O domingo 9 de marzo tiven a oportunidade de asistir á función de La Maestra, de Anita Maravillas en coprodución con Portal71, no auditorio municipal de Vigo, no marco da programación de Vigocultura.
La Maestra é un espectáculo de monicreques para público infantil que nos fala sobre a pegada dos mestres, de guerra e fascismo, a partir de personaxes animais, que achegaron estas temáticas tan complexas ás crianzas que encheron o auditorio ese domingo. A historia fálanos dunha mestra que con paixón e agarimo consegue dar un espazo seguro de aprendizaxe ás súas alumnas, mais unha guerra irrompe este idilio.
A estética da peza destaca pola súa tenrura, incluso nos momentos máis duros, onde a guerra aparece e arrasa con este mundo imaxinario nos que as raposas ensinan poesía. A iluminación acompaña a dramaturxia do espectáculo dun xeito impecable, sendo ás veces a protagonista da escena.
Podemos destacar tamén o traballo das manipuladoras, que conseguen que os monicreques respiren e teñan vida e personalidade. Os personaxes están traballados ao detalle, e iso nótase na vitalidade dos monicreques na escena, que conseguen emocionarnos tanto a cativos coma titores.
Un espectáculo destas características é moi necesario no noso presente. A sociedade na que vivimos semella estar cada día máis polarizada, e o odio expándese entre nós, sen freo. La Maestra reacciona ante esta situación facendo o propio e falando aos cativos de guerra e fascismo, pero tamén de resiliencia e esperanza. Se algo pode evitar que a historia se repita é a súa ensinanza, e esta peza consegue enganchar as crianzas coa súa historia, pero tamén achegalas a estes momentos tan duros da nosa historia.