in

Chechu Riquelme é a artista seleccionada para o programa Da Man 2026

Co proxecto ‘Na outra banda’

Chechu Riquelme
Chechu Riquelme. Foto de Emi Ramírez. Fonte: Amarelo.
A terceira edición da do programa galego dirixido ás artistas emerxentes en danza para ser acompañadas durante un novo proceso de creación, Da Man, vén de dar a coñecer o proxecto seleccionado. Trátase de Na outra banda, de Chechu Riquelme, e o acompañamento desenvolverase durante o ano 2026.

A convocatoria

Da Man é un proxecto impulsado por Amarelo co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria cos obxectivos de “impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes”.
As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha peza ou do proxecto de compañía “a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, económica e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira”. Durante este acompañamento “trasládanselles os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, busca de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuítos e contactos, etc.”. Ademais, nesta terceira convocatoria engadiuse por primeira vez unha bolsa económica de mil euros (impostos engadidos) para apoiar o proxecto seleccionado.

A proposta

Na outra banda  é un espectáculo de sala de 50 minutos de duración que mestura danza contemporánea, baile tradicional galego e folclore arxentino, “para percorrer o territorio íntimo da migración humana con voz de muller: o tránsito entre a perda e a reconstrución, a ferida da soidade e a metamorfose da identidade”. Trátase dun “diálogo entre o corpo que deixa e o corpo que chega, recoñecendo cada viaxe e cada movemento como un proceso interno de transformación e autocoñecemento”. A peza conta cunha estrutura en tres actos (“A viaxe”, “A ferida”e “A convivencia”).
A danza é a linguaxe que Chechu Riquelme elixe “para falar do seu propio dó migratorio, e tamén das seguintes dúas etapas: a viaxe e a convivencia”. Explícao así: “Quero falar da procura de sentido, da busca de entendemento coa comunidade que habito, sendo muller, nova, soa e sen os recursos económicos que permiten unha inmigración de ‘privilexio’. Hoxe, que os discursos violentos contra as persoas migrantes impregnan de novo a sociedade, ou volven poñerse na primeira liña, considero importante falar da emigración tamén como un acto  revolucionario: porque o que non se move, apodrece; e porque a interculturalidade tamén se constrúe na acollida do ‘estraño’. Mesturando os tres mundos nos que convivo (a danza contemporánea, o baile tradicional galego e o folclore arxentino) desexo contar esta historia persoal e colectiva da emigración.”
O título do espectáculo fai referencia ao poema homónimo de Álvaro Cunqueiro, e o equipo principal está formado por Chechu Riquelme (idea, dirección, asistencia de coreografía e interpretación), Daniela López Álvarez (coreografía) e Xandre Outeiro (realización musical, composición e música ao vivo).

Edición anterior

Na pasada convocatoria Da Man realizou o acompañamento ao proxecto “Coa cabeza nas nubes” de Carlota Rosón Rojo e Martín Blanco (Compañía SÖA) con dúas versións do espectáculo: unha versión para teatros e auditorios estreada o pasado 9 de maio no Auditorio de Negreira e outra versión para rúa e espazos non convencionais estreada en coprodución coa Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) o pasado 3 xullo. “Coa cabeza nas nubes” continúa a súa xira por Galicia e foi seleccionado para formar parte da mostra Mirador Sur a Escena en La Rinconada (Sevilla) o vindeiro 2 de decembro.
Redacción
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Roland Mon Amour' de Cris Balboa

Cris Balboa presenta no KVS de Bruxelas ‘Roland Mon Amour’

Conto de Nadal

Vicus Teatro estrea ‘Conto de Nadal’