A emoción no paso e no que trae consigo.
A emoción como tensión ou intensidade do estar na simetría do ser singular.
A tensión rítmica do contraste entre a singularidade e a pluralidade do ser.
A singularidade biográfica, física, topográfica, cultural, territorial, do substrato no que nace e medra a personalidade, que non é máis que unha planta, unha árbore ou un animal. O lugar onde un se cría reverbera despois nas creacións de quen non se rende ás modas ou tendencias alleas, de quen escoita a raíz e, desde esa cerna, voa libre e transita polo mundo adiante, como un arrieiro que leva cantares por onde pasa.
A pluralidade de todas as persoas coas que nos cruzamos e das que aprendemos algo, a pluralidade de estímulos e diferenzas que nos alimentan e constitúen.
A emoción no paso de danza, no movemento que non vén baleiro, pero que tampouco necesita unha intención, unha conquista, un obxectivo, unha finalidade.
En vez dunha intención, unha tensión, a da intuición.
En vez dunha intención, unha sensación, unha vibración, como a das ondiñas que veñen e van na voz de Aida Tarrío (Tanxugueiras). Nelas pode sentirse esa conexión telúrica que vai alén de calquera intención finalista, porque son camiño e canle. A onda sonora movéndose invisible, afondando e indo alén. Mentres os corpos recuncan nunha marea de ondas que despregan beleza e emoción de alta intensidade.
A iluminación de Mauricio Pérez Fayos e a coreografía de Daniel Rodríguez, expandida a Javier de la Asunción, Laura García, Andrea Pérez, Aida Tarrío, Artur Puga e o propio Daniel, co canto e a música en directo de Aida e Artur, combinados coa produción musical de Carreño e Acacia, xeran atmosferas moi visuais, case cinematográficas. Delas despréndese un magnetismo irredutible que ten que ver con esa intensidade da que vén cargado o paso, os pasos de danza, na súa creatividade enraizada nun territorio cultural e biográfico desbordado, universalizado, pero existente e irradiante.
Paréceme a min que é aí onde radica a identidade galega desta danza contemporánea. Non fai falta sinalala en escena co bonitismo de pasos iconicamente recoñecibles do baile tradicional. Non é necesario mesturar agora uns pasos do tradicional, agora a heterodoxia creativa do contemporáneo. Non se trata diso aquí, senón máis ben de transitar, desde ese substrato nutricio, para a liberdade creativa do movemento, desde a sensibilidade nova e o ilimitado da danza contemporánea.
O prodixio aquí, neste Transeúnte de Daniel Rodríguez, está en que non se trata da obra como produto global de mercado, como unha mesa do Ikea ou como os corredores de calquera centro comercial do mundo, ou de calquera rúa comercial de calquera cidade do “primeiro mundo”, todas iguais e despersonalizadas, todas homologables. Pero tampouco se trata dunha obra fincada na singularidade auto-referencial individualista. Esta coprodución de Daniel Rodríguez co Centro Coreográfico Galego, que se estreou o 21 de febreiro de 2025 no Teatro Municipal de Tui, trae consigo a riqueza dun mundo, cunhas sonoridades, uns pulos e uns xeitos moldeados por un ecosistema “natural” e cultural diferenciado, que pode ser compartido e que, ademais, posúe uns resortes que conectan con persoas doutras paisaxes e culturas.
A maxia de Transeúnte fixo da noite da estrea unha noite prodixiosa, co teatro cheo até a bandeira e con todo o público en pé, nunha ovación desas nas que sentes o aplauso sincero e caloroso.
A min resúltame moi difícil emocionarme da maneira intensa na que me aconteceu en dúas das secuencias desta peza e cónstame que non fun o único, a xulgar polos comentarios de persoas na conversa despois do espectáculo. Concitar a emoción sen recorrer ao clixé sentimental efectista, desde unha certa abstracción dancística, habitada por pulsións vitais ligadas ao substrato sociocultural e etnográfico galego, contaxiado por vía da intuición e dos corpos, é un dos maiores prodixios desta peza. Está o canto, a música, a percusión, as sonoridades entroncadas co tradicional, pero tamén levadas cara a unha abstracción universalizante e cósmica, na que os mundos da persoa transeúnte (todas somos transeúntes nesta vida e neste planeta) vibran no mundo global. E tanto ten onde esteas, porque no estar levas o ser. Unha danza na que o “onde” singulariza e identifica de maneira incluínte (non excluínte), desde a cerna.
E ti de ONDE vés sendo? A onda do onde fai unha transfusión do tradicional ao contemporáneo. O transeúnte é unha figura alegórica, asumida en boa parte do espectáculo por Artur Puga no seu camiñar e tamén no contar como as danzas e os cantos pasaban dunha vila a outra vila, dunha persoa a outra persoa. Pero tamén é unha asunción coral e comunitaria repartida en todo o elenco, tanto nos unísonos como nas diversas combinacións entre o cuarteto formado por Javier, Laura, Andrea e Daniel, máis enfocados na propia danza, e o dúo formado por Aida e Artur, máis enfocados no canto e na música. Aínda que o movemento e o baile, incluso o cante aquel que di “aldeíña de Toutón”, se estenden por todo o grupo e chegan a nós nun arrepío de beleza e de conexión con algo moi fondo.
Ademais, esta figura alegórica do transeúnte soborda os xéneros binarios home/muller, polo vestiario de Sheila Pérez, nun híbrido de saias e pantalóns, capas e camisas, con diferentes teas vaqueiras, así como pola non atribución xenérica do movemento coreográfico.
O aspecto de reciclaxe das teas vaqueiras e a superposición de fragmentos de pezas de roupa, máis ou menos identificables, dan como resultado unha caracterización fóra do común, que nos remite ao ámbito do extraordinario e do festivo. A gama de azuis préstase á conexión simbólica co mar, co ceo e coa non permanencia ou coa eterna mudanza. Factores que están na base da vida e que, dalgún xeito, veñen representados pola figura transeúnte.
O fermoso aquí, nesta peza, é que o transeúnte pasa pero non desaparece totalmente porque ao pasar deixa algo. E ese algo que deixa é unha enerxía que toma forma de baile, de copla, de achega, de acción amorosa, de transmisión que se transforma. Ese algo que deixa impugna a morte. Velaí o prodixio deste Transeúnte. Algo pasou e algo ficou.