Gobo. Digital Glossary

Heroes do noso tempo

| Manuel Xestoso |
| Foto: Susana Neves |

O “heroe do noso tempo” que describiu Lermontov na súa novela era unha alma que enfrontaba o baleiro da existencia e a certeza da morte refuxiándose na melancolía romántica e no nihilismo: tratábase dunha forma de protesta ante a convicción de que a realidade se transformara nun triunfo do superfluo. O noso tempo, porén, xa aceptou o nihilismo (semella que calquera pode actuar sen sentirse suxeito polas consecuencias das súas accións) pero substituíu a melancolía romántica por un movemento continuo que evita minuciosamente calquera tentación de transcendencia. Cal sería entón o heroe do noso tempo?

Gobo. Digital glossary, do colectivo Akhe, busca a resposta elevando até o límite ese movemento continuo e explorando a súa cara máis subversiva. Dous personaxes de aparencia excéntrica –entre o hipster e o sacerdote ortodoxo– pululan polo escenario levando a cabo un monllo de experimentos desatinados e extravagantes cuxo propósito nunca queda claro: mergullan monicreques en acuarios, torturan e despezan libros, proban complicados xogos de poleas para elevarse a si mesmos, son golpeados por canguros boxeadores de plástico… A alta tecnoloxía de pistolas láser e proxeccións videográficas mestúrase con materiais de refugo, con xoguetes de todo a cen e con elementos do que parece un vello xogo de química recreativa: un laboratorio de alquimia patética. Todo nun clima de axitación e bulicio que non parece afectar en absoluto aos dous mestres de cerimonias deste ritual absurdo, que manteñen estoicamente o seu espírito científico malia o caos que sementan con cada un dos seus “ensaios”.

En realidade, podemos sospeitar que estas dúas figuras buscan un principio de orde que nos devolva o concepto de virtude ante o caos contemporáneo e que a súa pescuda visa a poñer en cuestión todos os principios básicos: se o mundo moderno incrustou a súa lóxica entre as persoas, só esnaquizando o máis esencial (poñamos por caso, a lei da gravidade) podemos reconstruír unha humanidade emancipada. O espírito dadaísta non está moi lonxe desta guerrilla escénica que converte a vida nun campo de batalla onde a candorosa curiosidade infantil se asocia co estratexia revolucionaria.

Dezasete cadros que “estudan” ao “heroe” dende diferentes puntos de vista (os seus títulos son “A perspectiva do heroe”, “O volume do heroe”, “A liña do heroe”, e así por diante), crean unha especie de cabaré filosófico que resulta sumamente divertido, que destila lóstregos dunha poesía directamente saída da actualidade e que mestura o clown, o teatro de obxectos, o de marionetas e a performance nun desafío ao xenérico que induce a outros desafíos de máis calado: unha liña de actuación que ataque os fundamentos do establecido.

A organicidade con que flúe este alarde de velocidade, o atrevemento moral e a insolencia escénica de Maxim Isaev e Pavel Semchenko converten esta produción nun dos espectáculos que maior atención deberían recibir á hora de calibrar por onde pode circular iso que chamamos “o contemporáneo” nas artes escénicas. Se non son os heroes do noso tempo, parécenselle moito.

 

Gobo. Digital Glossary, do colectivo Akhe

Dirección: Yana Toumina
Interpretación e obxectos: Maxim Isaev e Pavel Semchenko
Vídeo: Oleg Mikhailov, Maria Nebesnaya
Som: Denis Antonov
Luz: Alexandr Kurganskiy
Dirección artística: Vadim Gololobov

Festival Internacional de Marionetas do Porto. Teatro Rivolí. 21 de outubro de 2017.

Deixar unha resposta