A adaptación teatral do clásico de Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, a cargo do Centro Dramático Galego, en consorcio, con Contraproducións, é unha lograda homenaxe ao texto e ao autor. Só por esa razón paga a pena asistir a esta montaxe teatral, a primeira deste imprescindible da literatura galega. Diría tamén que consegue penetrar emocionalmente no público, mais iso dependerá loxicamente das lecturas, sensibilidades e experiencias vitais e artísticas de cadaquén.
Cándido Pazó, director da peza, adapta a obra, transferindo a arquitectura narrativa a un artefacto teatral, que máis alá das evocacións que o orixinal nos suxire funciona ben dramaticamente. Non é, por suposto, a primeira incursión do dramaturgo vigués en adaptacións de novelas a drama, posto que, con notable mestría e favor do público e crítica, dirixira anteriormente A peste, de Albert Camus, no mesmo CDG, e La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán, titulada Cigarreiras, na versión teatral. Con esta nova proposta, converxe, ademais, co propósito do CDG de incorporar ao seu repertorio os clásicos literarios e dramáticos galegos. Supón, de feito, un desafío escénico respecto ao monólogo que, con motivo dos cincuenta anos da publicación, se fixera de Memorias dun neno labrego.
A peza abre e pecha cun Balbino (Xúlio Abonjo) que retorna da emigración (coa indispensable maleta de madeira), materializando o que o derradeiro capítulo da novela deixaba en aberto. Axusta as contas da memoria e da xustiza co pai, agora defunto. O regueiro de terra que o elenco, na primeira escena, vai amoreando en fila aos pés do protagonista, cos seus impolutos zapatos de indiano, constrúe o túmulo do proxenitor ao que se dirixe o retornado. Esta morea de terra que se vai esparexendo polo escenario a medida que a trama avanza, simboliza a forza telúrica e antropolóxica da historia, que vai devastando aos poucos unha orde que Balbino impugnará de maneira accidental e tráxica.
Os cadros costumistas do texto orixinal, non exentos da forza social que fixeron del un retrato da época e un dos libros máis traducidos e vendidos en lingua galega, favorece a súa conversión en escenas, protagonizadas polo neno Balbino, que o mesmo Abonjo representa. A expresión dramatizada da historia lógrase coas coñecidas secuencias do protagonista coa profesora Eladia, o Xudeu, o can Pachín, as amizades con Lelo e as coitas con Manolito ata a malfadada pedrada. O avance respecto á autoficción e o monólogo materialízase coa interacción que Balbino escenifica coas demais personaxes que toman, agora, corpo en escena. Manuel Cortés, no papel do Xudeu, Iris Darriba, no de Eladia, Mónica García, no da nai de Balbino e Ana Santos, no da súa tía Carme, Federico Pérez no do padriño e Santi Romay, no de Lelo, entre outros papeis que interpretan na peza. Debida mención tamén á óptima actuación de todas e todos eles.
A historia dramática fica, polo tanto, acoutada pola primeira e última escena do Balbino adulto e guíase polas aventuras e desventuras do rapaz no que o ríxido loito, a experiencia da morte, a amizade e inimizade ou o primeiro amor van configurando a construción dunha conciencia que se expresará de forma fatídica no seu desenlace. A terra que se vai esparexendo desordenada polo escenario é a representación simbólica da alma atribulada do neno.
A dramaturxia intercala esta progresión que retrata a acelerada aprendizaxe de Balbino con escenas corais e costumistas, que mostran a vida colectiva da aldea. Nun tempo no que o rural se guiaba polo compás das estacións e os seus rituais, a representación en palco do entroido, da festa da patroa e do San Xoán introducen unha pausa na tensión dramática do espectáculo. Memorias dun neno labrego expresou a memoria sentimental e asentou o imaxinario colectivo dunha época, cuxa forza Pazó nos proxecta neste espectáculo. Para esta actualización, en ocasións, emprega estratexias metaficcionais e posdramáticas entre o elenco, dialogando sobre ese léxico perdido como restrebar, rebusque ou tabán.
A escenografía é, a tal efecto, ben simple. Seis baldes metálicos e cilíndricos, que tanto valen como recipiente, como pousadoiro ou para ocultar a caixiña atopada no rebusque. Ao fondo, un amplo panel branco, que ocupa gran parte do ancho do escenario e se estende case ata o teito, no cal se proxectan os distintos decorados. Evocan, a modo de debuxos ou pinturas manuais, as diferentes paisaxes (as ondulacións das montañas e os eirados) ou o modesto cuarto de Balbino. A opción artesanal e alegórica do deseño semella unha acertada evocación das coñecidas ilustracións de Isaac Díaz Pardo que acompañaron as primeiras edicións do libro en Edicións do Castro.
Os decorados que se proxectan sobre o panel, tamén aluden a este rural que evolucionou. As escenas do Balbino adulto amosan un horizonte no que se destaca unha torre eléctrica, aludindo ao progreso que seguiu aos anos da miseria, co seu impacto na paisaxe e paisanaxe das aldeas de Neira Vilas.
A posta en escena da obra, con esas situacións de folclore campesiño, elas co pano á cabeza, eles con terno, remiten tamén a un teatro amador e escolar de outrora, que fixo destas estampas o centro da súa acción e que revela canto cambiamos daquel Balbino e tamén daquel teatro, co debido recoñecemento, non obstante, que a ambos lles debemos.
A peza termina con Balbino saíndo de escena coa súa maleta de madeira e cun decorado que mostra as ondulacións montañosas coas cores do arco da vella. Insinúan o brillo que tamén se erguía no mundo cinza do rapaz e aluden ás novas e renovadas causas, ás causas xustas, que sempre serán pendentes. Memorias dun neno labrego, símbolo dun tempo, resignifícase nesta derradeira secuencia para que a voz ética e artística de Neira Vilas siga en pé nas aldeas de hoxe, tamén nas de asfalto.
- Memorias dun neno labrego - 30/01/2026
- Hamlet - 23/05/2025



