O Colectivo Glovo, dirixido polo portugués Hugo Pereira e pola galega Esther Latorre, estreou hoxe a súa nova creación TRÏADE no marco de dFERIA 2025, a feira de artes escénicas de Donostia. A peza, concibida para rúa e espazos non convencionais, propón unha inmersión na transformación do corpo e da memoria a través da danza contemporánea. Ofreceu unha primeira función ás 13:00 horas e unha segunda ás 18:30 horas en Tabakalera, Donostia, creando unha experiencia única nun espazo de referencia.
A peza
TRÏADE é unha obra de 14 minutos, interpretada por tres bailarinas que habitan un territorio en constante evolución, onde o movemento devén en rito e en testemuño dunha historia compartida. Cunha posta en escena minimalista e orgánica, a peza convida o público a ser testemuña dunha danza que transita entre o efémero e o esencial.
Para esta nova proposta, o Colectivo Glovo quere segue apostando “por unha linguaxe coreográfica de gran impacto visual e físico, explorando as relacións entre o corpo, o espazo e a percepción do tempo”. Cunha traxectoria consolidada no ámbito nacional e internacional, a compañía busca “reafirmar o seu compromiso coa creación de obras que dialogan coa contemporaneidade sen perder as súas raíces”.
A estrea de TRÏADE en dFERIA 2025 representa un fito na evolución artística de Colectivo Glovo, sumando unha nova peza ao seu repertorio de creacións para espazos non convencionais.
A compañía
Colectivo Glovo é unha compañía galaico-portuguesa de danza contemporánea que levou as súas creacións a escenarios de España, Portugal, Italia, México, Costa Rica e Corea do Sur. O seu traballo caracterízase “pola exploración do corpo e do movemento como vehículos de memoria, identidade e conexión co entorno”.