é o espectáculo máis queer que levo visto en toda esta tempada teatral.
E digo queer no seu sentido orixinal de “estraño”, “pouco usual”, “raro”, é dicir, do teatro que habita nas marxes do sistema, dando voz a todas aquelas que habitualmente non a temos nos palcos.
Neste caso, Esther F. Carrodeguas fai unha alegación autoafirmativa a través da súa viaxe vital arredor da gordofobia.
Como acontece con todas as fobias, podemos observar como o prexuízo é o que marca a diferenza. Así, a pequena natural e espelida que só pretende xogar cos seus amigos* comeza a sentirse diferente cando os demais (especialmente os adultos e máis aínda os máis achegados) a comezan a chamar “gorda”.
A diferenza excluínte está no ollo alleo e, porén, non importa se en realidade es gorda, negra ou marica, senón se a persoa que te insulta te percibe gorda, negra ou marica. Aí é onde comeza a agresión e a diferenciación do resto da sociedade, o illamento e o maltrato.
Porque, como ben di Carrodeguas durante a peza, resulta que agora, pasado o tempo, tampouco estaba tan gorda.
Por iso O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada non versa, en realidade, sobre a gordofobia, senón sobre a agresión social a toda persoa que é percibida “diferente” da maioría e que acaba ocasionando un dano, unha ferida, moitas veces un trauma, na persoa acosada.
Dá o mesmo se é polo teu peso corporal, pola roupa que leves, pola música que escoites ou o deus ao que lle pregues. O caso é que a maioría semella sentirse ameazada por esa “diferenza” na que vives, en principio, con naturalidade e necesitan illarte para sentirse de novo, “normais”.
É por iso que este texto é unha autoafirmación, porque de tanto repetirte que es diferente, un acaba por crelo e por desenvolver unha serie de comportamentos sociais e relacionais acordes a ese complexo. Para saír desa crenza (auto)imposta, non queda outra que mirarse ben ao espello e comezar a apreciar o que os outros rexeitan.
E a iso asistimos como espectadores as persoas que puidemos ver esta peza o pasado 9 de novembro no Auditorio do Concello de Vigo, dentro do programa Vigocultura 2024: a un manifesto apoderante e acaso exorcizante, onde o feito de comer é parte fundamental do ritual no que o grotesco é exaltado e confrontado coa “normalidade” desa maioría omnipresente e apisoadora.
Claro que o “normal” e o “maioritario”, paradoxalmente, nunca o son tanto. Non hai persoa no mundo que acabe de acollerse de todo a ese molde impreciso e perfecto que é o “normal”, por moito que a sociedade se gabe de que así é, e todas, todos e todes temos e nose queer dentro.
Será por iso que o espectáculo rematou cunha profunda ovación en pé do público: porque todes temos dentro unha nena magoada polos insultos dos demais, unha nena que o único que verdadeiramente quixo toda a vida foi entrar nese molde da “normalidade” imperante.
E creo que é importante salientar esta reacción do público porque nin o texto nin a posta en escena deseñada por Xavier Castiñeira son doadas de dixerir. O primeiro, pola súa crueza e mesmo por unha estrutura á que non está tan acostumado o ollo do espectador medio. O segundo, porque acompaña a crueza do material cunha falta de ornamentos salvaxe, cunha serie de accións escénicas apoderantes (como o feito de volver a poñer os patíns ou espirse en directo), envolvendo a propia Esther nun monte de lixo e restos de comida que acaso lembren un tanto a aquela Montaña de Lixo que encarnaba a sabedoría na teleserie dos Fraggle Rock.
Non é unha comparación banal, tendo en conta a sabedoría das palabras que imos escoitar.
Do mesmo xeito, o acompañamento “sonoplástico” de Juanma LoDo vai acorde co discurso de Carrodeguas, chegando a momentos de delirio pop para salientar o poder curador do grotesco en escena.
O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada foi estreada na sala madrileña Teatro del Barrio, coincidindo coa residencia de Carrodeguas no Centro Dramático Nacional e que tería como froito outro texto realmente queer da dramaturga rianxeira: Supernormales, estreada no 2022 e que agardamos poder ver en Galicia máis pronto que tarde.
* decidín empregar o xeral masculino de xeito consciente e para facer evidente un dos lugares de onde vén este tipo de acoso social: o binarismo heteropatriarcal.