O Festival Atlántica volve con máis de medio cento de funcións en oito concellos

A nova edición vai ser entre o 13 e o 18 de marzo e desenvolverase nos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol, Lalín, Teo e Pazos de Borbén. Xuntará vinte e cinco contadores de Camerún, Brasil, Portugal, Xaén, Tenerife, Madrid, Salamanca, Zamora, Valencia e Galicia que protagonizarán máis de 50 actuacións

 

 

O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa sexta edición, que se vai celebrar entre os días 13 e 18 de marzo. A presentación tivo lugar este luns, 19 de febreiro, nunha rolda de prensa na que participaron Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural de Santiago de Compostela, Mª del Pilar Pérez Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo, Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín, Andrés Iglesias Rodríguez, alcalde de Pazos de Borbén, e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.

Na súa intervención, Felloza destacó que este ano o Festival “segue a ampliar as súas sedes e vai levar espectáculos ata oito cidades”. Trátase dos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol, Lalín, Teo e Pazos de Borbén. Desta volta Atlántica vai desenvolver unha intensa actividade da que dan fe as cifras proporcionadas pola directora do encontro: “sete días, 25 artistas e 52 funcións”. Este medio centenar de espectáculos aínda pode medrar porque faltan por pechar actuacións nos centros de ensino.

Para Soledad Felloza, outra circunstancia salientable da edición deste ano é que, grazas á colaboración do Concello de Santiago, o Atlántica vai ocupar espazos moi diversos. Aos habituais teatros, bibliotecas, escolas e centros cívicos, vanse sumar agora máis Centros Cívicos, as prazas, as rúas, os bares, os museos e os centros de arte da cidade.

A directora do Festival tamén fixo fincapé na riqueza de linguas e acentos dos contos de Atlántica 2018. O público vai ter a oportunidade de gozar con contos en brasileiro, portugués, bamum –unha lingua camerunesa-, inglés e, por suposto, en galego. E ao carón destes idiomas, haberá historias con acento canario, andaluz, zamorano, salmantino ou madrileño. Un abano lingüístico que reafirma o espírito atlántico e aberto do evento.

 

Contos para todos

Como en edicións previas, Atlántica volve programar actuacións para todos os públicos e haberá de novo espectáculos para adultos, mais tamén para cativos, que se van desenvolver nas escolas e nos centros socioculturais dos concellos participantes. O carácter inclusivo do festival reafírmase coas sesións de contos para bebés e co espectáculo en lingua signada. Ademais, este ano recunca unha das actividades que mellor acollida tivo na pasada edición: os contos na rúa con Manuel Gago. E como novidade, a Banda de Música de Santiago de Compostela vai ser parte activa dun dos espectáculos programados.

 

O programa completo de Atlántica 2018 pode consultarse aquí.

Deixar unha resposta