Este volume recolle a actividade teatral en Galiza entre 1952 e 1975, unha época difícil, marcada pola ditadura e a censura, na que o noso teatro renace devagar para coller forza ata ser o que hoxe é.
Este traballo serve para definir a nosa historiografía teatral e a relación desta con outros fenómenos teatrais como o movemento do Teatro Independente na península ibérica.
O autor da cumprida información da actividade teatral de xeito panorámico tendo en conta a todos os axentes que interveñen no feito. Podemos atopar aquí datos de escrita, edición, lecturas, dirección, posta en escena, estreas, montaxes, artigos, revistas especializadas e outras actividades teatrais que nos axudan a ter unha visión máis cumprida da actividade teatral aquí e tamén da presenza do teatro galego fóra.
Con estes datos podemos deducir a importancia e o rol que o teatro tivo na sociedade galega e no rescate e recuperación do idioma e cultura propios e como todo isto axudou a configurar o que demos en chamar O Novo Teatro Galego.
Neste sentido compre subliñar a cuestión social e integradora das actividade escénicas nas que ademais de autoría e dirección, necesita da concorrencia e encontro de grupos de persoas que conflúen no proceso de produción dos proxectos teatrais.
Francisco Oti, a modo de conclusión, escribe que para presentar estes proxectos perante o público é necesario un grande esforzo artístico, organizativo, económico, programático e temporal no que concorren moitas persoas de diferentes oficios e idades que dedican parte do seu tempo libre á Arte Escénica. Mirando as cousas desde esa perspectiva , os datos expostos perden a frialdade numérica ou nominal para coller unha transcendencia socio cultural de importancia que os fan merecentes de pasar a formar parte do acervo cultural e que poden contribuír na definición de país e cultura propios.
Compre valorar na súa xusta medida as dificultades contextuais e políticas do momento e dunha situación cultural dominada pola imposición ditatorial e a súa influencia nas actividades realizadas baixo o exercicio da censura que non sería abolida ata 1977 o que daría pé ao inicio a unha transición cultural, social e política sen precedentes.
A contundencia dos datos expostos, sigue afirmando o autor, fainos pensar que, en moitas ocasións, a carencia e a inestabilidade dun circuíto de exhibición, a inexistencia dunha normativa axeitada á realidade escénica e a falta de recursos públicos específicos provocaban a morte súbita das producións trala súa estrea.
Os puntos de encontro dos grupos co público eran normalmente os certames, mostras e xornadas que por certo non eran abundantes neste período. Esta circunstancia obrigaba aos grupos a inventar, xestionar, procurar e establecer un circuíto de exhibición á marxe dos grandes teatros. Estes circuítos se foron construíndo, nun principio sobre o intercambio e o convite entre agrupacións.
Observase tamén como a actividade editorial xera actividade escénica e como esta actividade escénica xera visibilidade e activa os mecanismos dos sistemas para crear espectáculos e nova escrita e iso é de vital importancia para o establecemento das políticas culturais vivas.
Polo demais a actividade escénica dáse fundamentalmente nos grupos afeccionados, nos grupos escolares e de ensino medio, nos grupos universitarios e nos grupos denominados estables e independentes e que ningún dispón dunha estrutura empresarial profesional cuestión que como sabemos non chega ata o ano 1978.
Pouco a pouco o labor e insistencia dalgúns grupos iría convencendo a outros que nun principio facían teatro en castelán, para que foran asumindo a defensa do idioma como unha cuestión fundamental e que rematarían finalmente producindo os seus espectáculos en galegos como Ditea, Tespis, Malveira, Máscara 17, etc.
Sobre o autor: Francisco Oti Ríos ( Cabanas. A Coruña 1954) é Titulado Superior en Dirección de Escena e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Colaborador en publicacións especializadas como a Revista Galega de Teatro-erregueté, Núa e Madrigal. Ten publicado diferentes libros de investigación entre os que indicamos Teatro estudio de Ferrol e tamén de creación como Una cuestión familiar, ou Lingua de lata con Julio Fernández.