in ,

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle a gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares

Hoxe, a partir das 20.30 horas, e a entrega será retransmitida a través de YouTube

Premios María Casares 2021
Imaxe da gala dos Premios María Casares de Teatro do ano 2021. Foto de Corsino

Os XXIX Premios de Teatro María Casares entregaranse hoxe, xoves, 3 de abril, no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a partir das 20.30 horas. A gala, que renderá tributo aos diferentes oficios que conforman o mundo do teatro, será retransmitida a través da canle de Youtube dos Premios  mediante esta ligazón, e estará conducida por Sarabela Teatro. Fernando Dacosta é o responsable da dirección e da dramaturxia e o elenco está conformado por seis intérpretes: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira. Vadim Yuknevich encárgase da música, mentres que o vestiario corre a cargo de Tegra e Lele. José Bayón e Rubén Dobaño encargaranse das tarefas de iluminación e mais de son, Héctor Martínez exercerá como auxiliar de dirección, e Marta Horjales asume a produción executiva dos Premios.

Homenaxe a Xabier Deive

Neste 2025, a AAAG decidiu concederlle o Premio de Honra Marisa Soto a Xabier Deive, para lembrar e homenaxear a figura do actor, falecido o pasado mes de xullo. É a terceira vez que se entrega esta distinción a título póstumo, despois da concesión a Xosé Manuel Olveira, Pico, e a Lino Braxe. Deive, moi coñecido para o público galego, antes de iniciar a súa traxectoria como actor exerceu como técnico e coñeceu as diferentes áreas do sector teatral. Ademais foi o presidente da AAAG entre 2019 e 2021, nuns anos especialmente complexos para a profesión a causa da pandemia.

Lectura do Manifesto Galego polo Día Mundial do Teatro

Durante a gala tamén se lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que este ano asinou a xornalista Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).

Os Premios María Casares están organizados, dende a súa creación en 1997, pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan co apoio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou Gadis.

17 espectáculos finalistas

Neste 2025, un total de 17 espectáculos aspiran a conquistar os Premios María Casares. Sarabela Teatro, precisamente, optará a 14 galardóns (entre eles, os de dirección, espectáculo ou as catro categorías de interpretación) pola obra O Dragón de Ouro. ButacaZero e a súa obra Iribarne aspiran a 12 premios (entre eles, espectáculo, dirección, texto orixinal, actor protagonista, actriz protagonista ou actriz secundaria).  Estas dúas obras competirán polo premio ao mellor espectáculo xunto a Go Home, de Etiqueta Negra.


Publicidade

Os actos e as profecías, obra coa que o Centro Dramático celebrou o seu 40º aniversario, optará a gañar catro categorías, como tamén o fará en idéntico número de apartados As gardiás ou o nó do tecelán, montaxe coa que regresou Teatro de Ningures á produción escénica. Cinco pezas aspiran a gañar dous premios: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas; O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións; Eu, fraude!, de Paula Pier; Non pasarán e PUM! PUM! Quen hai?, as dúas de Ártika Cía.

Nada se sabe, coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego, aspira a un galardón, como tamén Apaga o Candil, de Contraproducións; Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo e Rogelio III (La fête), de Assircópatas, que disputará o premio ao mellor espectáculo infantil coas xa mencionadas pezas MonstrosO mundo está roto pero pódese camiñar e Pum! Pum! Quen hai?

Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón, e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto Festival de Teatro Universitario de Lugo Laura Pose

Lugo acolle o seu XXXI Festival de Teatro Universitario

Foto gañadoras e gañadores Premios María Casares 2025 La Diapo reducida

Os Premios de Teatro María Casares 2025 xa teñen gañadoras e gañadores