O espectáculo Moby Dick, da compañía Pedras de Cartón inaugurará hoxe a XLVII edición da Mostra de Teatro Galego do Concello de Cariño, na Praza da Pulida partir das 13:00 horas. A programación desenvolverase ata o vindeiro sábado, 9 de agosto, e levará ao municipio 14 representacións, que se desenvolverán entre os dous escenarios habituais: o Auditorio Municipal da Casa da Cultura e a Praza da Pulida.
Tal e como recolle o seu programa, participarán compañías de referencia no panorama escénico galego, como Teatro del Andamio, Malasombra Producións, Teatro Ghazafelhos ou o Grupo Chévere. Ademais, durante o festival tamén se entregarán os Premios do Público 2024, co Premio Público Adulto para o Grupo Chévere e o Premio Público Infantil para a Compañía Píscore.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, explicara durante a presentación da mostra que nesta edición seguiron querendo apostar “polas raíces, por Galicia, con tinturas actuais e modernas”, agradecendo o apoio da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como a colaboración do deseñador Borja Guerrero, autor do cartel desta edición.
Unha das grandes novidades desta edición foi a función que se desenvolveu onte, sábado, como antesala oficial da Mostra, coa estrea da obra Ás 12, protagonizada por un grupo de mozos e mozas de Cariño participantes nas actividades extraescolares municipais. Trátase da primeira vez que un grupo amador local actúa na Mostra, un fito que quere reflectir o compromiso “coa promoción do talento local desde idades temperás”. A montaxe está dirixida por Pepablo Patiño, actor e membro da compañía Ghazafelhos.
A Mostra ofrecerá espectáculos para todos os públicos, tanto en espazos pechados como nas rúas. O público poderá gozar de pezas para público familiar e adulto de diferentes xéneros.
Programación completa
A XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño dará comezo hoxe, coa celebración do acto inaugural. A compañía Pedras de Cartón presentará a partir das 13.00 horas, na Praza da Pulida, o espectáculo Moby Dick, unha adaptación da novela de Herman Melville pensada para todos os públicos e con entrada de balde. Xa pola noite, ás 21:00 horas, tamén na Praza da Pulida e con acceso libre, será a quenda da danza tradicional galega con Un baile ceibe, da Compañía de Danza Fran Sieira.
Mañá, luns 4 de agosto, a actividade trasladarase ao Auditorio Municipal, onde se ofrecerán dous espectáculos. Ás 12:00 horas, Teatro dos Ghazafelhos e Magín Blanco presentarán A nena e o grilo camiño das cores, unha proposta para o público familiar . Pola noite, ás 22:00 horas, Malasombra Producións representará Testosterona.
A xornada do martes 5 de agosto arrincará ás 12:00 horas co espectáculo familiar A nova historia da cigarra e a formiga, da compañía Teatro del Andamio. Xa pola noite, ás 22:00 horas, o Grupo Chévere porá en escena As fillas bravas de Momán 2025, unha peza dirixida ao público adulto con entradas a 6 euros e que se representará tamén en lingua de signos. Antes da función, o grupo recibirá o Premio do Público Adulto 2024.
A programación continuará o mércores 6, ás 12:00 horas, coa Compañía Píscore e o seu espectáculo Molto Barroco, unha proposta para toda a familia. A entrega do Premio do Público Infantil 2024 á compañía terá lugar antes da función. Xa pola noite, ás 22:00 horas, a Compañía Berrombambán ofrecerá Ubasute, unha peza para público adulto.
O xoves, ás 12:00 horas, Os Naúfragos Teatro subirá ao escenario do Auditorio Municipal coa peza para público familiar Bule bule. Pola noite, ás 22:00 horas, presentarase Nada se sabe, de Culturactiva Producións, unha obra coproducida polo Centro Dramático Galego.
Xa o venres, ás 12:00 horas, Caramuxo Teatro representará unha proposta para público familiar Crisálida. E pola noite, ás 22:00 horas, será a quenda de Arte sen guión, da Compañía Galeteatro, tamén en coprodución co Centro Dramático Galego.
A clausura da Mostra chegará o sábado 9 de agosto con dúas funcións de circo ao aire libre na Praza da Pulida, ambas con entrada de balde. Ás 12:30 horas, o grupo Zirko Txosko presentará Oh Pera!, e ás 21:00 horas pechará a edición o espectáculo Rogelio III. La Fête, de Assircópatas.



