in , ,

Fernando Pessoa, aliade?

Fernando Pessoa, retratado por Almada Negreiros (1964), sobre fondo rosa.
Fernando Pessoa, retratado por Almada Negreiros (1964), sobre fondo rosa.

Como para moitas persoas fóra da cis-heteronorma, Fernando Pessoa resulta tremendamente suxestivo. A multiplicidade dos seus heterónimos, ese desdobramento da personalidade e esa diversidade de identidades é algo que resoa coas vivencias queer. E eu, como unha mosca cara á luz, síntome atraído por Pessoa en diferentes momentos da miña vida. O primeiro, estudando para a selectividade con 17 anos. O último, a raíz de PESSOA – Since I’ve Been Me, de Robert Wilson, que se converteu nun novo achegamento á súa figura, omnipresente en Lisboa. Porén, máis que responder á imposible pregunta de se Pessoa era homosexual ou bisexual, preguntábame: “foi aliado das persoas queer da Lisboa de comezos do século pasado?”

A comezos dos anos 20 en Portugal aparecen tres autores que por primeira vez escriben dunha maneira explícita sobre a homosexualidade, nun contexto no que esta se asociaba coa “degeneração e decadência” dentro dun discurso patoloxizante: Raul Leal, António Botto e Judith Teixeira.

En 1920 publícase o poemario Canções, de António Botto, cun contido abertamente homosexual, aínda que pasou practicamente desapercibido ata que Pessoa escribiu na revista Contemporânea unha defensa tanto do texto como do propio autor no artigo António Botto e o ideal estético em Portugal, cunha reivindicación do “ideal helénico” e considerando a Botto o único esteta do país (“Artistas tem havido muitos em Portugal; estetas só o autor das «Canções»”).

A resposta a este artigo foi dobre no número seguinte da mesma revista. Por unha banda, do propio Pessoa a través dun dos seus heterónimos, Álvaro de Campos, supostamente desde Inglaterra, no que define a obra de Botto como “integramente inmoral”, aínda que quizais isto sexa o que lle dá forza ao poemario, e que non fai falla buscar nos gregos para recoñecelo.

Pero quen se despacha a gusto e, de paso, pon nome a esta polémica é o xornalista Álvaro Maia no seu artigo “Literatura de Sodoma. O sr. Fernando Pessoa e o ideal estético em Portugal”. Tacha o poemario Canções de ser unha manifestación de “podridão romântica” ou de retratar “assumptos repugnantes que se podem facilmnete (sic) tornar pedra d’escândalo”, e o artigo de Pessoa de “inmundície”. Todo isto ao longo de cinco páxinas nas que non podían faltar, por suposto, lamentos e pregarias dirixidas ao Altísimo, nin a clásica asociación entre homosexualidade e pederastia, e, por se quedaba curto, unha asociación entre a atracción pola beleza masculina cun “culto pola bestialidade”.

Nesta polémica entra de cheo Raul Leal, colaborador de Pessoa na Revista Orpheu, publicando o libro Sodoma Divinizada, no que realiza tanto unha defensa de Botto como unha crítica a Maia. Este libro foi publicado, xunto cunha segunda edición de Canções, pola editorial Olisipo, creada polo propio Fernando Pessoa.

Esta publicación, este desafío, non foi ben recibido. A extrema dereita católica portuguesa, a través da “Liga de Acção dos Estudantes”, lanza unha brutal campaña co apoio da prensa e do goberno civil contra Sodoma Divinizada. Isto desemboca na censura dos textos tanto de Botto como de Leal, ademais dos de Judith Teixeira. Como resposta, Pessoa pídelles a estes estudantes que, se queren deitarse con mulleres, que o fagan, “mas quando ao resto, calem-se. Calem-se o mais silenciosamente possível”, a través de Álvaro de Campos en Aviso por causa da moral, ou tachando de “provincianismo” a sociedade portuguesa, esta vez asinando co seu propio nome, en O caso mental Português.


Publicidade

Como vos decatariades, Judith Teixeira só aparece mencionada dúas veces neste artigo. Non é unha omisión casual. Teixeira escribiu tres libros de poesía, con contido lésbico explícito, ademais de dirixir a revista Europa. Foi vítima dunha persecución continua por parte da prensa conservadora e en 1926 viuse obrigada a apartarse da literatura e da vida pública, tan só cinco anos despois de publicar o seu primeiro libro, e publicando o seu último relato curto, Satânia, desde o estranxeiro.

Porén, Fernando Pessoa calou ante esta persecución. Pessoa apoiou e defendeu a Botto e Leal tanto publicamente como dándolles espazo e publicándoos na súa propia editorial, poñendo en risco tanto a súa imaxe como os seus medios económicos. Fronte a este apoio, está o silencio e a ausencia de defensa desta poeta. Pessoa foi valente, defendendo hai cen anos o que aínda hoxe é cuestionado por certos sectores reaccionarios. Tamén ignorou as agresións que sufría unha muller polo mesmo motivo polo que defendía dous escritores homes.

O apoio que se brinda a artistas queer hoxe en día non pode ser só de palabra. Débese acompañar economicamente os proxectos que cuestionan as normas do cis-hetero-patriarcado e abrir espazos de experimentación e exhibición. Ademais, hoxe atopámonos con intentos reaccionarios de separar a lesbianas, gais e bisexuais do resto do colectivo. Apoiar algúns para excluír a outros. Teñamos memoria, aprendamos do pasado e non deixemos a ninguén atrás.

“Oh! poetas da minha raça
Meus irmãos na decadência
Sacudi o falso manto da prudência
Cantai comigo uma marcha rubra e triunfal”
Judith Teixeira (Decadência)

 

 

Referencias

Campos, A. de. (1922). “Alvaro de Campos escreve à Contemporânea“. Contemporânea, (4), 4. Recuperado de https://hemerotecadigital.cm-lisboa.pt/OBRAS/CONTEMPORANEA/1922/N4/N4_master/Contemporanea_N04_Out1922.pdf
Freitas, A. M. (s.f.). “Olisipo”. En Arquivo Virtual da Geração de Orpheu. Modernismo.pt. Recuperado o 11 de abril de 2025, de https://modernismo.pt/index.php/o/olisipo
Lugarinho, M. C., & Silva, F. M. da. (2023). “100 anos da Literatura de Sodoma”. Via Atlântica, 24(2), 4–12. https://doi.org/10.11606/va.i2.209625
Maia, A. (1922). “Literatura de Sodoma. O sr. Fernando Pessoa e o ideal estético em Portugal”. Contemporânea, (4), 31–35. Recuperado de https://hemerotecadigital.cm-lisboa.pt/OBRAS/CONTEMPORANEA/1922/N4/N4_master/Contemporanea_N04_Out1922.pdf
Pessoa, F. (1922). “António Botto e o ideal estético em Portugal”. Contemporânea, (3). Recuperado de http://arquivopessoa.net/textos/3123
Silva, F. M. da. (2023). “Breves considerações sobre os antecedentes e subsequentes embates sobre a publicação de Sodoma Divinizada, de Raul Leal”. Via Atlântica, 24(2), 216–240. https://doi.org/10.11606/va.i2.209246

Juan Escalona

Juan Escalona

Juan Escalona Corral. Facilitador teatral con ampla traxectoria, comezou impartindo talleres teatrais en 2012 e en 2015 e a traballar como coordinador de proxectos europeos. En 2021 fundou a asociación FOCO onde actualmente traballa e comezou a estudar na ESADG. Está formado en facilitación teatral, educación non formal e diversas técnicas teatrais. Facilita obradoiros e colabora na creación de manuais pedagóxicos e forma parte da equipa do proxecto Novas Teatrais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación das datas e do cartel da 42ª MITCFC

A MITCFC dá a coñecer o cartel e as datas da súa 42ª edición

Casting Lear, con Andrea Jiménez. Imaxe da montaxe orixinal, de Sergio Parra.

Casting Lear