O sábado 22 de marzo na cidade de Vigo deuse a última edición do Teatro Gorrilla, unha xornada na que os bares de Churruca se enchen de artes escénicas, chegando a espectadores inesperados, que cunha birra na man descobren novas formas do facer escénico.
O evento xa ten moita traxectoria na cidade, xa que levan realizándose xornadas dende 2019 e no (moi rico) ambiente alternativo da cidade xa son unha institución. Persoalmente, non me gusta perderme ningunha edición, xa que nestas aparecen auténticas xoias das escénicas emerxentes galegas.
Esta edición tivo unha particularidade, xa que destacaba polo seu carácter diverso nas orixes das creadoras. Puidemos atoparnos artistas de Arxentina, Mozambique, Madrid, Alemaña e, como non, galegas. E isto sen apoio institucional.
A primeira peza que vimos foi Artificio Medea do arxentino Nazareno Ciminari, no Tinta Negra. Este espectáculo é unha peza unipersoal que explora e vai reconstruíndo a traxedia de Medea. Nazareno como intérprete fai un alarde técnico nesta peza, xa que demostra unha presenza escénica potente, a súa capacidade cómica e a capacidade de encarnar e variar personaxes de xeito orgánico. Ademais, resulta unha persoa especialmente carismática, feito que sempre axuda cando estás tan preto do teu público como el estivo.
Mudamos de bar, e tamén de atmosfera, xa que na Cantina Candela a galega Raquel Garabal amosou a súa peza A terra nos dá, que investiga sobre o rito funerario tradicional en Galicia. Como boa viguesa, estou bastante desconectada das miñas raíces, e este espectáculo amosoume unha parte da miña cultura que descoñecía, coa presenza amable de Raquel.
A terceira peza foi da compañía Mutismoa, na cal atopamos a Sergio Llauguer, Gema González e Elur Olabide Izquierdo, e que nos presentan Apego, inda en proceso creativo, en A Casa de Arriba. O espectáculo trata sobre os tipos de apego no contexto dunha relación afectivo-sexual, e este sábado conseguiron que o público rise e cantase con eles La Oreja de Van Gogh. Eu nunca cantei Rosas en comunidade, pero decateime de que o precisaba. Á parte disto, as tres intérpretes teñen unha química na escena palpable, e iso trasládase ao público, que quere ser cómplice do que acontece nas táboas.
Das gargalladas pasamos á hipnose co traballo que nos presenta o bailarín mozambicano Dinís Quilavei, que o amosou na sala Kominsky. Se Raquel fixo que descubrise a miña propia cultura, Dinís descóbreme unha á cal son completamente allea. A súa peza Um corpo chamado templo, ademais de ser un alarde de técnica e ritmo de Dinís, é unha reflexión sobre a raíz. Este espectáculo reivindica a tradición e resístese ao seu esquecemento. A colectividade do baile tradicional está moi presente, mediante os espazos sonoros, pero tamén na implicación do espectador na xeración dun ritmo.
A última peza foi Guiri, da alemá Isabel Denzel, que a presentou no Arco da Cella. Este espectáculo é unha comedia que deconstrúe, analiza e humaniza a figura do guiri, dándolle así unha profundidade da que adoita carecer nas producións artísticas locais, pero dende unha perspectiva crítica. Isabel consegue levar a cabo esta peza unipersoal e namorar ao público mediante coreografías extravagantes e sangría. Isabel consegue pór o público a danzar e beber, mais de xeito inesperado introduce novas perspectivas sobre este personaxe do guiri e as súas consecuencias na nosa contorna.
Esta edición péchaa o evento de baile Macarena War, para profesionais e afeccionados, e que nos lembra que as escénicas son un evento social, e a convivencia entre artistas, programadores e espectadores é fundamental para ter un tecido artístico vivo, que respire e se transforme.
O Teatro Gorrilla volve demostrar que a xente quere cultura accesible e de todas as formas posibles. Ás veces as cousas son moi sinxelas, se non hai espectadores no patio de butacas, hai que buscar os espectadores, porque habelos hainos, só precisan que os atopen. As escénicas están para emocionarnos e mobilizarnos, e cando iso é o que precisamos, dá igual que sexa no García Barbón ou na Kominsky.