Recollendo a encarga de Agencia: Camera, no 2009 a coñecida compañía catalá La Fura dels Baus monta unha versión escénica da cantata de Carl Orff, Carmina Burana, coñecida historicamente por unha das súas páxinas máis célebres, O Fortuna.
Dende entón e até agora, o espectáculo ten percorrido medio mundo ante unha concorrencia de case medio millón de espectadores. É agora que chega a Vigo, nunha xira nacional, recalando no Teatro Afundación da nosa cidade.
Está versión ten dúas grandes mentes responsábeis: Carlus Padrissa na parte de dirección escénica e César Belda na dirección musical.
O primeiro, coñecido como un dos seis directores da compañía, ten experiencia abondo no campo da escenificación de ópera e macro-espectáculos como os Xogos Olímpicos de Barcelona no 1992, entre moitos outros.
O segundo ten dirixido máis de 120 producións musicais e é autor de nada menos que 15 musicais.
Con tan ampla traxectoria e contrastada experiencia, non acabamos de entender como chegaron ao acordo de poñer esta proposta en pé ou en que condicións.
Primeiro, porque no apartado de posta en escena saímos coa sensación de que asistimos a unha función de teatro escolar sobrepasada de medios. Segundo, porque a versión musical lembra máis a un musical puramente comercial que á cantata orixinal.
Claro que obviamente non se ten que respectar nin a composición nin a estrutura do Carmina Burana de Orff para facer unha versión escénica. Referímonos a que a factura, tanto da posta en escena como da propia estrutura musical como da orquestración, lémbranos aos espectáculos comerciais da Gran Vía madrileña.
Isto non é nin bo nin malo per se. É a elección desta produción, e haberá a quen lle acaia máis, e a quen menos.
O que non se pode negar é que a posta en escena é absolutamente efectista e acada o obxectivo de conquistar o público. Do mesmo xeito, entendemos que ao que asistimos foi a unha “versión de xira” adaptada ás necesidades técnicas da mesma.
A composición de Carl Orff recolle unha selección dos carmina burana, é dicir, dos poemas conservados no códice atopado no 1803 na abadía de Bura Sancti Benedicti, en Baviera (e de aí o seu nome). Unhas composicións satíricas onde se criticaba os poderes sociais, políticos e, especialmente, eclesiásticos do seu tempo, ademais de facer unha oda ao gozo e aos praceres terreais.
Se ben na versión escénica firmada por Padrissa podemos entender esta loa ao pracer e ao carpe diem, a parte máis crítica antóllasenos bastante ausente, agás en intres tan puntuais que non chegan a compoñer un fío dramatúrxico.
Por outra banda, a proposta estética lévanos á confusión, mesturando elementos tradicionais do kabuki xaponés con elementos máis propios da ópera de Pekín e outros que nos refiren á igrexa católica, como as túnicas do coro masculino, por exemplo.
Finalmente, o emprego da maquinaria escénica (marca “da casa” das producións de La Fura, que se reduce a un guindastre, a un cilindro de tela onde se agocha a orquestra e que serve de pantalla de proxección para unha serie de imaxes que tentan ligar o contido da peza, e a un recipiente onde se realizarán un par de números con intérpretes somerxidos en auga), pensamos que frea o ritmo da obra, deténdoa polas paradas necesarias para o movemento e rompendo a maxia que tiñan xa creada certos números.
Deixando á parte o que pensamos que non acaba de funcionar, queremos poñer o foco no que realmente pon a peza en pé, que é o elenco de cantantes e bailarinas. Un conxunto de profesionais que se entregan á proposta e cuxo talento axudou a que o público se puxese en pé ao rematar a función (malia que algún, e cito ao meu veciño de butaca, por exemplo, pasase a primeira parte sonora e literalmente roncando).
- Non hai camiño de volta cara ás marxes - 28/06/2025
- Reconversión - 18/06/2025
- Carmina Burana - 25/05/2025



