in

O feo

o feo |

O espello da alma

| Manuel Xestoso |

O feo

 

 

Que a aparencia externa –iso que os anuncios por palabras chaman “boa presenza”– se converteu nunha obsesión na nosa sociedade é algo que non admite dúbida. Tanto que xa case ninguén se atreve a repetir aquilo de que a verdadeira fermosura reside no interior (ou si, pero esas contradicións cognitivas acéptanse sen conflito no mundo moderno, xa que todo vale e todo ten unha xustificación). Boris Vian expresouno con exactitude: mataremos a todos os feos.

Lette, o protagonista desta obra de Mayenburg, é un home brillante no seu traballo pero tan supostamente feo que a súa empresa lle prohibe acudir á presentación dun seu invento, co argumento de que o seu físico disuadirá aos potenciais compradores de adquirir o revolucionario produto. E el compórtase coa acomodaticia resignación que se lle presupón a cidadanía: sométese a unha operación de cirurxía estética que corrixirá a anomalía que o fai diferente ao grupo.

A operación é un éxito que o converte nun portento das vendas e nun astro erótico por cuxos favores litixia todo o mundo, aínda que o afasta do seu labor de investigador. O problema xorde cando o cirurxián que o operou, seguindo a omnipresente lóxica comercial, decide repetir a intervención en cadea, multiplicando os clons de Lette por todas partes. Daquela, o noso heroe perde a singularidade que o transformara nun apreciado prodixio.

O admirable desta función é a enorme cantidade de temas aos que apunta en apenas sesenta minutos: a obstinación en pregarse ao ditado da moda, a crueldade do capitalismo, a hipererotización dos corpos, a frivolidade con que se enfrontan as relacións persoais, a ubicuidade do economicismo como patrón de conduta… E todo sen discursos editorializantes nin teses vociferantes que distraian dun argumento de comedia de manual. Só que aquí os equívocos teñen unha dupla –talvez deberiamos dicir clónica– intención que transforma as vellas formas en mordente descarnado. Incluso o feito de que catro actores desenvolvan todos os papeis sen ningún tipo de caracterización que os diferencie xoga a favor da idea de que a individualidade non é un valor que a sociedade aprecie particularmente.

Porque o propósito vai máis alá de criticar ás grandes firmas comerciais polos seus dubidosos métodos de selección de persoal: é o conformismo xeneralizado, o medo a contradicir as ideas adquiridas da maioría, o obxectivo desta sátira. Aceptamos converternos en consumidores compulsivos que adquiren paraísos prêt-à-porter e xa nin sequera nos formulamos a idea de que esa aquiescencia coa tiranía do canon da beleza oculta un intento de normativización baseado nos valores das chamadas “clases altas”.


Publicidade

CatroCadeiras fía o éxito da montaxe ao traballo actoral, acudindo a unha enganosa sinxeleza que oculta solucións de posta en escena imaxinativas e arriscadas. E iso propicia que a lixeireza da comedia inocule o sarcasmo sen que o espectador se decate de que ese é o espello en que se amosa a súa –a nosa– deformidade.

 

O feo de Marius von Mayenburg
Compañía: Catrocadeiras
Dirección: Juan Carlos Corredoira
Elenco: Machi Salgado, Laura Campos, Manuel Polo, Xoán Abreu
Espazo escénico: José Faro
Iluminación: Montse Piñeiro
Vestiario: CatroCadeiras

Sala Ártika, Vigo. 12 de abril de 2015.

 

 

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

arquitectura da emocion |

Arquitectura da emoción

amoren3d |

Amor en 3D