in

Vinte anos da Esadg

Imaxe da web de Santiago Catalán.
Imaxe da web de Santiago Catalán.

Di a canción que vinte anos non é nada! Sen quitarlle mérito ao tango, iso depende de para que. É verdade que o amor fulmina o tempo, pero vinte aniños son vinte aniños! Os que levo eu de profesor, desde o curso 2005/2006, na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Esadg). Os que leva a propia escola funcionando.

O teatro profesional galego debe andar polos corenta e pico. Se non me erro, márcase como data de inicio da profesionalización o momento no que Roberto Vidal Bolaño, a finais dos setenta, deixa o traballo no banco e se dedica, por enteiro, a facer teatro co grupo Antroido. Antes, Manuel Lourenzo, nos sesenta, creara a primeira compañía de teatro independente: Teatro Circo.

Moitos anos despois, unha vella reivindicación da profesión teatral: unha escola pública, faise realidade grazas ao traballo colectivo. Pero sobre todo ao bo facer de Manuel F. Vieites, coa complicidade de Carlos Casares e do Consello da Cultura Galega, no seo do cal se elaboraran diferentes estudos e proxectos para a posta en marcha da Esadg. Tamén sabemos que o dramaturgo Xosé Manuel Pazos Varela foi o primeiro en erguer a voz no Parlamento de Galicia, para facer esa petición, sendo el deputado.

Manuel F. Vieites, home sabio e traballador incansable, non só foi a persoa clave para que teñamos unha escola pública cuns estudos regulados de grao en arte dramática, senón tamén, entre outras cousas, o impulsor dunha importantísima colección editorial. Nela publicáronse volumes fundamentais sobre a historia do teatro galego, sobre a historia da literatura dramática universal, libros de ensaio orixinais sobre dramaturxia (Afonso Becerra), dirección (Dani González Salgado), técnicas de voz (Cristina Domínguez Dapena), teoría teatral (Manuel F. Vieites), iluminación escénica (Antonio López-Dávila), e traducións de ensaios sobre escenografía (Pamela Howard), dirección escénica (Anne Bogart), performance (Marvin Carlson), teoría e historia teatral (Jean-Jacques Roubine; Michel Pruner), interpretación (Phillip B. Zarrilli; Josette Féral; Alison Hodge) etc.

Vieites, doutor en pedagoxía teatral e filólogo inglés, traduciu para o galego dramaturgas e dramaturgos moi relevantes como Harold Pinter, Sarah Kane, Arthur Miller, David Mamet, Andrea Dunbar etc. Nunha ampla colección editorial, entre Galaxia e a Esadg, encargou traducións de Heiner Müller, Thomas Bernhard, Albert Camus, Jean Genet, Antón Chékhov, etc. Ou sexa, intentou, por todos os medios, non só construír unha escola, senón tamén dotala de materiais didácticos de primeira calidade na lingua propia de Galicia.

A aventura da Esadg comezou compartindo edificio en Vigo, en Bouzas, co IES Audiovisual. Aos poucos anos de andaina, Vieites conseguiu que se fixesen unhas instalacións de nova planta para a Esadg no barrio de Navia da cidade olívica. O proxecto incluía tres edificios con salas adecuadas para a creación de espectáculos de diferentes formatos, adestramento corporal e vocal, música, danza, aulas para interpretación, obradoiros de escenografía, caracterización, figurinismo, biblioteca, almacéns etc.

Pero coa crise económica ficaron sen construír dous dos tres edificios. Un deles albergaba un teatro con caixa escénica e os obradoiros de construción escenográfica. Infraestrutura moi necesaria para que a única escola oficial de Galicia teña un espazo adecuado para as prácticas de escenografía, como acontece no Institut del Teatre de Barcelona ou na Resad de Madrid. No actual edificio, temos a sala Pedra Seixa, cunha capacidade para 125 espectadoras/es e cun escenario con grella para pendurar focos, pero sen caixa escénica. Se tivésemos o edificio co teatro e cos obradoiros de escenografía, habería un salto cualitativo nos procesos de ensino/aprendizaxe, en escenografía e tamén nas especialidades de dirección escénica e dramaturxia e na de interpretación. Ademais, a cidade de Vigo e o populoso barrio de Navia, que continúa crecendo, contarían cun teatro que podería integrarse dentro da rede de teatros e auditorios de Galicia. Até podería ser un teatro partillado co Centro Dramático Galego, co cal a Esadg ten importantes convenios de colaboración.

Manuel F. Vieites deseñara un proxecto ambicioso e conseguiu fitos históricos. Para describir a súas inxentes achegas necesitaría un libro enteiro e non un artigo como este, no que só pretendo celebrar o inicio do ano lectivo 2025/2026, cando se cumpre o vinte aniversario da Esadg.

Logo dos aproximadamente quince ou dezaseis anos de dirección de Vieites, estivo o musicólogo Roberto Relova Quinteiro, nomeado pola Consellería de Educación, durante uns catro anos, facilitando a continuidade e a apertura da escola.

Entre tanto, penso que outro fito foi a consolidación do profesorado que colaborou na construción do que é hoxe a Esadg, que deixou de ser persoal interino, desde a apertura da escola en 2005 até o 2023, algúns de nós dezaoito anos de interinos.

E neste inicio de curso 2025/2026 temos, por primeira vez na historia da nosa escola, un director escollido polo Consello Escolar, ou sexa pola comunidade escolar: Dani G. Salgado, que tamén vai ser o primeiro director con formación superior en arte dramática.

Coñézoo desde que estudabamos para ser actores no ITAE de Asturias a principios dos noventa. Despois ambos fixemos dirección escénica e dramaturxia no Institut del Teatre de Barcelona e, ademais de amizade, compartimos traballos, liderados por Dani, no Teatre Lliure etc. A parte de director de escena (un dos seus últimos espectáculos, unha coprodución do CDG e do Teatre Nacional de Catalunya (TNC), foi Ganas de ouvear, unha das experiencias máis poéticas e innovadoras do teatro galego, xunto a Joan Giralt) e dramaturgo, con obra publicada en galego e en catalán (formou parte do Proxecto T6 do TNC que coordinaba Sergi Belbel), Dani G. Salgado é doutor, cunha tese sobre a formación en dirección escénica en Galicia, e un cranio privilexiado. Dígovolo eu, que o coñezo!

Nestes vinte anos a Esadg contribuíu á renovación das artes escénicas, non só do teatro. Das nosas aulas saíron actores e actrices que, despois, derivaron tamén cara ao circo e a danza, por exemplo os irmáns Diego e Fran Martínez Buceta que, xunto a Belén Bouzas, crearon a Cía. Pálido Domingo, coa que gañaron o Certame Coreográfico de Madrid. Da Esadg saíu o actual director do CDG, Fran Núñez; compañías como A Panadaría (Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro) que teñen un dos récords do inédito libro Guinness de Galicia, por ser capaces de facer centos de funcións con éxitos como Elisa e Marcela ou As que limpan, sendo o seu espectáculo debut o Traballo Fin de Estudos (TFE): Pan! Pan!, que xa entrara nos Premios María Casares; outra compañía de éxito que xermolou na escola e saíu co seu TFE foi Il Maquinario, de Tito Asorey, Melania Cruz, Fernando González, Laura Míguez (profesora, despois, na Esadg) e Fran Lareu, todos eles nomes importantes do noso teatro actual. Da Esadg tamén saíu a primeira peza escrita a varias mans e no escenario que levou un Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal: 30 e tantos ósos(publicado pola erregueté) de Aporía Escénica, con Diana Mera, Merche Pérez e Teté García. Moitos TFEs foron a carta de presentación de novas compañías e gañaron premios como os do Galicia Crea. Tamén xurdiu unha nómina moi relevante de dramaturgas, con premios, publicacións e estreas, como Vanesa Sotelo(profesora na Esadg, que ademais leva a Xefatura de Estudos), María Armesto, Ana Abad de Larriva, Avelina Pérez, Ana Carreira Varela, Esther F. Carrodeguas, Laura Porto Craveiro, Eva Freixeira Ferreira,Xavier Picallo, Ernesto Is, Roi Vidal Ponte (profesor da Esadg), Julio Fernández etc. Escenógrafas, deseñadoras de caracterización, vestiario e iluminación tan relevantes como Laura Iturralde, José Faro, Diego Valeiras. Creadoras escénicas como Noemi Rodríguez, Helena Varela, Laura Villaverde e Roi Fernández, Álvaro Reboredo “Fitinho”, Alberte Bello, Sara Rey, Diego Chamizo etc. Imposible nomear a cantidade de persoas que, en diferentes aspectos e momentos, achegaron algo substancioso ao panorama das artes escénicas.

Sopran novos ventos e a nave avanza a bo ritmo, cunha comunidade chea de ilusión e empeño! Iso foi o que se respiraba o primeiro día na nosa escola deste curso 2025/2026! Un espazo no que o futuro pinta ben!

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A serie clopen

A serie clopen

foto do cartel da mesa redonda do Consello da Cultura Galega sobre a regueifa no FIOT

O FIOT de Carballo celebra unha xornada previa ao arranque da súa 34ª edición