Camilo Díaz Baliño, protagonista dunha exposición na Biblioteca de Galicia

Camilo Díaz Baliño, o escenógrafo galego máis celebre do seu tempo, é o protagonista da mostra que organiza a Biblioteca de Galicia para conmemorar o Día da Ilustración e que leva por título Camilo Díaz Baliño: a xenialidade truncada. Un total de 54 pezas conforman a exposición, que inclúe libros, debuxos, documentos persoais, fotografías e manuscritos procedentes do arquivo persoal de Díaz Baliño, custodiado na Biblioteca de Galicia.

Unha caricatura de Camilo Díaz Baliño realizada por Álvaro Cebreiro, debuxos orixinais do artista para distintas escenografías, un álbum con fotografías, un manuscrito e debuxos de Díaz Baliño sobre a cabalgata que se celebrou con motivo da celebración do 25 de xullo de 1926, diversos manuscritos de membros das Irmandades da Fala e exemplares de libros con capas deseñadas por el son algunhas das pezas que se exhiben na exposición, desde o 30 de xaneiro ata o 7 de marzo.

Camilo Díaz Baliño é o protagonista do Día da Ilustración 2018, que se celebra este 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento de Castelao. Para impulsar a conmemoración deste día, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e a Consellería de Cultura e Educación poñen en marcha a web http://www.diadailustracion.gal/,onde están accesibles os principais recursos vinculados coa data, entre os que destacan o cartel coas actividades que promoven as bibliotecas de xestión autonómica arredor deste día e mais un vídeo sobre Díaz Baliño.

Díaz Baliño foi o escenógrafo máis importante e un dos artistas gráficos más destacados de Galiza. Foi membro das Irmandades da Fala –ás que lles deseñou a bandeira–, e do Partido Galeguista. En Madrid, onde estudaba coa axuda dunha bolsa, comezou a traballar nun taller de escenografía e rotulación e, xa de volta á Galiza, foi director artístico da empresa Fraga.

En 1920 instalou en Santiago un obradoiro de Arte –no que traballaría tamén o seu fillo Isaac Díaz Pardo– que se convertería nun dos centros dinamizadores da plástica galega e do nacionalismo. Realizou escenografías para, entre outras moitas, El Monte de las Ánimas, de Julio J. Casal, Rosiña e O fidalgo, de San Luis Romero, Lubicán e Trebón, de Armando Cotarelo, Mal año de lobos de Linares Rivas, ou, xunto con Castelao, a da obra de Cabanillas A man da santiña.

Como artista gráfico fixo ilustracións para as coleccións de obras literarias de Nós, Lar e Céltiga, de periódicos como A Nosa Terra e para publicacións galegas de América como Galicia, Terra galega ou El despertar gallego. Participou na campaña a prol do Estatuto de Autonomía realizando moitos dos cartaces. É autor de relatos publicados na prensa da época, sobre todo no xornal A Nosa Terra, cun forte estilo patriótico.

Detido ao comezo da guerra, morreu asasinado na madrugada do 14 de agosto do 1936. O seu cadáver apareceu nunha cuneta na parroquia de Meixide.

 

 

Día da Ilustración 2018. Camilo Díaz Baliño

© AGPI

Deixar unha resposta