O director e autor de teatro, educador, director e fundador da compañía teatral Attis, inspirador das Olimpíadas teatrais e presidente do seu comité internacional, Theodoros Terzopoulos, é quen asina a mensaxe internacional do Día Mundial do Teatro de 2025, que se celebra hoxe, 27 de marzo. O director grego asumiu a súa redacción a petición do International Theatre Institute, ITI.
Recóllese a continuación a mensaxe completa, traducida ao galego por Ana Abad de Larriva,a partir da tradución ao inglés de Yiola Klitou e o centro do ITI en Chipre, na que reflexiona sobre as preocupacións do teatro e a súa participación activa no ecosistema global:
“Pode o teatro escoitar a chamada de socorro que os nosos tempos están a lanzar, nun mundo de cidadáns empobrecidos, pechado en celas de realidade virtual, parapetados trala súa sufocante privacidade? Nun mundo de existencias robotizadas dentro dun sistema totalitario de control e represión que abrangue todo o espectro da vida?
Está o teatro preocupado pola destrución ecolóxica, o quecemento global, a perda masiva de biodiversidade, a contaminación dos océanos, o derretemento dos polos, o incremento dos lumes forestais e fenómenos meteorolóxicos extremos? Pode o teatro converterse nunha parte activa do ecosistema? O teatro foi espectador do impacto humano no planeta durante moitos anos, pero está a atopar dificultades á hora de abordar este problema.
Está o teatro preocupado pola condición humana tal e como esta está sendo conformada neste século XXI, onde a persoa cidadá é manipulada por intereses políticos e económicos e polas redes de medios de comunicación e de empresas formadoras de opinión? Onde as redes sociais, ao mesmo tempo que a facilitan, son tamén a gran coartada da comunicación, xa que achegan a necesaria distancia segura con respecto ao outro? Un sentimento xeneralizado de medo ao outro, ao diferente, ao estraño, domina os nosos pensamentos e as nosas accións.
Pode o teatro funcionar como un obradoiro para a convivencia das diferenzas sen ter en conta a ferida que aínda está aberta?
A ferida aberta convídanos a reconstruír o mito. E nas palabras de Heiner Müller: “O mito é un agregado de cousas, unha máquina á cal sempre se poden conectar novas e diferentes máquinas. Transporta a enerxía ata que a velocidade crecente faga estoupar o campo cultural”, e eu engadiría ‘o campo da barbarie’.
Poden os focos do teatro botar luz no trauma social e deixar de botar de xeito enganoso a luz sobre o propio teatro?
Preguntas que non permiten obter respostas definitivas, xa que o teatro existe e perdura grazas ás preguntas sen reposta. Preguntas lanzadas por Dioniso, dende o seu lugar de orixe, no teatro antigo, que proseguiron a súa silenciosa viaxe como un refuxiado a través dos escenarios da guerra, hoxe, no Día Internacional do Teatro.
Ollemos nos ollos de Dioniso, o extático deus do teatro e do mito que une o pasado, o presente e o futuro, o rapaz de dous nacementos, de Zeus e Sémele, expresión das identidades fluídas, do feminino e o masculina, do divino e o animal, na fronteira entre a loucura e o xuízo, a orde e o caos; un acróbata na liña que separa a vida e a morte.
Dioniso fai unha pregunta ontolóxica fundamental: “De que vai todo isto?”. Unha pregunta que conduce a creadora, o creador, cara a unha pescuda aínda máis fonda dentro das raíces do mito e das múltiples dimensións do enigma humano.
Precisamos novas formas de narrativa dirixidas a cultivar a memoria e a conformar unha nova responsabilidade moral e política para rexurdir da ditadura multiforme da Idade Media de hoxe”.