in , ,

Camiño Escena Norte despide a súa sétima edición

Con funcións de El Tejo Producciones e ZigZag Danza

Imaxe da peza Postales Rotas, de ZigZag Danza
Imaxe da peza 'Postales Rotas', de ZigZag Danza. Foto de Javier Jarquín.

Vimianzo e Ribadeo acollerán na vindeira fin de semana as derradeiras funcións da sétima edición de Camiño Escena Norte. O programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa pecha o programa a través do cal ofreceu pases dos 18 espectáculos do seu Itinerario Constelacións en 60 sedes espalladas polos seis territorios.

En Galicia, Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), programou desde o pasado 12 de setembro funcións tanto ao aire libre como en recintos escénicos de Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Negreira, Outes, Santiago de Compostela e Vilalba. Esta fin de semana terán lugar as últimas dúas representacións nos auditorios municipais de Vimianzo e de Ribadeo.

Así, o sábado 25, a compañía cántabra de artes escénicas e audiovisuais El Tejo Producciones presentará en Vimianzo El jardin de las posibilidades, do dramaturgo Carlos Troyano, quen describe así a peza: “Conta Federico García Lorca nas súas Suites que el coñece un lugar marabilloso chamado O xardín das posibilidades, alí habitan os amores que nunca foron, os fillos que non naceron e as decisións que nunca se tomaron. Se cadra alí aínda vive a súa amiga da alma Emilia Llanos, empeñada nun amor que nin sequera foi”. A obra propón un percorrido pola figura desta muller e da investigación que iniciou con Agustín Penón para esclarecer o asasinato de Lorca.

O domingo 26 será a quenda de ZigZag Danza, a compañía asturiana de danza contemporánea que crea propostas innovadoras para todos os públicos. Visitará o Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo con Postales Rotas, que aborda a realidade da migración en Asturias nos séculos XIX e XX, e coa que obtivo numerosos recoñecementos, como catro Premios Oh! das Artes Escénicas 2025 (entre eles, o de Mellor Espectáculo) ou o Premio Jovellanos á Produción Escénica 2024.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ferran Joanmiquel Pla. Foto cedida polo Cercle Artístic de Ciutadella.

Ferran Joanmiquel Pla gaña o L Premi Born de Teatre 2025

Imaxe do espectáculo 14.4

O FIOT ten que cancelar a función de ‘14.4’