O pasado 16 de marzo asistín a ver a peza de Mala vida e pior morte do rei Ricardo III, da compañía Producións Teatrais Excéntricas na Sala Ártika de Vigo.
Coa obra de Ricardo III como telón de fondo, Mala vida e pior morte do rei Ricardo III propón un monólogo, protagonizado por Evaristo Calvo, onde busca desmitificar a figura do malogrado rei inglés e que conta con asesoría histórica sobre o personaxe real, da que se encarga Cristina Mourón.
Evaristo Calvo está sublime, interpreta a todos os personaxes da obra, a si mesmo como Cómico, e o propio Ricardo III, cambiando de rexistro vocal (e composición física) a unha velocidade asombrosa e case na mesma liña de texto. Ben é certo que asociamos o personaxe inglés coa traxedia, mais é de destacar o ton de comedia que nos envolve de inicio a fin.
A peza ofrece unha visión tétrica do Ricardo III, na primeira escena, onde se mostra o rei matando a todos os personaxes. Seguidamente ambos, Ricardo III e o Cómico que o interpreta (Calvo), desbotan esa imaxe para pasar a unha visión de si mesmo na que reinterpreta os cinco actos da traxedia shakesperiana, analizándoa e sacando as súas propias conclusións. Este é un Ricardo que busca ofrecer a súa propia versión dos feitos, nun intento de redimirse, xustificarse e ter voz cando non a tivo.
A pesar da traxedia shakesperiana, esta conectoume cos meus tempos de estudante de filoloxía inglesa, concretamente coa materia de Historia e cultura dos países de fala inglesa. Foi xusto aí onde descubrín quen foi Ricardo III e a súa participación na guerra das Rosas poñendo fin á mesma. Foi precisamente grazas a Cristina Mourón, quen impartía a materia na facultade de Filoloxía da USC, e quen, nesta peza, se encarga da asesoría histórica.
A verdade é que a peza sorprende gratamente, dándonos a oportunidade de ver por un lado a historia real de Ricardo III e por outro, o retrato que o autor inglés fixo del, pasando á historia como un dos reis máis sanguinarios e medorentos. Ficción literaria e a realidade histórica converxen nun tempo e lugar onde até o aspecto físico do rei inglés se pon en dúbida.