in

Constitúese a asociación Casa Museo Xosé Manuel Pazos Varela

Foto: Gonzalo Núñez.
Foto: Gonzalo Núñez.

A casa natal do dramaturgo Xosé Manuel Pazos Varela, chamada casa da Inquisición, no número 20 da rúa Boubeta, na parroquia de Coiro, en Cangas do Morrazo, foi o escenario da reunión e sinatura da acta de constitución da asociación Casa-Museo Xosé Manuel Pazos Varela, este sábado 20 de decembro de 2025. Un espazo que se vai dedicar a preservar difundir, estudar e poñer en valor a figura e a obra do dramaturgo, tradutor, escritor, político, activista cultural e mestre, que tamén foi alcalde de Cangas do Morrazo e que dá nome ao Auditorio Municipal desta vila.

Foto: Gonzalo Núñez.
Foto: Gonzalo Núñez.

A asociación Casa-Museo Xosé Manuel Pazos Varela está presidida pola súa viúva, María González, impulsora desta iniciativa. Súmanse Héctor Pazos García, como vicepresidente primeiro, e Yelena Pazos González, como vicepresidenta segunda, fillos do dramaturgo; o avogado e compañeiro político Juan Antonio Cid, como secretario; María José Fernández Valado, psicóloga e profesora, amiga da familia, como tesoureira; o director teatral Xulio Lago Alonso, en representación da Academia Galega de Teatro; o dramaturgo e director de escena Afonso Becerra de Becerreá, en representación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da erregueté | Revista Galega de Teatro, da que o propio Xosé Manuel Pazos Varela formaba parte; o artista Camilo Camaño, da Fundación A Mangallona de Cangas; o xornalista Leoncio González; e a artista e profesora Luz Beloso, que realizou un mural dedicado a Pazos na Casa-Museo.

Xulio Lago e Afonso Becerra con Luz Beloso, autora do mural. Foto: Afonso Becerra.
Xulio Lago e Afonso Becerra con Luz Beloso, autora do mural. Foto: Afonso Becerra.

Este novo espazo intégrase na Asociación Religa de Casas, Museos, Fundacións e Espazos Literarios de Galiza, para, ademais de preservar a memoria e o legado de Pazos, promover actividades diversas relacionadas coa literatura e as artes escénicas.

Luz Beloso, autora do mural sobre Pazos. Foto: Afonso Becerra
Luz Beloso, autora do mural sobre Pazos. Foto: Afonso Becerra

Xosé Manuel Pazos Varela (1957-2021) foi edil de cultura en Cangas por EU-EG, entre 1995 e 1997, e por AGE entre 2007 e 2009, deputado de 1997 a 2001, e desde 2011 edil na oposición até que asumiu a alcaldía en 2015 como cabeza de lista de ACE, e repetiu en 2019 nun goberno bipartito co PSG até o seu falecemento.

No teatro comezou en grupos de teatro amador e formou parte de Teatro de Ningures. Foi un dos promotores da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, colaborou tamén con Teatro do Atlántico e co Centro Dramático Galego. Recibiu o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en galego por Ida e volta e, entre as súas escritas, cabe sinalar a da peza sobre María Soliña e o desembarco turco na vila de Cangas do Morrazo.

Mural de Luz Beloso. Foto: Afonso Becerra.
Mural de Luz Beloso. Foto: Afonso Becerra.
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe grupal dos Premios María Casares 2025

A AAAG convoca a 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares