O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presidiu onte a presentación da nova temporada, 2025-2026, do Centro Dramático Galego. O acto congregou no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, unha trintena de representantes de compañías, Concellos e entidades culturais coas que a compañía publica colabora no desenvolvemento desta programación que ten como lema O teatro, punto de encontro.
Segundo López Campos, con esta frase a compañía pública quere reafirmarse como “un espazo compartido e aberto a toda a profesión escénica e, por suposto, a toda a cidadanía”. Explicou que son 14 as novas producións escénicas nas que o Centro Dramático Galego estará implicado ao longo dos vindeiros meses, ben cos seus equipos propios, ben en colaboración con compañías galegas e con outras estruturas teatrais de fóra de Galicia. “En concreto, de Portugal, país co que coproducimos seis destes espectáculos e que reafirma os nosos vínculos coa lusofonía”, especificou.
Contratacións e funcións
Esta actividade traducirase, segundo se detallou tamén, en máis de 70 contratacións de actores e actrices, das que 30 corresponden ás tres producións propias (A serie clopen, que se estrea o vindeiro día 11, Memorias dun neno labrego e Hamlet), así como doutros máis de 100 artistas como parte dos diferentes equipos de creación. Ademais, avanzouse que o Centro Dramático Galego acollerá unhas 120 funcións no Salón Teatro e promoverá máis de 150 en xira por diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia.
O conselleiro estivo acompañado no escenario polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e polos representantes de varios dos proxectos que conforman esta temporada: Paula Carballeira, autora e directora de Somos monstros e dramaturga de Berenguela na gaiola, e Santiago Cortegoso, autor d‘A furia da amanita, proposta coa que gañou a terceira edición da Bolsa de Dramaturxia da compañía pública. Participou ademais Alicia Padín, en representación do equipo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, quen abordou as diferentes liñas de colaboración cos concellos galegos, como a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, as xiras de verán ou as residencias artísticas.
O programa
López Campos referiuse á programación da nova temporada do CDG como ”un programa plural e vivo, que aposta polo talento galego e impulsa a nova creación galega, ao tempo que non se esquece da tradición”. Pola súa banda, o director do Centro Dramático Galego foi o encargado de detallar os espectáculos que lle dan forma á temporada, que mesturará “linguaxes e xeracións”, ao tempo que combina “risco, humor, poesía e pensamento”. Ademais d’A serie clopen, Memorias dun neno labrego e Hamlet como producións propias, a compañía da Xunta coproduce Heroes en decembro con Ancoraxe e Vórtice Escénico; Berengela na gaiola con Galeatro e Xarope Tulú; Territorio regueifa con Ainé e o FIOT de Carballo; Jose Afonso, ao vivo os Coliseus, 1983 co Teatro Municipal do Porto, Teatro Experimental do Porto, Culturgest e Cine-Teatro Louletano; A furia da amanita con Redrum Teatro; A fortaleza con A Feroz e FITEI do Porto; Somos monstros con Berrobambán, Terra Amarela e Comedias do Minho; Black Box con Hugo Torres, Cidade da Cultura de Galicia, FITEI e Trigo Limpo/ACERT; Os pasadores con Rota Clandestina, Pirilampo e Associação Cultural Prado; Ensaio técnico con Teatro Oficina de Guimarães, Colectivo84 e ESAD de Galicia dentro do CDGLab, e o espectáculo resultante do Xuventude Crea Teatro Pro, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude.
Núñez abordou igualmente outros dos eixes nos que continúa a traballar a compañía institucional, como a accesibilidade, a descentralización cultural, a internacionalización, o apoio á creación e á dramaturxia, a sostibilidade, a formación ou o servizo educativo e de mediación, entre outros.
Consulta e descarga aquí o dossier completo da nova temporada do CDG.



