As cinco pezas escolmadas neste volume son representativas da dramaturxia do autor ao longo de máis de catro décadas e aspiran a representar as diversas tipoloxías de comedia que foron cultivadas polo singular escritor e intelectual brasileiro Joaquim María Machado de Assis (Rio de Janeiro 1839-1908).
A comedia fársica: Quase ministro (1862); a comedia mítico-alegórica en verso: Os deuses de casaca (1864-1865); a comedia histórica-ficcional: Tu só, tu, puro amor...(1880) e a comedia burguesa: Nâo consultes médico (1896) e Liçao de botánica (1905).
Na primeira comedia adopta unha crítica social satirizando a diversidade de oportunistas e parasitos cariocas que ao cabo reflicten o que pode acontecer en calquera outro lugar. Nesta peza rumorease que un deputado vai ser nomeado ministro e este “ruxe ruxe” é suficiente para que pasen pola súa casa procurando proveito ridículos chupóns que ao saber que vai ser outro o nomeado ministro axiña abandonan ao ministrable.
No ámbito do teatro poético-alegórico o autor presentas aos deuses olímpicos dialogando, en perfectos e dificultosos versos alexandrinos, sobre a tentación de converterse en humanos para conquistar varias deusas humanizadas.
A comedia histórica-ficcional, localizada en 1545 na corte lisboeta de D. Joâo III, conta o desenredo dos amores palacianos de Camôes e de D.Catarina de Ataíde.
A comedia burguesa Nâo consultes médico enfronta, por dicilo así, o saber científico e a experiencia vital no ámbito amoroso recomendando que no caso de enfermidade amorosa non se debe consultar a un médico se non que se debe consultar a quen teña estado doente.
Lição de botánica consensual e indubidabelmente é considerada a súa mellor e máis completa comedia.
Na peza pásase revista dos espazos domésticos e das personaxes da “boa sociedade”, como se fósemos espectadores-visitantes dos tempos e costumes derivados da consolidación dunha cultura urbana carioca, dunha elite afrancesada, afastada das cidades dos suburbios , dos negros e dos pobres coas que non teñen nada que ver.
Nunha mansión do barrio carioca de Andaraí, entra don Sexismundo de Kernoberg, botánico sueco, que ven pedirlle a D. Leonor que impida a entrada do seu sobriño Henrique na casa pois os seus amores con Cecilia motivarían o seu desvío do celibato e do retiro necesario para mellor servir á ciencia botánica. D. Helena a irmanciña viúva, decide e consegue conquistar a un indeciso Sexismundo demostrándolle que ciencia e matrimonio son compatibles e convenientes pois o barón ten como ponto de fé que a ciência nâo se dá bem com o matrimónio.
A Biblioteca-Arquivo Teatral ‘Francisco Pillado Mayor’ foi constituída sobre a doazón que, en 1996, realizou o intelectual galego Francisco Pillado Mayor á Universidade da Coruña. Esta colección depende, no ámbito científico, da Sección Departamental de Galego-Portugués do Departamento de Letras e, no ámbito técnico, da Biblioteca Xeral da UDC.
A Biblioteca-Arquivo ten a súa sede na biblioteca da Facultade de Filoloxía. As dúas unidades en que está estruturada a entidade (Arquivo e Biblioteca) contan con cadanseu espazo exclusivo dentro desa dependencia e os fondos de ambas están integrados no catálogo xeral da Biblioteca da UDC.
Alén da provisión e manutención destes dous repositorios, a Biblioteca-Arquivo ‘Francisco Pillado Mayor’ publica desde 1999 unha ambiciosa colección -organizada en diferentes series- de documentos, textos teóricos, pezas teatrais e traballos académicos especializados sobre títulos dramáticos galegos e portugueses, ben como de calquera outra tradición teatral -achegando estes últimos en edición bilingüe. Desde 2017, mantén abertas tres coleccións (a Serie Azul, a Serie Verde e a Serie Branca) dedicadas respectivamente á Literatura teatral galega, á Literatura teatral en lingua portuguesa e á Literatura teatral noutras linguas.