A obra Ás oito da tarde, cando morren as nais, da dramaturga galega AveLina Pérez, pasou este ano 2025 a formar parte da colección “Les Incorrigibles” da editorial Actualités Éditions, na tradución ao francés de David Ferré (À huit heures du soir quand meurent les mères).
O texto foi o gañador do XXIV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e foi levado a escena polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Marta Pazos no ano 2022. Da peza destacouse como “pon o foco no público teatral e retoma a presenza do coro para dar maior amplitude á dimensión tráxica e ridícula da nosa condición humana”.
A obra preséntase, xa que logo, como “un canto coral sustentado no baleiro, un xogo irónico sobre a relación entre o teatro e a súa recepción”. Nela, “a procura da identidade individual, amparada na masa superficial e ignorante, que presume de coñecementos inútiles, móstrase indecente. Nun teatro, lugar (supostamente) de encontro, asistimos ao espectáculo da estupidez. E debaixo de todo o insultante: nós. Tan pequeniños, tan perigosos”.
Trátase do primeiro texto galego que integra a colección española “Les Incorrigibles”, e esta publicación xurdiu grazas ao encontro “Palabra de autor” na Mostra de teatro de autores contemporáneos de Alacante no ano 2020. “Neste marco privilexiado, Guillermo Heras sempre fomentou os encontros desde a fe en que a dramaturxia había de ser, máis que unha cuestión internacional, unha cuestión humana e cualitativa, unha forma de ser atentas ao que nos rodea. E que a tradución tiña que formar parte desa idea, non ser só un produto”, explica AveLina. É por iso que ela e David Ferré queren dedicarlle esta tradución, “froito do seu longo traballo comprometido co teatro”.

- O FIOT estrea ‘Territorio Regueifa’ - 21/01/2026
- Vigocultura dá a coñecer a súa nova programación - 16/01/2026
- Carlota Mosquera estrea ‘Ninguén tira fotos nos enterros’ - 15/01/2026



