Gran teatro para os máis pequenos no CDG

A sede do CDG en Santiago ofrecerá A casa do avó de Tanxarina os días 21 e 22, Ela de Caramuxo Teatro o 29 e 30 e Animais de compañía de Teatro do Noroeste o 3 e 4 de xaneiro, xunto a cadanseu taller

O ciclo Gran teatro para os máis pequenos do Centro Dramático Galego (CDG) regresa ao Salón Teatro de Santiago para celebrar o Nadal xunto ao público infantil. Esta carteleira especial combina a exhibición de tres espectáculos das compañías galegas Tanxarina, Caramuxo Teatro e Teatro do Noroeste con outros tantos obradoiros sobre monicreques, a figura de Maruxa Mallo e o espazo sonoro, respectivamente, baixo o lema Saca o artista que levas dentro.

A programación arrancará o xoves 21 e venres 22 de decembro con A casa do avó, de Tanxarina, máis o taller de monicreques Moita tea que cortar. Cándido Pazó é o autor e director desta historia, que dá comezo cando un neno recibe a noticia de que o seu avó vai quedar sen casa. Eduardo Rodríguez, Miguel Borines e Andrés Giráldez poñen en escena esta peza de teatro social arredor da solidariedade. As funcións no Salón Teatro darán comezo ás 19.00 horas, mentres que o obradoiro terá lugar eses mesmos días, ás 17.00 horas.

Nos mesmos horarios desenvolverase o venres 29 e o sábado 30 o espectáculo Ela, de Caramuxo Teatro, máis o obradoiro Mallo en decembro. A figura de Maruxa Mallo é o eixo central da nova montaxe de danza e teatro da compañía coruñesa, que crea un mundo fantástico a través da arte, as cores e o universo da gran pintora galega no ano en que a Academia Galega de Belas Artes lle dedica o Día das Artes Galegas. Juan Rodríguez e Laura Sarasola son os directores desta montaxe, que interpretan xunto a Suso Jalda.

Na primeira semana de 2018 será a quenda de Animais de compañía, de Teatro do Noroeste, e do taller Soa igual a diferencia. Neste caso, as funcións están programadas para o mércores 3 e o xoves 4 de xaneiro, ás 19.00 h, mentres que o obradoiro terá lugar nesas mesmas datas desde dúas horas antes das representacións. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, esta comedia musical en forma de fábula está protagonizada por unha cadela e unha gata ás que lles dan vida Imma António e Manuela Varela. A peza trata en clave de comedia unha situación cotiá nunha casa dunha moza amante dos animais para establecer un paralelismo entre a situación que viven as súas mascotas e o que acontece na sociedade actual.

Prazas e reservas

Coa finalidade de facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Centro Dramático Galego oferta 30 prazas para cada unha das dúas sesións dos talleres, que serán adxudicadas por orde de reserva a través do teléfono 881 867 229. Os nenos e nenas poden participar sós nestes obradoiros, en tanto que nas funcións é necesario que estean acompañados por cando menos un adulto. O obxectivo desta iniciativa é que obteñan unha perspectiva diferente sobre os espectáculos que verán despois, ao tempo que coñecerán como funciona o teatro por dentro. As idades recomendadas son a partir dos seis anos para o de monicreques e son e a partos dos tres anos, para o de Maruxa Mallo.

A entrada aos obradoiro está incluída no bono especial de Nadal, que abrangue tamén catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados a un prezo especial de seis euros cada unha. Ademais, existe unha tarifa familiar ao mesmo prezo (mínimo de tres entradas para unha mesma función), así como billetes individuais a oito euros.

Fóra do bono, a tarifa dos obradoiros é de cinco euros cada un e o pagamento farase no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto ao público todas as xornadas con actividade en carteleira desde dúas horas antes do inicio desta, ou os mesmos días dos obradoiros desde media hora antes do seu comezo. No teatro poderán mercarse tamén os bonos e entradas, cuxa venda anticipada está dispoñible no web entradas.abanca.com.

Deixar unha resposta