in

O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada

‘La talla 38 me aprieta el chocho’

'O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada'. Foto de Ana Barceló.
'O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada'. Foto de Ana Barceló.

La talla 38 me aprieta el chocho, isto é así dende que a alguén se lle ocorreu falar de corpos normativos, de modelos curvy, dos estándares de beleza cambiantes ao longo das últimas décadas, especialmente para as mulleres e dende que moitas delas dixeron “Xa abonda”. Comezo así a crítica sobre O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada da compañía Butacazero. A verdade é que a mensaxe non podería ser máis clara.

En escena, vemos unha persoa no espazo, situada de costas ao público rodeada dun montón de lixo, produtos envasados, plásticos, e alimentos ultraprocesados. Escoitamos o que parece ser unha bolsa de gusanitos, ou jumpers, ou patacas fritidas. Ao cabo dun anaco a persoa dáse a volta e vemos a actriz, vestida de patinadora. Vai en patíns, por suposto. A actriz é Esther Carrodeguas e vén a contarnos a súa historia.

Ou a historia doutra persoa? A actriz fala en terceira persoa, afastándose así do relato, e mesturándoo coa narración en primeira persoa. Falamos pois de autofición, atopamos unha realidade que parte da propia actriz, e fai un traballo de reflexión no que para min queda claro o difícil que é rirse dunha mesma. Aparece o tema da gordofobia, da crueldade do bullying, do consumismo, da envexa, do trauma quizais para superalo, xoga coa realidade ficticia facéndoa contestataria e criticando situacións de rexeitamento e desprezo cara a si mesma.

Digo que é contestataria, mais é crítica consigo mesma e coa sociedade; facendo uso do castelán cando interpreta as voces colectivas que lle din como vestir, como ser, como comportarse ou como sentirse. Carrodeguas aproveita o espazo da peza para espirse, literal e metaforicamente como un xeito de expresarse libremente e facer o que lle dá a gana: pasando por diferentes estados, dende comer unha espinacas crúas directamente ate imitar os pasos de danza dunha bailarina de ballet.


Publicidade

A peza vai acompañada por un espazo sonoro proposto por Juanma Lodo quen, invisíbel,  acompaña a propia actriz en escena. Encargado da sonoplastia da peza, complementa  e  resalta o traballo de Carrodeguas en escena grazas ao uso de todos aqueles efectos sonoros que fan que a peza refulxa.

A dirección corre a cargo de Xavier Castiñeira e o texto, como non podería ser doutro xeito, é da propia Esther Carrodeguas. Un texto que parte do individual para chegar ao colectivo e crear conciencia crítica. Unha peza que retrata a gordofobia, se distancia, critica e se ri dela mesma, e fai o público participe, quen conecta e se distancia ao mesmo tempo da temática da peza.

O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de ButacaZero

Dirección: Xavier Castiñeira

Texto: Esther Carrodeguas

Interpretación: Esther Carrodeguas

Sonoplastia: Juan Lodo

VigoCultura. Auditorio do Concello, Vigo, 9 de novembro 2024.

 

Sara Santamaría

Sara Santamaría

Actriz, creadora e filóloga de inglés. Formada en Espazo Aberto (Santiago de Compostela) e en Central de Cine (Madrid) ten experiencia no eido audiovisual en series como Amar es para siempre , Augasquentes; e o spot publicitario de Gadis (2021). No eido teatral participou na obra Antigona de El Desván producciones, e conta cunha peza de creación propia, El valle de la silicona, á vez que está a traballar na dramaturxia do seu próximo proxecto. Na actualidade está a finalizar os seus estudos de interpretación textual na ESAD de Galicia.

"Escribo para expresarme, para comunicar e deixar pegada; así comezo a colaborar coa revista 'erregueté'".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fábrica de fume

O Salón Teatro acolle a estrea de ‘Fábrica de fume’