in ,

MasterClass Danza e Filosofía na ESAD de Galicia

Este luns 24 de novembro, das 14h. ás 15h30 na Sala de Profesorado

'Fuga para o Tempo Presente – O Leve Poder da Lua Apenas Queima os Olhos' da Nuisis Zobop. Foto de Leonel Castro.
'Fuga para o Tempo Presente – O Leve Poder da Lua Apenas Queima os Olhos' da Nuisis Zobop. Foto de Leonel Castro.

Dentro das actividades abertas que programa a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, coordinadas por Roberto Pascual, subdirector da escola, este luns 24 de novembro ofrécese a MasterClass “Danza e Filosofía”, impartida polos coreógrafos Joana von Mayer Trindade e Hugo Calhim Cristóvão, da Cía. de danza Nuisis Zobop do Porto (Portugal). O acto, organizado polo profesor Afonso Becerra, vai ter lugar na Sala de Profesorado da ESAD, das 14h. ás 15h30 e conta co apoio da Direção-Geral das Artes do Goberno de Portugal.

| Sinopse da MasterClass |

“Nesta masterclass abordaremos a danza como campo de reflexión e aplicación conceptual da obra ‘Fuga para o Tempo Presente – O Leve Poder da Lua Apenas Queima os Olhos’, investigando o movemento como espazo simbólico de presenza e vertixe, onde o corpo se concibe como consciencia do instante. Desde esta perspectiva, consideraremos a impermanencia como forza creativa e a fraxilidade como poder estético e ético. Pensar na danza será, aquí, un acto de resistencia — un xesto intelectual e sensible que rexeita a desaparición e afirma o agora. Entre o delirio e o rigor, reflexionaremos sobre a continua metamorfose que fai da danza un territorio vivo do pensamento, onde cada movemento é unha idea en acción, cada instante un renacemento no presente.

Esta masterclass propón exercicios de conceptualización e análise do momento presente como territorio de descubrimento, desafiando a percepción habitual do tempo e o espazo. É unha invitación a pensar o corpo como axente ético e creativo, e a comprender a vulnerabilidade como forza poética. O obxectivo é que cada participante conciba a danza como un ritual de presenza e un campo de pensamento, onde o xesto, mesmo fráxil e fugaz, se converte nun signo de eternidade. Ao final, celébrase o movemento, non só como práctica física, senón como linguaxe filosófica e sensible de relación co outro e co presente, revelando que pensar a danza é, sobre todo, pensar vivir en toda a súa intensidade.”

| Sobre a Nuisis Zobop |

A Nuisis Zobop é unha asociación cultural dedicada á creación, investigación e formación no campo das artes escénicas. O seu obxectivo é promover de forma sistemática e integral a investigación, a formación e a creación no campo das artes escénicas.

Nesa liña, os seus coreógrafos integran o Grupo de Investigación “Raízes e Horizontes da Filosofia e da Cultura em Portugal” do Instituto de Filosofía da Universidade do Porto, coordinando seminarios e simposios, e realizando publicacións de libros sobre os procesos de creación en danza e sobre os espectáculos, coa colaboración de investigadores de disciplinas diversas e de escritores que acompañan os seus traballos.

O seu último espectáculo: Fuga para o Tempo Presente – O Leve Poder da Lua Apenas Queima os Olhos tivo a sua pre-estrea no festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura en maio de 2025. Neste mesmo ano publicaron o libro Suores de Mel e a Morte Não Terá Domínio, 486 páxinas con materiais textuais e visuais de Hugo Calhim Cristóvão, Joana von Mayer Trindade, Afonso Becerra de Becerreá, Armando Nascimento Rosa, Beatriz Coelho, Carlos Pimenta, Chris Page, Cláudia Marisa, Cristina Aguiar, Ezequiel Santos, Gustavo Pimenta, Lucia Marrodan, Luis Ramos, Manuela Hargreaves, Mário João Correia, Michele Simi, Miguel Lobo Antunes, Nuno Matos Duarte, Pedro Fiúza, Rita Xavier, Rui Lopo, Sara Miguelote, Sofia Vilar Soares, UNT – Joana Cardinal e Tiago Silva, e Jérémy Pajeanc.

Anteriormente, o seu espectáculo Onde Está o Relâmpago que Vos Lamberá as Vossas Labaredas pasou polo TRCDanza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña en maio de 2023.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sala Ártika de Vigo

A Xunta convoca as axudas ás salas privadas de artes escénicas

'Segunda man. Estado aceptable' de AveLina Pérez

O que hai e o que buscamos