in

Un xeito diferente de facer teatro

En ‘Improconas’ e a nova librería artística A Merendeira Estudio Arte

Improconas Foto de Moito Morro Teatro
Antía Costas, Carlota Rosón e Carlota Mosquera. Fonte: Moito Morro Teatro.

O 1 de febreiro asistín a un espectáculo de improvisación, Improconas, na nova librería artística A Merendeira Estudio Arte situada en Noia. Había tempo que non asistía ao teatro na periferia, fóra da metrópole, onde a vida leva outro ritmo afastado do balbordo que se percibe nas cidades. Unha forma diferente de ver e facer teatro que conecta co público dun xeito máis íntimo e informal.

Levado a cabo pola compañía Moito Morro Teatro, orixinaria de Cangas do Morrazo, as actrices Carlota Mosquera, Antía Costas e Carlota Rosón propoñen un xogo teatral no que implican o mesmo público, que se encarga de darlles as directrices axeitadas para realizar a proposta escénica. Un espectáculo no que nin as mesmas actrices saben que vai pasar, mais que asegura o entretemento, as ganas, e a conexión co público dende o minuto un.

O espazo non podería ser máis intimo e máis enxebre. Concibido como un espazo de creación artística polo seu fundador, o actor Jorge Gallardo, abriu as súas portas o pasado sábado 14 de decembro de 2024 e aspira a ser un lugar de encontro para novos artistas, así como un espazo onde realizar contacontos, obradoiros de fotografía, tardes de lectura ou escritura creativa. Así mesmo, A Merendeira Estudio vén de acoller o seu primeiro espectáculo de pequeno formato.


Publicidade

Como dicía máis arriba, sempre resulta pracenteiro ver e descubrir outras formas novas de ver teatro. Coido que nunca vira un espectáculo de improvisación mais fíxome conectar coas miñas clases de interpretación na ESAD de Galicia, dirixidas por Sergio Macías, onde aprendiamos a difícil tarefa de facer unha improvisación ben feita.

Con todo, volvendo ao noso espectáculo, gustaríame recomendar encarecidamente  ver este Improconas, sen perder de vista pasarse polo local de A Merendeira, en Noia. Para ver a axenda tanto da compañía Moito Morro Teatro como de A Merendeira cómpre consultar as súas redes sociais: @amerendeira.studio e @moitomorroteatro.

Sara Santamaría

Sara Santamaría

Actriz, creadora e filóloga de inglés. Formada en Espazo Aberto (Santiago de Compostela) e en Central de Cine (Madrid) ten experiencia no eido audiovisual en series como Amar es para siempre , Augasquentes; e o spot publicitario de Gadis (2021). No eido teatral participou na obra Antigona de El Desván producciones, e conta cunha peza de creación propia, El valle de la silicona, á vez que está a traballar na dramaturxia do seu próximo proxecto. Na actualidade está a finalizar os seus estudos de interpretación textual na ESAD de Galicia.

"Escribo para expresarme, para comunicar e deixar pegada; así comezo a colaborar coa revista 'erregueté'".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O raro é que bailar sexa raro, VACAburra. Imaxe de J.C. Arévalo.

Por unha escena desviada

Residencias Paraiso 2024 RPM Desgarradura MIT

As Residencias Paraíso aceptan propostas para a súa novena edición