A Mostra de Teatro no Ensino Secundario do Morrazo, MOTESMO, reúne esta semana a 8 grupos de teatro dos centros educativos desta comarca para celebrar a súa 27ª edición.
A dirección do IES María Soliño de Cangas, centro organizador da actual edición, decidiu finalmente trasladar a MOTESMO ao Auditorio Municipal de Cangas Xosé Manuel Pazos Varela despois de valorar os graves danos, tanto no tellado como parte da estrutura do centro, causados pola borrasca Martinho.
Arrancará mañá, mércores 23 de abril, ás 10:00 horas, co pregón de Pedro Pablo Riobó, profesor xubilado do IES María Soliño e un dos fundadores da Mostra. A continuación mostraranse tres espectáculos de diferentes cortes.
O Obradoiro de Teatro María Soliño, despois de estar un mes sen poder ensaiar, tamén polas consecuencias do Martinho, abrirá a quenda dos espectáculos coa obra SOS Teatro, un texto de Xoán C. Riobó que recrea, dentro dun instituto, a crise dun pequeno grupo de teatro ao que cada ano se apunta menos xente. A continuación, representarase A casa das badaladas, dirixida e escrita polo profesor do grupo de Bacharelato de Artes Escénicas IES María Soliño, Xulio Abal. “Nesta obra aparece un fato de xente pechada nun cuarto e terán que resolver enigmas e quebracabezas cun xogo físico e mental como é o escape room”, segundo recolle a súa sinopse. O último participante neste día vai ser o Grupo de Teatro IES de Rodeira que porán en escena Unha noite de medo tricolor, comedia protagonizada por unha estirpe de científicos “que loitarán por non perder o norte”. O texto é de Teresa González Costa e os responsables do grupo son Gonzalo García e Silvia Martínez.
O segundo día comezará coa actuación do Grupo de Teatro do Colexio Eduardo Pondal, dirixido polo docente e responsable do grupo Ángel Curras. Levarán a escena Paredeenbranco, de creación colectiva e inspirada en dous textos protagonizados polas árbores e quen as habita: El árbol de Julia, escrito polo mestre do teatro para a infancia e a xuventude e recentemente falecido, Luis Matilla e O barón rampante, de Italo Calvino. “Para elaborar o texto final o grupo utilizou un método tan actual como é a IA. Toda unha experiencia para o elenco”, reflicte o programa.
A mañá rematará con Comediantes Anónimos do IES Johan Carballeira de Bueu. A casa da Troula “reunirá a uns amigos, para realizar unha festa temática de disfraces con personaxes das películas de terror”. O texto está escrito por David A. González Amuchastegui e dirixido por Rosa Domínguez e Fran Paredes.
Para finalizar esta Mostra, o venres 25 de abril abrirá a mañá a Aula de teatro SEI San Narciso. Hipocrisía é un texto escrito e dirixido por Héctor Silveiro que nos desvelará cal é o verdadeiro inferno. Seguidamente pechará esta programación o Grupo de Teatro do IES As Barxas de Moaña. Dirixido por Laura Carballo e cun texto da súa autoría, As cinco flores, conta unha historia que mestura o humor coa reflexión e o medo ao cambio.
Na clausura entregaranse os premios ás distintas categorías gañadoras dos carteis anunciantes da MOTESMO. Na categoría de Bacharelato e como cartel definitivo, o premio foi concedido a Alexandra Carrizo, do IES María Soliño de Cangas. Na categoría ESO, o premio recaeu en Icía Sobral, do SEI San Narciso de Marín.