in

As desterradas

Para o que me queda no convento…

"As desterradas", de Producións Teatrais Excéntricas. Imaxe de Sabela Eiriz.
"As desterradas", de Producións Teatrais Excéntricas. Imaxe de Sabela Eiriz.

O venres 4 de abril tiven a oportunidade de ver no Auditorio Municipal de Vigo o último espectáculo de Producións Teatrais Excéntricas As desterradas, no marco de programación de Vigocultura. 

Esta é a posta en escena do texto co mesmo nome As desterradas, de Carme Varela. Esta peza foi galardoada no 2020 co premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, e foi un auténtico éxito en vendas. A obra non chega aos escenarios ata este ano 2025, dirixida por Quico Cadaval e estreada no Teatro Principal de Santiago de Compostela en marzo deste ano.

As desterradas cóntanos a historia das derradeiras monxas do Mosteiro de San Salvador de Albeos, que foron desterradas pola raíña de Castela a Santiago de Compostela. O espectáculo retrata a desidia destes últimos días, máis tamén aparece a forza e resiliencia destas monxas, que, a pesar de todo, loitaron por quedar no seu fogar. Grazas a isto, As desterradas resulta ser unha lección de historia para todos os seus espectadores. 

O espectáculo, ás veces, roza o documental, xa que fai testemuña ao espectador da cotiandade destas mulleres. A vida segue a pesar das súas desgrazas, e as súas rutinas seguen presentes a pesar do extraordinarias que poidan chegar a ser as súas circunstancias, e isto é algo que podemos ver na peza moi claramente. A pesar disto, a peza consegue trenzar moi ben estes elementos con outros máis cómicos, que non poden faltar nun espectáculo de Quico Cadaval. 

Podemos destacar o traballo interpretativo. As actrices son quen de combinar estes momentos máis humorísticos, co tráxico, e co cotián. Ademais, entre elas podemos percibir química e confianza, que dotan o espectáculo dunha tenrura moi característica. Á parte, a iluminación e o espazo sonoro conseguen acompañar esta historia dun xeito orgánico e coidado, de maneira que a viaxe que proporciona As desterradas ao espectador resulta moito máis rica e emocionante. 

Diana Longa
Latest posts by Diana Longa (see all)

As desterradas, de Producións Teatrais Excéntricas

Elenco: Belén Constenla, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosqueira.

Espazo escénico: Laura Iturralde e Quico Cadaval

Espazo lumínico: Laura Iturralde

Espazo sonoro: Piti Sanz

Deseño devestiario: Celia Sineiro

Deseño gráfico: Javier de la Rosa

Fotografía: Sabela Eiriz

Vídeo: Sonia García

Axudante de dirección: Mon Serodio

Xefe de produción: Rubén G. Pedrero

Autoría: Carme Varela

Dirección: Quico Cadaval

Axuda á creación: Agadic.

Vigocultura. Auditorio Municipal de Vigo, 4 de abril de 2025. 

Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001)Titulada superior en Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Acto de celebración dos 20 anos do Premio Abrente

Artes vivas e pobos vivos: 20 anos do Premio Abrente

Imaxe da peza de teatro Unha historia do Noitebús

Unha historia do Noitebús