Asistimos, con boa entrada, á última estrea de Teatro do Noroeste no Pazo da Cultura de Narón. Un proxecto da compañía que racha coa súa fórmula habitual de produción para poñer en escena un texto premiado no concurso Abrente de Ribadavia. Ponse Teatro do Noroeste nunha posición que agrada cando decide recorrer a un texto así, non soe ocorrer isto que é tan necesario para a finalidade da escrita teatral; pois, aínda que tamén se poida ler —como calquera outro texto—, non adoitan ultimamente os textos premiados formar parte do sistema teatral, sendo este o fin principal da súa escrita —hai ocasións nas que nin sequera aquelas autorías premiadas con compañía propia chegan a facelos sistémicos coa súa montaxe—; algo, ao noso entender, incomprensible. Por iso recibimos con ledicia e aplaudimos esta iniciativa; mesmo agardamos que non quede en mero experimento e poidamos ver outros proxectos similares que lle dean a necesaria continuidade escénica aos textos premiados, sexa por parte de Noroeste ou doutras compañías privadas ou públicas; e que a toma de conciencia para establecer a necesaria relación entre a escrita dramática e o teatro ao vivo sexa unha realidade cotiá.
Manual de patronaxe é un proxecto en feminino desde a súa escrita ata a súa posta en escena; xa que conta con produtora, autora, actrices e directora. Non é a primeira vez que Clara Gayo dirixe na compañía e entendemos o reto que significa estrear un texto que precisa de certa intimidade na grandeza do Pazo da Cultura de Narón; mesmo ir na procura dun ritmo fluído para un texto poético, fragmentado e referencial que quere facer unha homenaxe á figura da muller e das avoas, cuestión sempre de actualidade.
Moi suxestivo resulta o espazo escénico que nos sitúa nun universo de fantasía cun apoio de imaxes proxectadas que melloran coa distorsión dos tules que envolven a escena e o foro. Atinado foi comezar pola última escena do texto na que as imaxes distorcidas lembran os monitores clínicos sen deixar de suxerir as puntadas da máquina de coser que logo aduban a obra; ou as recorrentes imaxes dos carretes de fío en movemento que semellan galaxias en movemento para nos situar no máis profundo e poético espazo exterior ou nalgunha que outra aurora boreal que reside no noso interior. Todo este aderezo queda reforzado por unha selección musical excelente e axeitada na que destaca un único e fermoso tema coa voz sedutora de Patti Smith. Catro focos en soporte vertical determinan o “ring”, o cuadrilátero pacífico no que non hai combate físico pero que serve de soporte, na metade da obra, para o tecido da trama no tear escénico con fío vermello. Este efecto, que ben podería irse construíndo en segundo plano e con ritmo lento desde o inicio, é unha suxestiva imaxe nos dá varios postulados: sitúa ao público na infancia cando xogabamos ao xogo do cordel coas mans, tamén chamado “as cunas”; tamén podería ser unha tea de arañeira como escenario das trampas da vida, ou mesmamente a versión sinxela dunha misión imposible. O artefacto, unha vez construído, permítelle a Iolanda Muíños a posibilidade de ofrecernos un dos mellores intres cun excelente monólogo, mentres se move polo proscenio seguindo a liña que marcan os fíos; e tamén a esperada escena do corte de todos os fíos tecidos, imaxe que nos retrotrae a nunha das lembranzas do acoso escolar da nena.
Satisfeitos por esta nova produción de Teatro do Noroeste da que agardamos, pola súa versatilidade de adecuación a espazos máis pequenos, volver ver en calquera dos espazos das redes teatrais que sen dúbida xogarán a favor da intimidade e proximidade necesarias para facilitar a comunicación entre as actrices e o respectable.
- Manual de patronaxe - 04/01/2026
- Crónica de Mariñán II - 29/05/2024
- As damas de Ferrol - 09/03/2024



