in

Comeza o ciclo TRC Danza no Rosalía de Castro da Coruña

hollywoodboa |
'Hollywood', de Andrea Quintana e Alberto Cortés
O TRCDanza, o ciclo de danza ideado polo director do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña, Paulo Rodríguez, está repleto neste 2017 de propostas diversas de artistas do territorio nacional e, un ano máis, camiña acompañado do Proxecto de Programación Expandida (PE), o proxecto de mediación coordinado por Andrea Quintana e Caterina Varela.

 

hollywoodboa |
‘Hollywood’, de Andrea Quintana e Alberto Cortés

 

Este proxecto de PE ten como vontade expandir todas as potencias dun programa de danza ao longo da cidade colaborando de cerca coas distintas comunidades, artistas convidadas ao ciclo, artistas locais, espazos e persoas cómplices de cada espazo que fan de cada potencia unha experiencia real.

O mapa da programación comezou no mes de abril coa estrea de Green, da compañía madrileña de Patricia Ruz (que reuniu a oito creadores de diferentes disciplinas e idades celebrando os seus 20 anos de traxectoria), ata pechar o ciclo en decembro coa consolidada proposta artística de Mal Pelo, unha das compañías máis sólidas do estado, recentemente galardoada co Premio Nacional de Danza a unha traxectoria exquisita, construída en conxunto entre María Muñoz e Pep Ramis. Dúas propostas ben diferentes que reflicten o variado da programación de Paulo Rodríguez para este ano.

Baixo o sólido compromiso ca creación galega o ciclo achéganos os últimos traballos das creadoras Ánxela Blanco, Janet Novás e Andrea Quintana, esta última en colaboración artística co andaluz Alberto Cortés. Tres grandes oportunidades de contrastar o pulso da creación contemporánea do noso territorio.

Ánxela Blanco, visitou a Programación Expandida do TRC no mes de maio coa obra Ulises e a nena durmida, unha deriva do mapa oficial ao territorio propio, unha sinfonía de corpos, voces e imaxes, inspirada na traxedia grega do heroe Odiseo. Achegámonos ao Instituto de Ensinanza Secundaria Zalaeta onde Ánxela traballou ao longo de dúas sesións co alumnado de 3º da ESO de Cultura Clásica nunha práctica expandida, pensada especialmente pola artista para o alumnado de secundaria, na que facer unha revisión do mito da Odisea a través do corpo e co foco na identidade de xénero.

Tivemos a oportunidade de viaxar con Janet Novás quen cerrou a tempada de primavera coa súa creación Si pudiera hablar de esto no haría esto acompañada na escena por Pablo Esbert con quen compartiu tamén unha acción expandida na librería Berbiriana, onde se proxectou o documental Cadencia de Virginia Rota e onde se conversou cos dous creadores sobre a súa traxectoria e confluencia artística.


Publicidade

Andrea Quintana e Alberto Cortés inician a tempada de outono o 16 de setembro  con Hollywood, unha obra que mestura os universos de ambos creadores valéndose do corpo e o texto para falar na escena das súas inquedanzas sobre a palabra éxito e a palabra fracaso, decidindo utilizar o erro como ferramenta para hackear o escenario e colocar a obra xusto onde desexan. Unha peza híbrida acompañada dun gran equipo artístico, onde poderemos gozar do traballo musical en directo de Elena Casanueva e a iluminación de Azael Ferrer.

​Ademáis destes artistas convidados, TRC conta con moitas mais propostas que veñen do resto da península.

Dende Euskadi virá Dantzaz, unha compañía de repertorio que xa se presentou neste ciclo no programa de 2015 e que agora regresa co seu ultimo espectáculo Áureo. Por outra banda, a compañía Sra. Polaroiska visita por primeira vez o Rosalía de Castro, con Lur Away, un dispositivo coreográfico onde se xera unha relación directa co público e coa figura do espectador dentro da escena na que se vai configurando a obra.

Dende a costa mediterránea veñen catro oportunidades máis de achegármonos á danza. A interesante proposta pedagóxica de Toni Jodar quen ilustra, co seu propio corpo, a historia da danza nunha “performance pedagóxica”, unha oportunidade de ouro para deixarnos levar pola evolución do clásico ao contemporáneo, polos diversos xéneros e formas que encontrou o corpo para expresarse en movemento ao longo da historia. Lali Ayguadé, cun coidado encaixe coreográfico preséntanos Kokoro, unha peza onde atoparemos a catro brillantes intérpretes,  catro identidades en transformación que nos farán deleitarnos na butaca. Albert Quesada, que nos visita cun potente diálogo entre o flamenco e a danza contemporánea, en colaboración co húngaro Zoltán Vakulya. Sen esquecernos da compañía madrileña de danza inclusiva Fritsch Company que xa estivo neste teatro no mes de xuño e cos se organizou, na Fundación Luis Seoane, unha práctica dirixida e aberta á diversidade dos corpos, mentes, idades, e culturas.

Como cada ano, moitas e diversas oportunidades de seguir gozando da danza, reafirmando a sólida aposta do Teatro Rosalía de Castro de A Coruña polas artes do movemento.

 

Tempada de outono – TRCDanza
16 de setembro – Hollywood de Andrea Quintana e Alberto Cortés
30 de setembro – UnDosTresUnDos de Albert Quesada
11 de outubro – Una conferencia bailada de Toni Jodar
28 de outubro – Lur Away de Sra. Polaroiska
11 de novembro – Kokoro de Lali Ayguadé
24 de novembro – Áureo de Dantzaz Kompainia
16 de decembro – El quinto invierno de Mal Pelo

 
 
 
 
 
 
 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

galicreques |

Galicreques converterá Compostela na capital do títere

reimorre |

O rei morre