in

Anxo Manoel, de Lucecús: “Tentamos facer teatro social en clave de comedia”

|

| Vanesa Sotelo | 
| Foto: Brian Rodríguez Cortiñas |


A compañía Lucecús estrea hoxe no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, Logos, a súa última produción. Formada por Isa Herrero, Anxo Manoel e Rubén Pérez, a compañía volve a apostar pola dirección de Santiago Cortegoso e incorpora ao equipo artístico ao actor Borja Fernández para achegar o universo distópico deseñado en Logos. Despois de ser presentado en Rianxo, falamos co actor e autor do texto, Anxo Manoel, para coñecer algunhas das claves sobre a compañía e este novo proxecto no que a liberdade, o consumo, a comunicación e as novas tecnoloxías se mesturan para reflexionar sobre o futuro e o propio presente.

Despois de A órbita do lucecú e PingüiSOS, Lucecús presenta Logos: unha distopía sobre as relacións humanas. Como nace esta proposta dentro da traxectoria da compañía?

Na compañía, desde o comezo, fixemos a aposta de traballar con textos propios, en ocasións escritos a varias mans, xa que Isa Herrero e Rubén Pérez tamén escriben; outras veces traballamos en base a improvisacións e no caso de Logos, partimos dun texto xa escrito. Logos nace dun interese persoal por falar da sociedade de consumo, da publicidade, da tecnoloxía e das relacións entre estas tres cousas. Como as compañías, gobernos e medios de comunicación poden influír en nós, manipularnos e incluso illarnos. Tamén quería falar de como podemos recuperar os espazos públicos e a nosa identidade privada, que a través destes medios nos foi arrebatada. Como quería facelo dun xeito cómico optei pola distopía. Deste xeito podería esaxerar as cousas para poder falar de algo tan triste no fondo, baixo un prisma de parodia. Tamén foi clave o tema das relacións humanas, como cada un entende a liberdade, ou a felicidade, como encaixa o diferente, como buscamos o noso sitio no mundo, creamos e cambiamos o noso discurso segundo imos tendo máis información e coñecemento.

A órbita do lucecú falaba dos esforzos do ser humano para acadar as súas metas e nela mesturábanse, como en Logos, os novos medios de comunicación e as dificultades de relación nunha sociedade cada vez máis tecnolóxica. Se pensamos nestas claves como temas recorrentes da compañía, que outros aspectos conforman as liñas de traballo de Lucecús?

Por un lado, é unha aposta da compañía buscar temas e códigos que podan interesar ás xeracións máis novas, porque temos o firme propósito de achegalos ao teatro, de facer que se namoren del, que o vexan e desexen repetir a experiencia unha e mil veces. Eles son o futuro. Por outra banda, ao longo da nosa breve traxectoria e pola nosa forma de entender o teatro, intentamos facer cousas que estean apegadas á realidade, falar do que nos afecta e preocupa, daquilo que nos provoca carraxe ou calma e o máis visceralmente posible, teatro social pero en clave de comedia. Os nosos medos e as nosas ilusións están aí, reflectidas nas nosas obras. É inevitable. Os nosos textos poden non ser excesivamente literarios, buscamos unha naturalidade nós mesmos, con diálogos rápidos, nos que as personaxes se pisan ao falar, cambian de tema constantemente e cústalles seguir un fío único, cousa que nesta sociedade da información e da rapidez é unha constante en calquera conversa que podes ter con amigos, familia ou compañeiros de traballo. Na parte que me toca a min, sempre cargo un pouco cara á ciencia e o progreso, son biólogo de formación e interésame moito o feito de como os avances científicos, o progreso, que en principio buscan a mellora na vida das persoas, sempre acaban convertidos en armas contra nós mesmos.

Presentada como unha comedia, Logos mantén un complexo equilibrio entre a elaboración dun universo novo, un destino case tráxico dos seus protagonistas e unha distensión que os personaxes introducen a través da interacción e os referentes que achegan. Como foi recibida a proposta entre os escolares?

Foi moi ben. O primeiro pase da obra, estivo dirixido á mocidade de 4º da ESO e 1º de BAC e, no coloquio posterior, mostraron un grande interese polas diferentes temáticas que presentamos na peza. Recoñeceron os problemas dos que estabamos a falar como propios e sentíronse responsables e capaces de dirixir a súa actitude cara a un cambio posible. Foron conscientes de que nas súas mans está que a cousa vaia nunha dirección ou noutra. Ao mesmo tempo, discutían que o futuro que nos agarda fose tan negro, pero admitían que era plausible. Polo que recibimos deles nese coloquio, o pensamento crítico foméntase no público desta idade ao ver a peza. Logos ten, ademais, moito de banda deseñada tanto na linguaxe coma na posta en escena; ten un alto contido audiovisual que se achega ao código cinematográfico e penso que iso fai a peza máis próxima á mocidade.

Existe unha alianza estable entre Lucecús e Ibuprofeno xa que os espectáculos anteriores contaron coa dirección de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre. Que achega esta relación entre compañías?

Para nós é un orgullo e un privilexio enorme poder traballar con eles. A aprendizaxe é continua e entendémonos moi ben. As montaxes de Ibuprofeno son para nós un espello onde mirarse polo que contan e por como o contan. A nivel da escrita, Santiago Cortegoso é un referente para nós desde o comezo. Coido que é un dos mellores dramaturgos non só da Galiza senón do estado, e que alguén así poda asesorarte nun proceso tan complexo como é o da escrita teatral é incrible. A visión cómica das cousas de Marián e a súa experiencia como actriz achégannos moitísimo e os dous sacan o mellor de nós co seu afecto e entusiasmo. Santi é un director co que é doado traballar, ten as cousas moi claras, explícase dun xeito moi claro e fala moito cos actores; ademais, coñecémonos ben, entende o noso mundo interior e potencia a expresión da nosa identidade como compañía.


Publicidade

Lucecús foi o paso natural dun equipo humano que xurdiu en Lugo do proxecto de microteatro Microefectos dramatúrxicos. Cal é a valoración que fai do seu percorrido nos últimos anos?

Pois si, aínda que nos coñeciamos de antes, a idea de montar a compañía nace dos Microefectos dramatúrxicos. Démonos conta, de que tiñamos moito que contar e de que á xente lle gustaba, ou canto menos, interesáballe. Foi difícil, porque nin somos xa novos, nin levabamos unha longa traxectoria no teatro galego, co cal darse a coñecer foi complexo, e máis sendo de Lugo, que é unha provincia na que non hai moitas compañías profesionais de teatro, nin circuítos onde mostrar o teu traballo. Pero aos poucos, con tesón e ilusión fomos atopando un oco e intentando mostrar o que facemos. Desde outubro do 2015 levamos xa catro pezas estreadas: A órbita do lucecú, A verdadeira historia do Poeta Manuel de Paderna, PingüiSOS e agora Logos, así que parar, non paramos, pero falta moito por andar. Sentímonos contentos e orgullosos de poder mostrar o que facemos, de ser quen de crear as nosas propias obras e sacalas adiante. En xeral, valoramos a nosa traxectoria dun xeito moi positivo, pero aínda temos que conseguir facernos máis visibles.

A aposta pola creación propia é outro dos sinais de identidade. Esa aposta resulta un aliciente ou unha dificultade á hora de distribuír?

Penso que a dificultade na distribución ten máis que ver co descoñecemento da compañía que co feito de que os textos sexan de creación propia, isto sen dúbida é un valor engadido. A distribución en si mesma é complexa e hai que aprender a moverse nese ámbito. Agora imos da man de Urdime cos que estamos moi contentos e así podemos centrarnos máis no aspecto creativo. Penso que coma nós hai moitas compañías na Galiza que loitamos por facernos un oco, por darnos a coñecer, por buscar oportunidades para mostrar o noso traballo, pero os circuítos son os que son e conseguir funcións é moi complicado. Posiblemente fai falta máis apoio por parte das administracións para mellorar o tecido teatral galego e que todas as compañías teñamos a oportunidade de visibilizar o noso traballo. Pola nosa parte seguiremos traballando arreo para conseguilo porque o afastado faise próximo segundo nos achegamos.

Dise que escribimos para dirixirnos a alguén ou para falar por alguén. A quen se dirixe Anxo Manoel ao escribir e interpretar Logos?

A quen queira escoitar. Eu entendo que o teatro, ou mellor dito, aquel teatro que máis me gusta e que intento crear busca a reflexión do espectador desde o humor. Non se trata de soltar o meu ideario sen máis, ou de expoñer un panfleto; trátase de facer que algo se remova na xente. No caso concreto de Logos, quero poñer o foco no feito de que nos deixamos embrutecer. Gobernar a consumidores conformistas sempre é mellor que tratar con seres libres, que discuten, reivindican, esixen, avanzan. A idea é que cada un reflexione sobre se é realmente libre. Se só queremos unha sociedade de consumidores, estaremos a excluír a aqueles que non poden consumir, aferrados á esperanza de que non nos toque a nós. Pola contra, se optamos por ser cidadáns, teremos que ser protagonistas do noso tempo, pensar, intervir, cuestionar e asumir responsabilidades, participar na busca de solucións… cousa que dá moito traballo pero considero que xera máis satisfaccións.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

leonardoeosfontaneiros |

Tres montaxes teatrais para María Victoria Moreno

camiños butacazero 137 |

ButacaZero arranca o ano estreando #camiños