in

As Residencias Paraíso desvelan os proxectos seleccionados para o ano 2026

As 10 propostas foron escollidas entre as 209 solicitudes recibidas

BFlecha, unha das artistas seleccionadas nas Residencias Paraíso 2026. Fonte: Residencias Paraíso.
BFlecha é unha das artistas seleccionadas nas Residencias Paraíso 2026. Fonte: Residencias Paraíso.

A décima edición das Residencias Paraíso conta xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados. Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM vén de escoller a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como “Artistas Paraíso 2026”.

As Residencias Paraíso, impulsadas por RPM, contan co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2026 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Cristina Planas Leitão (artista e comisaria, directora artística de Materiais Diversos, de Lisboa), Diego M. Buceta (artista, Artista Paraíso 2017 e 2019), Laura Tabarés (artista e comisaria, co-coordinadora de Leira, de Lugo), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).

O programa Residencias Paraíso 2026 dirixiuse a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisasen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.

Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de vinte e cinco mil euros e acollerá dez propostas en residencia, dúas máis que na súa pasada edición, cunha dotación económica de entre 1500 e 3000 euros (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.

Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM, que neste 2026 terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

As propostas escollidas

Os creadores galegos Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo mergullaranse nun proceso de creación titulado Asoballada por fentos no Pazo da Cultura de Carballo. Baseado na investigación artística de Corral Cid, o proxecto “mestura arquivo e performance, acompañado pola música de Reboredo, para revisitar a memoria folclórica galega e repensar os arquetipos rexionais do franquismo”.

No Vello Cárcere de Lugo desenvolveranse dous proxectos en residencia. A arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán investigará sobre Como cuando el pelo se eriza, “unha proposta que xorde dunha reflexión sobre o capricho e o desexo”. A través do movemento e do son, Blanca imaxina “un corpo impaciente que habita a ausencia e a especulación”, traducindo esta enerxía “en danzas e cantares que flúen entre o erótico, o político e o sensorial”.

Blanca Gómez Terán
Blanca Gómez Terán. Fonte: Residencias Paraíso.

No mesmo espazo, o músico e artista performativo asturiano Óscar Bueno desenvolverá La excitación del paisaje: La roca blanda / Parte II – La conferencia montañera. O proxecto entende a paisaxe “non como algo dado, senón como unha relación entre quen mira e aquilo que é mirado”. Corpo, imaxe e son actívanse “como ferramentas para explorar esta relación e ensaiar novas formas de vincularnos co contorno, abrindo a percepción a outras escalas, texturas e experiencias sensoriais”. A proposta toma a forma dunha conferencia expandida “na que a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse, transformando a relación entre espectador, corpo e entorno”.

O equipo multidisciplinar formado pola compositora e cantante galega BFlecha, o produtor musical galego Mwëslee, a cineasta e montadora galega Diana Toucedo, e os artistas performativos galego–madrileños Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld, desenvolverá na residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro de Compostela o proxecto Stratos (La piedra siempre estuvo allí). Parte “dunha viaxe sensorial na que se establece contacto con sistemas de comunicación bioquímica e seres unicelulares”, e o proxecto explora “como o micro afecta ao macro e xera novas relacións e percepcións”. “Música viva, materia vibrante, imaxe, cinema e a intervención de voces pensadoras crean un espazo escénico onde o colectivo xera unha forza maior, capaz de entrelazar o humano e o non humano”, resumen arredor de Stratos (La piedra siempre estuvo allí).

Tamén na residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro estarán os investigadores e artistas galegos Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü co proxecto Monxa Millo Sentinela. A proposta “explora a cultura popular, os corpos e a paisaxe do territorio galego a través da desarticulación das promesas incumpridas que os atravesan”. Nela, “partindo de tres corpos arquetípicos, o proxecto busca poñelos en crise, transformalos e pervertelos, creando unha investigación escénica situada no final da espera”. A través desta práctica, Sara e Ismael buscan “cuestionar nocións de xénero, performatividade e memoria cultural, combinando ficción, documental e creación colectiva”.

Na Residencia Paraíso combinada entre La Fábrica (Oleiros) e Espazo RPM (A Coruña), o bailarín e coreógrafo canario Darío Bardam desenvolverá o proxecto Phantom, “unha investigación sobre a relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación”. A través de beats, melodías e sets de DJ, Bardam constrúe “un corpo fantasmagórico que se desvanece, deixando espazo a que todo baile emerxa”. A proposta continúa a súa liña de “exploración da danza como forma autónoma de coñecemento e da desidentificación como mecanismo de mediación, poñendo en primeiro plano o pracer de bailar e a enerxía do corpo en movemento”.

Na residencia en Artistea (Ponteareas), o colectivo galego–navarro Disiden.Cia, formado polas bailarinas e coreógrafas Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, desenvolverá o proxecto Botar de menos o futuro, unha investigación sobre “a desorientación, a falta de pertenza e a nostalxia dun futuro que non viviremos”. Situando a “outredade” e o “alien” no centro da súa exploración, a compañía crea “corpos híbridos e andróxinos que cuestionan identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos”. O proxecto busca “deterse, profundar na práctica artística propia e xerar unha linguaxe escénica disruptiva, transformando a sensación de exclusión nunha potencia creativa e absurda”.

A compañía galego-navarra Disiden.Cia
A compañía galego-navarra Disiden.Cia. Fonte: Residencias Paraíso.

O bailarín e coreógrafo galego Fran Martínez desenvolverá o proxecto Transfixión nunha residencia situada no Convento de Santa Clara, dentro do marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. É “unha peza sobre o facer e o misticismo de baixa intensidade”. Nela, “a través do ir e vir entre o dentro, escuro e introspectivo, e o fóra, visible e indescifrable”, Martínez explora “a espesura do movemento e da percepción”, xerando “un espazo onde corpo, tempo e sensación se entrelazan nunha experiencia sensorial e poética”.

A Residencia Paraíso na Casa da Cultura de Vimianzo, complementada cunha residencia técnica no Pazo da Cultura de Narón, contará co bailarín e creador galego Jandross Rodríguez, que traballará no proxecto Suksen, unha investigación sobre “o dó e a tradición de velar”. Dende o corpo, Suksen explora “a fisicalidade límite e a capacidade residual dun corpo canso que segue a moverse, convidando á pausa, á intimidade e á reimaxinación do ritual a través dunha perspectiva cuir e contemporánea”. Neste traballo Rodríguez conta coa dirección artística da coreógrafa e bailarina galega Julia Laport.

Jandross Rodríguez
Jandross Rodríguez. Fonte: Residencias Paraíso.

Por último, o artista brasileiro–portugués Pedro Vilela será o convidado na residencia artística na Igrexa da Madalena, dentro do marco da colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Alí desenvolverá o proxecto Zoombies, unha investigación escénica “que utiliza a figura do zombi como metáfora para analizar a construción de inimigos externos ao longo da historia”. Mesturando teatro, cultura pop e discurso político, o proxecto explora “como o medo e a deshumanización se empregaron para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Teatro das Aras representando Reencontro, de Rosa E. Gantes.

O CITEAMOR celebra a súa 14ª edición