Eixos: Ciclo de Teatro de Marionetas de Portugal e Galiza, en Santa María da Feira

Teatro Cachirulo e Títeres Alakrán únense ás compañías portuguesas S. A. Marionetas  e Marionetas da Feira na primeira edición deste ciclo. Será o primeiro dunha serie de encontros transfronteirizos para achegar as tradicións do teatro dos dous territorios.

 

Ao longo de 5 días, 4 compañías de teatro de marionetas de Portugal e de Galicia presentarán espectáculos e dinamizarán obradoiros para escolas e familias no Cineteatro António Lamoso,  en Santa Maria da Feira.

O programa complétase cunha tertulia para compartir testemuños e cruzamentos de historias entre marionetistas e público, a exposición “Marionetas no Mundo”, con exemplares de marionetas de Portugal, Ucraína, Brasil e Inglaterra, e a proxección do documental Teatro Don Roberto – Algúns Testemuños, do director Edgar Medina.

O programa iníciase o mércores 14 de marzo, ás 21:30, coa apertura da exposición “Marionetas do Mundo” e a proxección do documental Teatro Don Roberto. Ás 22:00, realízase a primeira experiencia en escenario para o público en xeral: Objectosfera, a cargo das Marionetas da Feira (máximo 150 persoas, mediante inscrición previa).

O día 15 de marzo, ás 10:00, realízase a primeira sesión para escolas, tamén ela unha experiencia no escenario do Cineteatro António Lamoso, co espectáculo O Castelo Asombrado + O Zé do Tellado, Teatro Don Roberto a cargo tamén dass Marionetas da Feira, que inclúe unha visita guiada á exposición “Marionetas no Mundo”. Esta experiencia no escenario para as escolas repítese o 16 de marzo ás 10:00.

A programación nocturna iníciase ás 21:30 coa visita guiada á exposición, seguida do espectáculo O Castelo Asombrado + O Zé do Tellado, no foyer do Cineteatro António Lamoso, dirixida ao público en xeral (máximo 150 persoas, mediante inscrición previa ). Despois do espectáculo, ás 22:30, sete marionetistas de Portugal e Galicia xúntanse nunha conversa informal, compartindo co público testemuños e cruzamentos de historias acerca desta vertente do teatro nos dous territorios.

O día 17 de marzo, ás 10:00, as Marionetas da Feira dinamizan un obradoiro de construción de monicreques para pais e fillos (inscrición previa, máximo 20 participantes). Á tarde, ás 15:30, haberá unha visita guiada á exposición “Marionetas do Mundo”, logo do espectáculo / experiencia en escenario Barriga Verde ataca de novo (16:00), pola compañía Títeres Alakrán (máximo 150 persoas, mediante inscrición previa). Ás 21:30 realízase a nova visita guiada á exposición, seguida do espectáculo ETC da compañía S.A. Marionetas de Alcobaça, no auditorio do Cineteatro António Lamoso.

O EIXOS remata a 18 de marzo cunha visita guiada á exposición “Marionetas do Mundo”, ás 15:30, seguida do espectáculo “A Cabeza do Dragón”, ás 16:00, a cargo da compañía Teatro Cachirulo (máximo 150 persoas , logo do rexistro previo).

Deixar unha resposta