O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas acolle este mes e o que vén unha a 13ª edición do Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR). A programación inaugurarase mañá, martes 22 de abril, e desenvolverase cada martes e mércores ata o vindeiro 28 de maio.
Organizado pola Asociación Cultural A Cepa e Entre Bambalinas, a asociación que edita a erregueté | Revista Galega de Teatro, conta coa colaboración do Concello de Cangas e a Deputación de Pontevedra (Culturea).
Este ciclo realízase para dar visibilidade aos grupos amadores da comarca do Morrazo, mais tamén conta coa presenza de grupos convidados de outras localidades. Nesta edición van participar un total de 9 grupos: 6 do Morrazo e 3 convidados. Seguindo a liña comezada o ano pasado de “establecer relacións, sinerxías e intercambios entre as dúas bandas do Miño”, nesta edición participará no ciclo o grupo de Viana do Castelo, Teatro Aos Quartos.

O acto inaugural contará coa presenza do actor Lois Soaxe, pregoeiro desta edición. A continuación, Avelaiña Teatro de Pontevedra abrirá a programación con As máscaras de Ibáñez. O marqués de Sargadelos que nunca foi. Antón Lamapereira na dirección e Xabier Viz interpretando a Antonio Raimundo Ibañez, darán a súa propia visión da vida deste controvertido personaxe. O texto do espectáculo, asinado polo director e o actor, está publicado por Ediciones Invasoras.
No día seguinte, mércores 23 de abril, contarase coa presenza do grupo de Domaio, Charaviscas Teatro, que interpretará a traxicomedia Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, adaptada polo seu director, Lois Soaxe, na que non faltarán “o humor e a crítica á sociedade actual”.
O martes, 29 de abril virán os veciños portugueses Teatro aos Quartos. En total, 14 actrices e actores levarán a escena Quadrilha, unha comedia de Jomar Magalhães dirixida e adaptada por Ana Perfeito.
A seguinte semana pisarán o escenario os grupos de teatro que pertencen aos institutos. O martes 6 de maio, o IES As Barxas de Moaña participará coa obra As cinco flores; o 7 de maio o Colexio Eduardo Pondal con Paredeenbranco e Comediantes Anónimos do IES Johan Carballeira de Bueu co texto de David A. González Amuchastegui, A casa da troula.
Teatro Aberto reporá A trenza dos feitos amargos o mércores 14 de maio. Desde o teatro documento, o grupo céntrase no período histórico que abarca a Segunda República e o comezo da Guerra Civil. O texto, escrito por Asun Bernárdez, parte dun libro da mesma autora, Lola, filla de Cangas.
O mércores 21 de maio chega o grupo formado na Sala Ártika de Vigo, Fauna 113, que interpretará a comedia de creación propia, xunto con Fernanda Barrio e Marcos Alonso, Os veciños do lado.

Concluirá este ciclo o día 28 de maio co grupo formado na Escola Municipal de Teatro de Cangas, Teatro das Aras, cunha produción con 18 actores e actrices. Vidas entre lusco e fusco é un texto de Rosa Gantes e dirixido por Casilda Alfaro “que retrata á xente que vive na rúa e da clase traballadora precarizada que sabe manter a ledicia, o gozo de vivir”.