O Colectivo RPM vén de abrir unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, dirixidas a proxectos de danza e as artes vivas. O programa, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
O programa diríxese a “artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas”. Residencias Paraíso vai “na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo”.
Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM e anunciarán no mes de abril os proxectos seleccionados. As persoas interesadas poderán presentar a súa proposta ata o 8 de marzo. A comisión terá en conta “a integridade artística da proposta, o seu grao de madurez e solidez, a relación co territorio e as prácticas de programación expandida que poidan acompañar a estancia durante a residencia”.
Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de vinte e cinco mil euros e acollerá ata dez propostas en residencia, dúas máis que na súa pasada edición,cunha dotación económica de entre 1500 e 3000 euros (impostos incluídos) cada unha, “para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico”.
As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.
Paralelamente, as persoas seleccionadas participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM, que este ano terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Sesión informativa
O martes 3 de marzo, ás 12.00 horas, Colectivo RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria. As persoas interesadas poderán unirse a través desta ligazón.


