in

Facer público | Sae o 109 da erregueté

Paula Quintas Cía. Foto: Miramemira.
Paula Quintas Cía. Foto: Miramemira.

Esta na imprenta o número 109 da erregueté, que recolle boa parte da actividade escénica galega do primeiro semestre de 2025. Antes de que remate o verán chegará ás persoas que apoian este proxecto coa súa subscrición anual. E a todas as outras persoas que se queiran facer cun exemplar a través da tenda en liña que poden encontrar en erreguete.gal.

A min sempre me pareceu fundamental que existise unha revista como esta, onde se tenta dar conta das obras de arte escénica que forman parte do discurso cultural dun pobo. Paréceme que é importante que existan publicacións de cinema, de artes plásticas, de medicina, de literatura etc. Pero aínda mo parece máis de teatro, danza, circo, ópera… considerando a natureza efémera destas obras de arte e a súa radical importancia para revelar as inquedanzas e ilusións dunha sociedade, nunha época e nun ecosistema cultural determinados.

Alén do equipo diverso de colaboradoras e colaboradores, Ana Abad de Larriva está a facer un traballo demorado e brillante na subdirección da revista, coidando ao máximo todos os detalles. É unha sorte termos unha persoa como ela na dirección da revista, creadora escénica, doutora en comunicación, licenciada en xornalismo e en arte dramática. Coñézoa desde hai xa bastantes anos, desde que era alumna na ESADG, de Matrícula de Honra en Dramaturxia. Levo desde novembro de 2020 compartindo con ela a dirección da erregueté e loitando porque a revista saia adiante e continúo admirando a súa capacidade de traballo, o seu talante reflexivo e cordial, a súa ecuanimidade e integridade ética, o seu bo facer!

Sae o número 109 con máis de 170 páxinas a toda cor, dunha revista que quere entrar polos ollos, ademais de pola lectura. Vou facer “spoiler”. Leva varias seccións: Memoria, dedicada a Henrique Harguindey. Danza e artes do movemento, cunha conversa con Antón Reixa, que debuta na danza, e Kirenia Martínez Acosta amosándonos que querer é poder. Artes circenses coas voces e as poéticas de Pablo Reboleiro e Clara Gayo, que estrean en setembro no CDG unha produción de circo titulada A serie clopen; Maxia e ilusionismo, cunha homenaxe ao Mago Antón. Monicreques e teatro de obxectos, coas voces de Celtia Figueiras e Xosé Breijo “Topo”, da Xanela do Maxín. Narración oral, con Atenea García. En Escena aberta vai unha entrevista con Avelina Pérez, que recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais na súa última edición; unha crónica de Galicia Escena Pro 2025; un artigo sobre a última achega do ciclo Clásicas Desfeitas; un diario de Escenas do Cambio 2025; un repaso ao que deu de si o programa de Vigocultura. A sección de Espectáculos recolle cerca dunha trintena de propostas: A mesa, a burra e o pau do CDG; As aventuras de Nabiza Girl de Isabel Risco; As desterradas de Excéntricas; Realmente ahora no ya no de Fran Martínez e Elena Carvajal; O carteiro de Ximaraos de Monicreques de Kukas e CDG; Baunsbak de Elvi Balboa; Transeúnte de Daniel Rodríguez; No Yogurt for the Dead de Tiago Rodrigues; Roland mon amour de Cris Balboa co CDN e o CDG; Rock ‘n’ Magic do Mago Teto; Rosalía, a pulga que escribía de Galitoon; Reconversión de Ibuprofeno Teatro; Molto Barroco de Píscore; Nanai da China de Pérez & Fernández; Nik·Eu 2.0 de iXa; Oh-Pera! de Zirco Txosco; Influencers de NegroLópez; Para que non me deixes aquí soa de Julia Laport; Trïade do Colectivo Glovo; Mala vida e pior morte do rei Ricardo III de Excéntricas e CDG; Aurora Boreal de Paula Quintas; Cicatriz de Kirenia Danza e CCG; Guerra de Teatro do Noroeste; O Grande Incêndio de Sarabela e Escola da Noite; Velaiquich amoorch do Colectivo d’Elas; Vitória de Iria Pinheiro; Tromsø de Morraoconto; Inconfesables actos de fascismo ordinario de Anómico Teatro; Baleiro de Ensalle Teatro e Juan Navarro; e A cámara escura de Vórtice Escénico. Unha sección de Espectáculos inclusiva, onde aparecen compañías emerxentes, novas, e compañías veteranas, espectáculos de diversas modalidades, xéneros e formatos, para público familiar, para público adulto, para todos os públicos. Unha sección que só é unha pequena mostra da riqueza creativa galega. Na sección de Investigación proponse un mapa de estilo para un laboratorio teatral. Na sección de Libros vai a obra que gañou a última edición do Premio Rafael Dieste. En Actualidade AISGE lemos a Lucía Veiga. A sección Proscenio trae a primeiro termo o manual de boas prácticas de dramaturxia, elaborado polas asociacións dese ramo no Estado español; unha entrevista á dramaturga e artista portuguesa Patrícia Portela, que estivo na última edición da MIT Ribadavia; un artigo sobre as xornadas dedicadas a como deseñar experiencias escénicas inclusivas e accesibles, organizadas por Escena Galega e a Deputación de Pontevedra; un relatorio sobre as artes escénicas fronte ao ascenso das ultradereitas. Entra na revista en papel a sección Palcos LGBTIQ+ cunha entrevista a Alberte Bello. E volve ao papel a sección Escena amadora dedicada aos 40 anos de Tiruleque.

Que máis se pode pedir? Ou… que máis se pode dar? Desta banda démolo todo. A revista 109 sae no verán. Espero que vos preste!

Publicar é facer público. Iso procurou a sección viguesa (Antón Lamapereira) da Escola Dramática Galega (Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Maior), cando en 1983 botaron a andar o Boletín de Información Teatral que, no número 10 de 1994, pasaba a chamarse Información teatral – Revista Galega de Teatro e no número 11 de 1995 RGT – Revista Galega de Teatro, para mudar a cabeceira a erregueté | Revista Galega de Teatro no número 87 de 2016. E de alí até aquí, facendo público, publicando. Non é un segredo, é público: as artes escénicas son a expresión compartida máis viva e vibrante dun pobo. Na era das pantallas e do entretemento dixital, necesitamos volver a encontrarnos arredor do evento escénico, necesitamos volver ao papel, que funciona sen baterías, sen corrente.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O Mago Teto no Festaclown

Vilagarcía de Arousa acolleu unha nova edición do Festaclown

cdg ás oito da tarde 780x444 1 |

Actualités Éditions publica ‘Ás oito da tarde, cando morren as nais’, de AveLina Pérez