Moitas veces non somos conscientes ou esquecemos que o grande depende do pequeno. Coñecemos os refráns e os ditos alusivos, pero fican aí, na teoría, sen darnos conta de que teoría, igual que teatro, é visión, perspectiva para a experiencia. Refráns como “o demo está nos detalles” ou todas esas frases que din que a felicidade está nas pequenas cousas, acaban por converterse en lugares comúns que, precisamente por iso, fican desactivados. E é unha pena que así sexa, porque, ao fin de contas, o corpo vive grazas ás células e cando estas comezan a fallar vén a doenza e incluso a morte.
Lembro a insistencia de José Sanchis Sinisterra, nas súas aulas de escrita dramática, respecto a que a arte é a atención ao detalle, ao trazo fino, ao coidado do implícito, do suxerido máis do que o mostrado. Iso que, por outra parte, incentiva a participación da espectadora e do espectador e a súa emancipación, concedéndolles máis liberdade para crear, xunto das artistas que están no escenario, a súa propia peza. Noutras palabras, esa atención ao detalle e ao trazo fino, ese coidado do implícito, do subtexto, acaba por converter ás persoas espectadoras en artistas (re)creadoras, colocándoas ao mesmo nivel que as persoas que actúan no escenario.
Un dos lugares privilexiados para este tipo de dinámica nas artes escénicas está no festival Catropezas que organiza o Teatro Ensalle de Vigo desde hai vinte anos. Un festival pequeno, nun espazo pequeno, con pezas de pequeno formato, que teñen unha grande repercusión no pequeno número de persoas que escollemos participar nesa experiencia extraordinaria e inesquecible.
No XX festival Catropezas 2025 do Teatro Ensalle, celebrado nos fins de semana de novembro, puidemos desfrutar de espectáculos moi especiais, algúns deles xerados ad hoc ou modelados coa participación colaborativa de artistas diversos, de Galiza e doutros lugares. Penso, por exemplo, na simbiose entre a textualidade poética e teatral de Antonio Fernández Lera Magrinyana, actuada polo portentoso Gonzalo Cunill e pola incríbel violinista galega Elena Vázquez Ledo, de quen xa temos desfrutado noutras experiencias singulares que van alén da interpretación máis convencional, aínda lembro o bucle fantástico de Calidoscopiode Gallaecia Ensemble Barroco no X festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura. Outra experiencia artística colaborativa tecida con bimbios cataláns e galegos foi Palíndromos e viceversos de Andrés Corchero coa poeta luguesa Nieves Neira Roca e coa violonchelista, improvisadora, performer e artista visual galega Macarena Montesinos. E aínda a intervención especial dun coro vigués improvisado na última secuencia de Familia de Amalia Fernández, quen nos impresionou moito na pasada edición de Escenas do Cambio 2025 con Solala.
O XX Catropezas contou con nomes de luxo e cunha simbiose que abrazou artistas doutros ecosistemas culturais con artistas do noso, desde a delicadeza e a escoita do pequeno, para dar catro alfaias escénicas valiosísimas. Sobre elas, gustaríame compartir aquí as primeiras impresións que anotei:
UNHA OBRA IMPERFECTA. Tres variacións (9/11/2025) parece feita a imaxe e semellanza nosa: o ser humano, esa obra imperfecta que se reproduce en millóns de variacións. Esta, a de Antonio Fernández Lera, é unha marabilla na lectura/interpretación de Gonzalo Cunill, dándolle o pouso preciso a eses textos que exploran o estupor coa clarividencia da poesía e sen rancor, albiscando o noso papel.
O diálogo entre a palabra e a performance musical de Elena Vázquez, ao violín e á zanfona, xunto á videoperformance de Pedro Fresneda e á luz, tamén con Raquel Hernández, fan que UNHA OBRA IMPERFECTA, por veces, nos toque directamente no estómago (ou iso foi o que me aconteceu a min).
Das reflexións quizais só unha certeza: o final é o final. “Sempre pensamos / – cando chegamos ao final – / que cada final é un novo comezo / Xa nos gustaría”.

FAMILIA de Amalia Fernández (16/11/2025). Vexo por segunda vez esta peza, a primeira foi en maio no festival Escenas do Cambio, e confirmo que nas artes vivas non hai iso do “spoiler”, alén do máis anecdótico. De feito, a propia Amalia veu a facer unha demostración empírica ensaiando, xusto antes da peza e como se fose parte da mesma, a intervención do grupo de xente que, nun determinado momento, sae ao escenario a cantar “Salí de Granda un día / camino de Santa Fe…” Aínda que esa participación se prepare, o desenvolvemento da peza continúa sendo emocionante, e o momento da intervención ensaiada funciona igualmente e sorprende desde a súa sinxeleza.
Ese parece o signo desta peza: sinxeleza e sinceridade, no seu estar e nas historias que Amalia nos conta a partir das fotos de familia e que, de súpeto, nos falan da base do que é a persoa, coas grazas e desgrazas. Incluso aceptando en parte aquilo que lle dicía o seu pai cando era nova: “A vida é un desengano. Xa te darás conta.”
Creo que esta FAMILIA de Amalia é bonita e entrañable. Sen ser ideal é verdadeira e até “real”, sexa o que sexa iso de “real”. E penso que, por obra e graza desa análise das fotografías e do relato que espertan, nos reconcilian.

PALÍNDROMOS E VICEVERSOS de Andrés Corchero, Nieves Neira e Macarena Montesinos (23/11/2025) pode parecer unha “jam session” teatral, entre un bailarín, unha poeta e unha violonchelista moi singulares, porque a escoita activa do proceso e das improvisacións que os trouxeron aquí continúa vibrante.
Porén, trátase dunha peza redonda cunha dramaturxia que o casa todo, na que o son do violonchelo resoa no movemento do corpo e ambos preparan aparicións e accións posteriores, igual que resoan as palabras poéticas.
Macarena e Andrés tanxendo cos seus arcos un violonchelo pendurado como o botafumeiro. Nieves entrando abrazada a un segundo violonchelo, mentres nos di que así se escribe, abrazada, á súa vez, por Macarena e o seu arco.
O contraste humorístico cando Andrés utiliza un dos violonchelos como máscara e o instrumento acábao transformando nun rockeiro.
A escena imaxinaria do cabaleiro xacente e o libro. As texturas dos papeis que trae Nieves. O poema “El pichón” de Abu-L-Hasan Ali Ben Hisn (s. XI) e o transporte que Andrés fai do corpo da poeta e de todos nós.
PALÍNDROMOS E VICEVERSOS é unha peza que nos delicia, que nos fascina e que nos transporta.

EL VUELO de Daniel Navarro pechou o domingo 30 de novembro o XX festival Catropezas 2025. Un solo de danza que, pola relación coa luz e co espazo sonoro, pode lembrar a poética alucinada e alucinante de Jefta van Dinther, tamén por esa flexión insistente do torso que deixa a cara na sombra.
En EL VUELO, Daniel Morales (creación e interpretación) fai o traxecto desde o ser inclinado e retorcido, agatuñando polos seus reflexos, mentres xera un dúo coa acción da luz de Alfredo Díez. Unha luz que parece trazar as liñas do pensamento, o universo da mente, ese que nos fai de espello.
No traxecto cara ao voo hai un liberarse da loita contra os espellos (as imaxes/pensamentos que nos devolven) e un espirse. Entón o corpo ábrese, pasa da inclinación cara ao chan ao cambré e á apertura dos brazos cara ao ceo. E si, percibimos o voo e desfrutamos del.

Catro pezas aparentemente pequenas, nun festival aparentemente pequeno, nun espazo tamén pequeno en aparencia. Porén, a grandeza e a profundidade da experiencia artística resulta dificilmente explicable. Hai algo aí enorme que me toca moito máis, nestas pequenas pezas, que os espectáculos de éxito de masas, ou eses que procuran case todas as compañías e case todos os programadores: eses que esgotan os lugares ao pouco de abrirse a billeteira, eses que se gaban do “Sold Out”, os de maioría absoluta. Por que será? Teño que continuar indagando. Será que, ao final, aqueles refráns sobre as pequenas cousas teñen razón?

- Ábrese o pano e ábrese un libro - 11/01/2026
- Cando o espectáculo desborda nas rúas - 06/01/2026
- 2025 pecha o pano - 31/12/2025



