in ,

Velaiquich Amoorch, aquí e agora

Entrevista con Myriam González do Colectivo d’Elas

Colectivo d'Elas. 'Velaiquich amoorch'
Colectivo d'Elas. 'Velaiquich amoorch'

Nunha semana de apagón e confusión, o ensaio ao que íamos asistir para coñecer máis de cerca o proceso creativo do Colectivo D’Elas, traballando na súa obra Velaiquich Amoorch!, cancelouse. A entrevista presencial que tiñamos prevista post-ensaio, mudou a unha das tantas plataformas virtuais que, desde a última pandemia, cobraron protagonismo nas nosas vidas e na nosa comunicación. Pero conseguímolo. Benvidas sexan as posibilidades de encontro en todas as súas formas!

O Comando Dramatúrxico de Escenas do Cambio ten a forma que definen as accións dos seus propios integrantes, eses que o conforman e o crean nun mesmo movemento. O obxectivo: ampliar a experiencia do público. De que modo? Do que poidamos crear. Nese marco é no que xorde esta entrevista e diso mesmo comezamos falando con Myriam González.

Myriam forma parte do Colectivo D’Elas e é unha das tres intérpretes de Velaiquich Amoorch!, a obra que estrean este 8 de maio, abrindo a edición 2025 do Festival Escenas do Cambio.

Non iniciamos esta entrevista ―que máis quere ser conversa―, cunha pregunta, senón cunha invitación: como integrantes do Comando ofrecémonos a oficiar de cómplices anónimos naquilo que os elencos desexen e propoñan e que consideren que podería amplificar a experiencia do público.

Xustamente, algo non menor en Velaiquich Amoorch! ten que ver co público, polo que Myriam non descarta que nos inviten a realizar algunhas das que elas chaman “misións” á hora de intervir na súa peza, que se basea na improvisación posible na presenza, no aquí e o agora. E é desde aí desde onde comeza a charla.

Colectivo d'Elas. 'Velaiquich amoorch'
Colectivo d’Elas. ‘Velaiquich amoorch’

Myriam.- Velaiquich é un espectáculo de improvisación en escena. Somos tres intérpretes en escena A compañía ten máis, porque, por exemplo, no noso anterior espectáculo somos seis e realmente en total somos dez. Empezou sendo dirixido por Julia e Sabela, que son as que dirixen tamén Elahood, e fixemos un primeiro espectáculo en 2021 dirixido por elas dúas, un espectáculo breve de rúa, no que tamén eramos seis intérpretes. E, despois, en 2023 pedimos una subvención, que nos concederon, para facer un espectáculo máis grande, para salas e teatros, aí tamén eramos seis intérpretes. Entón, agora este ano estamos cun para rúa, que é Velaiquich Amoorch!, no que somos eu, Julia como directora, e na interpretación están tamén Eloy e Andrea, que estaban no anterior espectáculo. Tamén se nos uniu MounQup, que é Camille, que fai a música e está en directo con nós, ou sexa, está tamén en espazo sonoro e interpretación. Entón, que é Velaiquich Amoorch!? Estamos improvisando en escena por una parte, porque nós vimos das artes urbanas e o noso maior traballo aí é a improvisación, pero si que, á vez, é unha creación contemporánea. Entón, o que estamos facendo agora nos ensaios é buscar estruturas que nos funcionen.

Ou sexa, cada vez que facemos o espectáculo é un espectáculo diferente, pero si que ten como certa estrutura similar, que é o que estamos traballando agora nos ensaios, como algunhas dinámicas ou algún xogo que poidamos seguir para entendernos en escena, obviamente, porque estamos improvisando. Entón, o que che contaba da improvisación, por una parte é polo tema de que vimos das artes urbanas e é o que maiormente traballamos, pero por outra ten que ver coa temática en si do espectáculo. Estamos traballando arredor do estar presente no agora e, por unha parte, isto levámolo ao tema das redes sociais, estamos xogando moito con cousas de TikTok na peza, por esta cousa de ter que estar todo o tempo nunha actualización constante, de que se non estamos como presentes no agora, imaxínate cos trends do Tik Tok, pois se non estás como atenta ao novo, xa estás como perdida. Entón, por unha parte, iso lévanos ás redes sociais, non como unha crítica nin nada, senón como: está pasando isto.

Tamén como artistas que temos que estar como constantemente expostas en redes sociais, porque senón parece que desaparecemos, como esa necesidade de ter que estar no agora todo o tempo. E, por outra parte, isto lévamos a ter que estar no agora, na improvisación en si, claro, porque se durante o espectáculo non estamos como presentes, non funciona. Entón é como se o levásemos un pouco á vida, este tema de ter que estar presentes. E iso como que encaixaba bastante ben tamén coa temática que nos contaba Kirenia deste año, de Escenas do Cambio.

Mariana.- Ocórrenseme mil preguntas, desde como conformades os grupos para un espectáculo ou para outro, ata como xorde a colaboración conxunta con Camille, como é a dinámica do traballo…

Myriam: Vale, a ver, pois como se creou a compañía en si. Era un pouco por, claro, nós xa adestrabamos xuntas de antes, desde había tempo, e era como esa necesidade de, bo, pois levalo a algo máis, pois a un ambiente de creación conxunta. Y despois simplemente este formato foi por dispoñibilidade e interese das intérpretes. Claro, ao final, mover unha peza de moita xente é moi difícil… E con Camille, pois claro, ao final Camille tamén traballa desde a improvisación, entón coincidía moi ben co noso traballo. Ela fai un pouco de experimental, improvisa moito en escena, nos seus concertos, ela soa… E a verdade é que foi unha combinación xenial traballar con ela.

Mariana: E como ensaiades? Que dinámicas traballades entre as intérpretes e a música?

Myriam: Empezamos a traballar soas, as intérpretes, ou sexa sen Camille, nós as tres e Julia dirixíndonos desde fóra, como para primeiro buscar xogos máis de movemento, non tan ligados á música. Por poñerche algún exemplo así fácil, pois se estamos nun tipo de dinámica de movemento concreto, pois unha de nós é como máis a líder, a que guía e, despois, a outra vai cambiando, como con xogos así, para despois coa música xa ter unha base sobre a que traballar. E Camille fai un pouco o mesmo, ten como algunha pista base, por así dicilo, sobre a que ela vai xogando, engadindo cousas ou quitando, e tampouco nos pon sempre a música na mesma orde. Ou sexa, é improvisación tamén nese sentido. Ao mellor, pois, un día o espectáculo empeza cun tema, outro día con outro, e xa con Camille xogamos máis, aparte de coas súas pistas, coa súa música, a que introducise cousas máis como da vida real, por así dicilo, de nós. Por exemplo, con isto de Tik Tok que che dicía, pois xogamos con audios propios de TikTok que, de repente, aparecen no espectáculo, ou incluso audios, notas de voz nosas, das nosas amizades, familiares, hai como cousas así, como moi achegadas, que nos conectan tamén co presente.

Mariana: E está pensada para diferentes escenarios, para diferentes lugares ou lugares non convencionais, non si? Como cales? Onde planeades probalo ou estendelo?

Myriam: En xeral é para rúa, espazos non convencionais, pero o tipo de formato da peza adáptase a todo, a calquera sitio. Tamén cando ensaiamos fóra do estudo, como na rúa, tamén buscamos como o espazo nos afecta nese momento. Non sempre facemos o mesmo. Se houbese un chan máis difícil, pois traballamos menos no chan. Se houbese algunha estrutura na que poder xogar, pois o mesmo. Ao final é o bo da improvisación, poder adaptarse.

Mariana: Teño unha pregunta súper nerd, pero, ao final dos ensaios ou das presentacións, facedes algunha baixada colectiva sobre o que pasou neles? Apuntádelo? Ides documentando ese traballo? 

Myriam: Si, sempre. Sempre temos que gravalo e dicir, “vale, isto funcionou máis, isto funcionou menos”. Sobre todo a nivel ritmo, claro, é moi difícil para nós, desde dentro, saber cando está subindo a enerxía, como facer para que suba de forma colectiva, que baixe. Entón, tampouco ten unha duración exacta, pois por iso mesmo, porque ao mellor ao final imos desenvolvéndoo un pouco antes, un pouco despois…Está entre os 30 e os 45 minutos. E si, sempre, despois de cada ensaio, falamos de, “vale, aquí había que seguir subindo a enerxía. Aquí había que deixarlle máis espazo a Camille”. Falar dese tipo de cousas que funcionan máis ou menos.

Mariana: E ides documentándoo? Non sei, eu sempre penso en presentacións ou documentais ou libros ou o que sexa que poida xurdir para compartir con outras ese proceso.

Myriam:  Sen querer, un pouco, sempre o facemos, en plan, gravar os ensaios e logo tomar notas entre todas, que nunca o recollemos como algo a propósito en plan “Imos recoller isto”, pero sempre está ese material, porque é a nosa forma de traballar.

Mariana: E que representa para vós a presentación neste festival en particular?


Publicidade

Myriam: Ben, xusto neste festival temos como unha colaboración na que van estar en escena as miñas alumnas de baile. Entón tamén está moi guai por iso. Ou sexa, ten todo que ver para min co estar presente, co estar como na actualización que, ao final, o nota, sobre todo, a xente nova en todo isto de ter que estar en Tik Tok, que sen querer xa se che pasa algo e xa non estás como actualizada, por así dicilo. Entón como que me parece bastante guai que Kirenia nos propuxera esta colaboración con novos públicos, por así dicilo, porque si que bailan, pero non están tanto en ambientes como de creación. E iso, pois temos unha colaboración con elas, que van a participar de algunha maneira no espectáculo. Non vai a ser sempre da mesma maneira, por suposto, ao mellor sae máis cara ao inicio da peza, máis cara ao final. Pero si me parece moi guai que vaiamos a facer isto con elas. É o que máis destaca a participación.

Mariana: E o público como xoga, como intervén na peza? 

Myriam: Xusto temos algunha idea co público, que antes, co que me estabas comentando de como traballades vós no Comando Dramatúrxico, quizais poidamos facer algo así con vós. Xa o probamos varias veces nos nosos ensaios. Porque si que invitamos xa a xente, porque esta peza necesita ensaiar con público desde o principio. Temos algún xogo co público que non sei se se vai a dar en todas as funcións ou non, porque tamén iso está aberto, que é como que poidan darnos… Ben, nós chamámoslles misións. Que é como que nos escriben cousas que temos que facer durante o espectáculo. Nós non sabemos quen nolas escribiu e eles non saben cal das intérpretes a ten que facer. Pero, nalgún momento del espectáculo, é como que temos que cumprir co que o público nos pide. A forma que estivemos practicando nos nosos últimos ensaios foi que, no momento, puxesen o que quixesen. Julia, desde la dirección, puxo algunhas pistas para que nos poñan cousas dentro das nosas marxes.

Mariana: Xenial! Contade con nós desde xa para achegar nas misións. Cóntame Myriam,  como xorde o nome da obra? 

Myriam:  Claro, pois o amorch, acabado en CH, pois un pouco o mesmo que che contaba antes, estamos ao final xogando con cousas moi actuais, como de moda, de trends. E é como algo que se puxo de moda, dise amorCH. E por outra, Velaiquich, aquí está en galego a palabra “velaquí”, como “está aquí, no presente, entón fiámolo con iso. Como “xusto agora, aquí”. E é un xogo de palabras o CH ao final.

Mariana: Por último, para non roubarche máis tempo, que che suxire o concepto de “lostopía” que propuxo Kirenia para este festival? Resóache dalgunha maneira?

Myriam: Claro, a ver, xusto nós con estas pezas que me parece que teñen bastante que ver coa tensión. Porque perdemos a tensión e xa non podería existir esta peza practicamente, por así dicilo. Entón, tamén un pouco, non sei, sinto que si que nos saímos un pouco do habitual tamén da nosa forma de traballar. Porque anque improvisemos, tampouco o fixeramos en escena durante tanto tempo, é como algo arriscado para nós tamén. Entón, pois un pouco iso, como arriscar. Ou sexa, a min sóame como o saírnos do de sempre, do habitual para nós. E, iso, buscar como algo que nos conecte co agora, de verdade. Como, “ben, imos facer isto aquí, agora. Como… Ía dicir “como saia”, entre aspas. É como apostar moito por, “ben, o que teña que ser hoxe, será”. E se o facemos mañá vai ser diferente, entón, para min ten bastante que ver con iso.

Mariana:  Que che gustaría que pasase no día da función?

Myriam:  Que me gustaría que pasase? Pois, mira, estar conectadas, de verdade, conseguir estar no presente.

Mariana: Gustaríache agregar, compartir ou resaltar algunha cousa que non che preguntara. 

Myriam: Non, conteiche bastante todo o que tiña en mente para dicirche.

Mariana: Xenial! Grazas por compartirnos este tempo. Vémonos no Festival. 

E aí estaremos. 

Presentes.

Colectivo d'Elas. 'Velaiquich amoorch'
Colectivo d’Elas. ‘Velaiquich amoorch’

Mariana Rodrigo

Mariana Rodrigo

Son actriz, escritora e profesora. Nacín en Bos Aires, onde fun educada polo seu teatro independente e a súa Universidade. Dirixín un Club Cultural e a Área de Comunicacións dun Ministerio. Cheguei á Coruña, despois de pasar por Dublín, coa curiosidade como compás e a arte como bandeira. Creo no traballo colectivo e no poder do teatro para desafiar a realidade como única opción posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

"APEGO" de Mutismoa Teatro, na Casa de Arriba. Fotografía de Laura Merchán.

O Teatro Gorrilla afiánzase en Vigo

Mala vida e pior morte do rei Ricardo III 5

Mala vida e pior morte do rei Ricardo III