in ,

A Asociación Cultural Morreu o Demo viaxa a Corea do Sur para participar no Congreso da UNIMA

Comba Campoi e Larraitz Urruzola recollerán o Certificado do Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio de Monicreques outorgado á entidade galega

Presentación delegación Morreu o Demo
Presentación da delegación galega da Asociación Cultural Morreu o Demo que viaxará a Corea. Fonte: Agadic.

A Unión Internacional da Marioneta (UNIMA)  entregará o Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio de Monicreques á Asociación Cultural Morreu o Demo no congreso que celebrará en Chuncheon, Corea do Sur, entre o 26 e o 30 de maio.

A sede do Museo do Pobo en Santiago de Compostela acollía onte a presentación da delegación galega que asistirá ao evento. Ao encontro internacional acudirán Comba Campoi, presidenta de Morreu o Demo, acompañada de Larraitz Urruzola, unha das profesionais dos monicreques que aposta por esta forma escénica. As dúas representantes galegas darán a coñecer no principal encontro mundial dedicado aos monicreques a tradición galega neste campo, que ten no personaxe de Barriga Verde o seu principal representante.

Na rolda de presentación, Comba Campoi detallou as actividades que a delegación galega desenvolverá no encontro e presentou o vídeo realizado expresamente para a ocasión no que se explica de xeito didáctico a actividade da Asociación e se introduce o patrimonio de monicreques do país. Segundo destacou a presidenta de Morreu o Demo “a nosa presenza nesta cita sitúa por vez primeira o patrimonio galego en pé de igualdade con tradicións cun grande recoñecemento internacional, como son o Pulcinella napolitano, o Punch inglés ou o Guignol francés, todos eles parentes do noso Barriga Verde”.

Canda a ela, participou na presentación Anxo García, membro de Morreu o Demo e de Viravolta Títeres e un dos principais investigadores das formas tradicionais desta forma escénica no país. García, que é un dos nomeados no recoñecemento de UNIMA, lembrou que cando comezaron a investigar sobre Barriga Verde “só quedaba a memoria oral do espectáculo e o material que a familia Silvent gardaba no seu domicilio”. Desde entón desenvolveron “publicacións, exposicións, proxectos didácticos” e diferentes compañías “apostaron por recrear o espectáculo orixinal e mantéñeno en cartel”, aínda que advirte que aínda queda moito traballo por facer na recuperación deste patrimonio.

A participación galega no encontro de Corea, segundo expresaron, permitirá intercambiar experiencias con outros proxectos internacionais de recuperación do patrimonio titiriteiro e dar a coñecer a historia desta tradición en Galicia, así como a actividade actual das compañías de monicreques galegas.

A viaxe realízase co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic que fai posible a presenza galega nesta cita de alcance internacional, e o director da entidade, Jacobo Sutil, participou onte tamén no acto de presentación desta iniciativa. Ademais, a Deputación de Pontevedra colabora neste proxecto coa impresión dos dossiers en inglés que se distribuirán no encontro de Corea.

Dona Barriga Verde
‘Dona Barriga Verde’, de Larraitz Producións Artísticas no IX Titiriberia (2024). Fotografía de Manuel Silva.

O galardón

UNIMA Internacional, ONG asociada á UNESCO que integra proxectos no eido global arredor das marionetas, outorgou o seu Certificado de Recoñecemento pola Conservación do Patrimonio Titiriteiro aos seis membros fundadores da Asociación Morreu o Demo, proxecto galego que traballa pola recuperación do monicrequetradicional do país e, en particular, do coñecido personaxe Barriga Verde. A entidade fai parte así desta listaxe que recoñece un total de 37 propostas de todo o mundo.


Publicidade

O comité destacou do traballo de Morreu o Demo “a gran contribución ao coñecemento e apreciación da arte da marioneta a través da recuperación da marioneta tradicional galega Barriga Verde, popularizándoa e dándoa a coñecer”. A asociación convértese así na primeira e, polo momento, única presenza galega nesta listaxe. Ao entregarse a persoas físicas, o recoñecemento recolle os nomes de Pilar Álvarez, Xulio Balado, Comba Campoi, German Ermida, Anxo García e Xaime Iglesias, persoas dedicadas á investigación e á divulgación do patrimonio de monicreques galego que botaron a andar este proxecto en 2013. A Asociación manifestou tamén que quere facer extensivo este recoñecemento “ao medio cento de socias e socios que a conforman na actualidade e mais a todas as persoas que colaboran e apoian o proxecto”.

Segundo indica UNIMA, este certificado “recoñece o traballo das persoas que ou ben teñen dedicado as súas vidas á protección, divulgación e/ou investigación do patrimonio das formas de marionetas ou daqueles mozos que están traballando activamente protexendo, difundindo ou desenvolvendo o patrimonio e que amosan unha firme promesa de continuidade na investigación e expansión deste patrimonio”. A concesión do Certificado, sen dotación económica, implica tamén unha entrada na Enciclopedia Mundial da Marioneta (WEPA), base de datos que recolle as principais iniciativas arredor dos monicreques a nivel internacional.

A Asociación Cultural Morreu o Demo

Morreu o Demo naceu en 2013 da man dun grupo de persoas dedicadas á arte dos monicreques e á investigación deste patrimonio. Desde entón, desenvolveu publicacións como a do DVD Morreu o Demo, acabouse a peseta, a exposición Barriga Verde. De feira en feira, que acumulou máis de 15.000 visitas en diferentes localidades galegas e foráneas, ou o proxecto didáctico Da Barraca á Aula, que achega o monicreque tradicional a centros de ensino de todo o país desde 2019.

Ademais, desenvolve desde o ano 2016 o festival Titiriberia, único da Península centrado no monicreque tradicional, radicado actualmente en Rianxo. No marco deste promoveu a creación de espectáculos de marionetas tradicionais da man de diversas compañías galegas, a apoiar a recuperación de diferentes versións de Barriga Verde actualmente en activo. Canda a accións formativas para profesionais do sector, no marco da Escola de Títeres Barriga Verde, a Asociación programa tamén a presenza da recreación da Barraca de Barriga Verde vencellada a diferentes feiras e festas populares, como a Feira Cabalar de Francos, en Teo, ou as Festas da Ascensión en Santiago de Compostela. Ademais desenvolve diferentes iniciativas de recuperación da memoria sobre as marionetas tradicional e as feiras populares.

Barriga Verde foi o monicreque máis popular da Galiza no século XX. Da man da familia Silvent percorreu feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. Esta mostra única de expresión teatral en galego quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, supón a forma autóctona dunha antiga tradición de monicreques que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella. A colaboración da familia Silvent, que custodia aínda as pezas orixinais do espectáculo, resultou imprescindible para desenvolver o traballo de recuperación da Asociación Morreu o Demo, tal e como pon en valor o colectivo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A nunca vista Difusora Horizontal reducida

A Lonxa Literaria de Moaña acolle un faladoiro sobre ‘A nunca vista’, de Ana Abad de Larriva

'KILL ME' de Marina Otero. Foto: Sofía Alazraki.

A Arxentina do FITEI